Couza guatemalteca: Estes son os 9 concellos nos que a Xunta levanta a prohibición de plantar patacas

Permitirá facer cultivo controlado de cara á vindeira campaña en Ribadeo, A Pontenova, Lourenzá, O Valadouro, Riotorto, A Pastoriza, Ortigueira, Neda e Cariño pola baixa incidencia da praga nos dous últimos anos nestas localidades. As restricións manteranse noutros 17 concellos

Publicidade
Trampeo de la polilla guatemalteca.

Unha das trampas con feromonas que a Consellería ten distribuídas para o seguemento e control da praga

A couza guatemalteca (Tecia solanivora Povolny) seguirá impedindo botar patacas en 17 concellos galegos o vindeiro ano, aínda que a evolución da praga desde a súa aparición no 2015 e o establecemento das primeiras medidas de control no 2017 está a permitir o levantamento progresivo das restricións naqueles lugares onde as trampas instaladas por parte da Consellería do Medio Rural non detectan presenza de avelaíñas.

Segundo as previsións da Xunta, que teñen que ser ratificadas polo Goberno central, encargado da supervisión e control das medidas para a erradicación da praga a través da aprobación en 2017 do Real Decreto 197/2017 polo que se establece o Programa Nacional de Control e Erradicación da Tecia solanivora Povolny (BOE número 54, do 4 de marzo), a partir da publicación da resolución no DOG poderanse facer plantacións controladas de tubérculo en 9 concellos galegos, que pasan de estar declarados “infestados” a ser considerados “zona tampón”.

Os produtores encadrados nas zonas tampón deberán comunicar á Consellería a localización exacta das parcelas onde planten patacas para facer un seguemento do cultivo

Trátase de catro concellos da Mariña de Lugo (Ribadeo, A Pontenova, Lourenzá e O Valadouro), dous da Terra Chá (A Pastoriza e Riotorto) e tres da comarca de Ortegal (Ortigueira, Neda e Cariño). Nestes municipios poderanse botar patacas pero os propietarios das parcelas terán obriga de comunicar á Consellería o lugar exacto onde se fan as plantacións para que os técnicos poidan facer control e seguemento por se reaparecese a praga. 

Para esta comunicación, onde se deberán recoller todas as parcelas cultivadas con pataca, deberase empregar o modelo establecido no anexo I da resolución do 9 de febreiro de 2017 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro). A Consellería establece a data do 1 de abril como o prazo máximo para presentar as declaracións de cultivo nestas zonas tampón.

18 concellos abertos en dous anos

Os 9 concellos onde está previsto o levantamento das restricións para que se poidan facer plantacións o vindeiro ano engádense aos outros 9 que xa foran abertos no mes de xaneiro deste ano. As prohibicións iniciais tiñan unha vixencia de dous anos, coa posibilidade de seren prorrogadas se neste tempo a praga non desaparecía ou, pola contra, modificadas se a evolución así o permitía, como finalmente aconteceu nestes casos.

Os datos de seguimento efectuados en 2018 e 2019 en Ares, Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Mugardos e As Pontes de García Rodríguez na provincia de A Coruña e Abadín e Ourol na provincia de Lugo permitiron que neste ano xa se puideran retomar as plantacións, do mesmo xeito que en 2021 se poderá facer nos outros 9 concellos que agora se suman á reapertura, e onde os controis mostraron que non se detectou a presenza da praga durante polo menos dous anos consecutivos. Tamén se fixeron controis nos 9 concellos abertos no mes de xaneiro pasado e en todos eles confirmouse a ausencia de capturas de couza guatemalteca no que vai de 2020, segundo informou a Xunta este xoves a través dunha nota de prensa. 

O levantamento da prohibición está condicionado a que non se detecte presenza de insectos durante dous anos consecutivos no trampeo permanente que se realiza 

Como consecuencia da modificación da zona infestada actual podería haber cambios tamén na considerada zona tampón, como xa aconteceu en xaneiro deste ano ao quedaren excluídos desta zona de seguridade toda a superficie dos concellos de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior e Miño na provincia de A Coruña e os concellos de Xermade e Vilalba na provincia de Lugo, que adquiriron desde entón o status de zona libre da praga.

17 municipios manteñen a corentena

Malia a efectividade das medidas e a evolución positiva xeralizada no control da praga, manteranse as restricións en 7 concellos da provincia da Coruña e 10 de Lugo onde o trampeo de control establecido segue capturando exemplares de couza guatemalteca, aínda que en moito menor número que ao inicio, pasando nalgúns casos de capturar 240 exemplares en 40 días a tan só media ducia na actualidade.

