Couza guatemalteca: ¿En que concellos non se poderá plantar pataca este ano en Galicia?

Publicidade
Couza guatemalteca: ¿En que concellos non se poderá plantar pataca este ano en Galicia?

A Consellería do Medio Rural publica este venres no Diario Oficial de Galicia unha resolución pola que decide ampliar as zonas infestadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny (couza guatemalteca da pataca) na Comunidade Autónoma de Galicia ás parroquias de Sorrizo (San Pedro) e Chamín (Santaia) no concello de Arteixo, na provincia da Coruña. Nestas parroquias, por tanto, estará prohibido plantar pataca a partir de agora.

Consideraranse zonas tampón, estremeiras con estas novas zonas infestadas, as parroquias de Barrañán (San Xián) e Armentón (San Pedro) no concello de Arteixo na provincia da Coruña. Os agricultores de todas as zonas tampón poden plantar pataca, pero deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira e, en todo caso, antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas co tubérculo.

Concellos deixan de ser zona infestada

En canto as medidas de erradicación da praga, a Xunta informa de que as medidas adoptadas están dando os seus froitos: “A día de hoxe, os datos de seguimento da presenza deste organismo nocivo mostran un avance significativo na súa contención, previa a unha posible erradicación, xa que nos concellos de Cariño, Neda e Ortigueira na provincia da Coruña e Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e O Valadouro na provincia de Lugo, non se ten detectado a presenza deste organismo durante dous anos consecutivos”. 

Xa que logo, Medio Rural informa de que os devanditos concellos deixan de ser considerados como zonas infestadas por Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca e pasan a ser considerados dentro da zona demarcada como zonas tampón, podendo plantar pataca de novo este ano, aínda que informando á administración.

Concellos de Galicia nos que está prohibido plantar pataca debido á couza guatemalteca

Pola contra, considerase zona infestada na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Mañón, Muxía, Narón, San Sadurniño e Valdoviño e das anteriormente citadas parroquias de Sorrizo (San Pedro) e Chamín (Santaia) no concello de Arteixo, de Lendo (San Xián) e Caión (Santa María do Socorro), no concello da Laracha, e a parte sur da parroquia de Noicela (Santa María), no concello de Carballo.

Na provincia de Lugo considerase como zona infestada a totalidade da superficie dos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, Trabada, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Zonas tampón

Considérase zona tampón na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de Cabanas, Cariño, A Capela, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Moeche, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez e A Somozas, unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos concellos de Cee, Camariñas, Dumbría, Fisterra e Vimianzo e, ademais, as parroquias de Monteagudo (San Tomé), Barrañán (San Xián) e Armentón (San Pedro) no concello de Arteixo, Rebordaos (San Salvador), Vilela (San Miguel) e a parte norte da parroquia de Noicela (Santa María), segundo figura no anexo, no concello de Carballo, e Cabovilaño (San Román), Lemaio (Santa María) e Torás (Santa María), no concello da Laracha.

Na provincia de Lugo a zona tampón supón os concellos de Abadín, Lourenzá, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto e O Valadouro e unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas do concello de Muras.

Enlace á resolucón do DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información