Deste xeito, os concellos que manterán a declaración de infestados (e, polo tanto, onde seguirá prohibido facer plantacións de pataca un ano máis) serán na provincia de Lugo Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, O Vicedo, Trabada, Viveiro e Xove. Na provincia da Coruña os concellos infestados son os de San Sadurniño, Mañón, Muxía, Narón e Valdoviño e as parroquias de Lendo e Caión no concello da Laracha, así como a parte sur da parroquia de Noicela no concello de Carballo.

A Limia, principal comarca produtora de Galicia, semella a salvo da praga, que sen embargo avanzou pola provincia da Coruña até concellos como Carballo e A Laracha en Bergantiños ou Muxía na Costa da Morte, a onde se ampliou no 2018 a zona demarcada

As medidas fitosanitarias decretadas o 8 de marzo de 2017 pola Xunta para o control e erradicación da praga da couza guatemalteca da pataca na comunidade autónoma de Galicia pretendían evitar a propagación da zona infestada até as principais comarcas produtoras de pataca na comunidade, como son a de Bergantiños na Coruña ou a Limia en Ourense.

Aínda que semella que polo de agora a Limia, principal comarca produtora de Galicia, está a salvo da praga, a Tecia solanivora ten avanzado na provincia da Coruña até chegar a concellos como o de Carballo e A Laracha ou mesmo Muxía, a onde se ampliou a zona demarcada en marzo de 2018 tras terse detectado a presenza da praga en plantacións particulares realizadas neste municipio.

Problemas derivados do almacenamento para consumo

patacas_mariña_couza_apaisada

As recomendacións pasan por non almacenar nas casas máis dun saco ou dous de patacas para que o consumo sexa rápido e non permitir deste xeito a reprodución do insecto

As distintas medidas establecidas para o control da Tecia solanivora Povolny son de obrigado cumprimento tanto para os agricultores profesionais e de autoconsumo (os que máis abundan na zona en corentena) como para os operadores comerciais e puntos de venda tanto de pataca de consumo como para semente e a Xunta incrementou o número de sancións impostas a plantacións ilegais, venda a granel ou movementos de patacas non permitidos entre unhas zonas e outras, dado que non só o cultivo fai posible a permanencia da praga.  

De feito, aínda que xa van tres anos sen plantárense patacas nos concellos onde continúa vixente a prohibición e a couza só é capaz de sobrevivir en contacto co tubérculo, a súa almacenaxe segue a permitir a súa propagación e a captura de avelaíñas nas trampas aínda a día de hoxe.

En Burela existe un foco relacionado co acopio de patacas para consumo nas casas en cantidade suficiente para que a avelaíña se reproduza

Isto ocorre, por exemplo, en Burela, onde hai detectado un problema puntual localizado nun barrio concreto desta vila, onde se sospeita que a causa se atopa na almacenaxe privada nas casas de pataca mercada para consumo propio. As recomendacións neste eido pasan por non almacenar máis dun saco ou dous de tubérculo, para que o consumo sexa rápido e evitar que o acopio prolongado e en cantidade suficiente posibilite a reprodución da avelaíña.

Casos como o de Alfoz, que levaban dous anos sen positivos, volveron dar este verán

Noutros casos non se sabe a orixe concreta da propagación e logo de non se detectar a presenza de praga durante varios meses esta reaparece coa captura dalgún exemplar solto nos trampeos. Ocorreu isto, por exemplo, no caso do concello de Alfoz, que até o pasado mes de xullo levaba dous anos sen dar ningún positivo, pero nunha das trampas caeu un exemplar nese mes e volveu facelo en setembro, o que impedirá que en todo o concello se poidan labrar patacas o vindeiro ano, mentras sen embargo se prevé que sexa autorizado no veciño concello do Valadouro.

Agricultores profesionais e afeccionados, á espera para planificar o calendario anual de cultivos

Planta de patata habanera.

No norte de Lugo e da Coruña comézase a labrar a pataca nos meses de xaneiro e febreiro

A decisión sobre en que concellos se vai manter a prohibición, cales pasan a zona tampón e cales se declaran libres foi tomada esta semana logo da reunión da Comisión de Seguemento da praga, pero falta agora que a resolución sexa publicada no DOG tralo visto bo do Ministerio para a súa entrada en vigor. 

Non é unha cuestión menor, porque unha das características que comparten a maior parte dos municipios con restricións é a plantación temperán do tubérculo. Son as chamadas patacas de cedo, labradas nos meses de xaneiro e febreiro con miras á súa recollida a finais da primavera e principios do verán.

Os propietarios de parcelas en zonas onde se prevé a apertura reclaman axilidade á Xunta na publicación da resolución para poder encargar a semente e preparar as terras

Por iso, nas zonas afectadas había incertidume nas últimas semanas por coñecer a decisión da Xunta e son moitas as persoas, tanto a título particular como profesionais do sector da horta, que agardaban ter información sobre os posibles cambios de cara a planificar o calendario de cultivos da vindeira campaña.

Outro dos aspectos comúns nos concellos costeiros das provincias de Lugo e A Coruña é que se trata de lugares onde se labra fundamentalmente pataca para autoconsumo, o que multiplica o número de fincas e pequenas parcelas onde se bota o tubérculo e onde a Xunta deberá o vindeiro ano supervisar os cultivos.

Na Mariña e Ortegal abundan as plantacións de cedo destinadas a autoconsumo

O anuncio do levantamento das restricións en Ribadeo, A Pontenova, Lourenzá, O Valadouro, Riotorto, A Pastoriza, Ortigueira, Neda e Cariño, permitirá aos seus veciños planificar as plantacións de cara ao ano que vén e encargar a pataca de sementeira pero non poderán retomar o cultivo até que o DOG publique a resolución modificando a demarcación da praga e así o cambio de situación destes concellos entre en vigor oficialmente. Por iso, nestes concellos agárdase que a resolución se publique canto antes para poder mercar a semente e preparar as terras para poder labrala. 

San Sadurniño terá que agardar

Pataca afectada pola couza guatemalteca

Pataca afectada pola couza guatemalteca

Malia que se debateu na comisión técnica se levantar ou non as restricións no concello de San Sadurniño, finalmente a Consellería decidiu manter a este municipio como zona infestada. O Concello desta localidade de Ferrolterra advertía a principios de semana que había xente “interesándose nas agrotendas por cando vai empezar a vir pataca da semente para as plantacións de cedo”, pero desde o Goberno municipal mantiñan a prudencia e recomendaban aos seus veciños non mercar pataca de semente mentres non houbese un levantamento oficial da prohibición de plantar para que non lles acontese o mesmo que pasou no 2017, cando a prohibición da Xunta chegou a mediados do mes de marzo, cando moitos veciños  tiñan xa a semente mercada nas súas casas, ou mesmo botada xa nas súas leiras, o que obrigou á Xunta a ter que recollela, indemnizar a súa compra e a decretar o levantamento das plantacións efectuadas.

Abonda con capturar un só un exemplar para constatar que a praga segue presente nun concello e, en consecuencia, que todo seu territorio siga pechado ao cultivo, independentemente do lugar onde se producise a captura

“Medio Rural ten distribuídas polas 7 parroquias deste concello un total de 52 trampas dotadas de dispositivos con feromonas que atraen aos insectos de Tecia solanivora Povolny e en setembro de 2018 aquí aínda caeron nas trampas algúns insectos. Durante 2019 non se detectou ningún e, se se respectou a prohibición de plantar e a normativa sobre movementos e almacenaxe, en 2020 tampouco deberían ter aparecido, dado que esta praga só pode sobrevivir e reproducirse onde hai patacais”, indican desde a entidade local, que lamentan non ter “datos oficiais que nos permitan saber cal é o estado da praga no noso municipio” e temen “que a Xunta manteña as restricións ata o 2023, posto que terían que pasar dous anos sen presenza da praga -2021 e 2022- para volver autorizar as plantacións”.

A día de hoxe, non trascenderon datos oficiais que nos permitan saber cal é o estado da praga no noso municipio (Concello de San Sadurniño)

Por iso, desde o Concello insisten en transmitir aos veciños que “en San Sadurniño as restricións seguen vixentes e non se pode plantar patacas, polo que os veciños que se adiantaron á decisión da Xunta e mercaron xa a semente non poderán labrala e “tampouco é demasiado aconsellable comer esa pataca ante a dúbida dos tratamentos antixermolantes que poida traer que, por certo, están prohibidos”, lembran desde o Concello de San Sadurniño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información