Couso, o monte que pasou de escombreira a referente ecolóxico

O labor da Comunidade de Montes de Couso, en Gondomar, foi recoñecido pola ONU como exemplo no coidado do entorno. O monte veciñal enfocouse en aproveitamentos multifuncionais, que inclúen o cultivo de shiitake e arandos, así como na sustitución de eucaliptos e acacias por frondosas caducifolias

Cando Xosé Antón Araúxo e o seu equipo chegaron á dirección da Comunidade de Montes de Couso en 2008, as parcelas forestais da súa parroquia eran “un niño de esterco”. “Era algo escandaloso. Ata que chegamos nós, as anteriores directivas non crían no monte. Entendíano como un apéndice dos concellos.”, explica Araúxo. O primeiro obxectivo que se marcaron daquela foi sacar todo o lixo que estaba ciscado no monte. Centos de kilos de escombro de obras ensuciaban gran parte do monte e impedían comezar os traballos de reforestación que tiñan na mente.

Mais con moitas horas de limpeza e un gran labor de educación, conseguiron revertir aquela situación e centrarse de cheo nos proxectos de revalorización do monte. Eses traballos e a súa xestión do monte foi recoñecida pola Organización das Nacións Unidas como exemplo de coidado do entorno: “Os comuneiros e comuneiras estamos moi orgullosos da nosa xestión. Tanto é así que dende o 2019 estamos no rexistro de Áreas Conservadas por Comunidades Locais (ICCA) da ONU”, explica Xosé Antón.

A ONU puxo en valor a nivel internacional o seu labor de preservación de especies como o castiñeiro e o carballo

Un dos factores fundamentais que levaron á ONU a outorgarlles este recoñecemento foi a preservación das frondosas autóctonas como o carballo e o castiñeiro, que se acompañaron de novas plantacións de frondosas como a nogueira e a cerdeira. De xeito paralelo, a comunidade comezou a eliminar especies como o eucalipto e invasoras como a acacia. Esta estratexia complementouse cunha técnica de nova implantación en Galicia, a inoculación de shiitake en tocóns de eucalipto.

Xunto á empresa Circular Forest, capitaneada por Miguel Ángel Martínez e José Luis Ríos, os montes en man común de Couso están a servir de campo de ensaio para o cultivo de shiitake en tocóns. “Cada vez hai máis comuneiros que queren darlle un valor maior aos montes e ir eliminando progresivamente as plantacións de eucalipto que só son rendibles para as grandes empresas”, opina Araúxo.

O proceso que seguen é o seguinte. Logo das cortas en parcelas que queren repoboar con frondosas, inoculan shiitake nos tocóns que quedan. Deste xeito, “o fungo vai transformando a biomasa en cogomelos de alto valor culinario. Ademais, como o tronco ten que quedar cuberto da luz, tamén impide o rebrote”, explica José Luis.

Porén, a relación da Comunidade de Montes de Couso con Circular Forest naceu con anterioridade. O proxecto no que comezaron a traballar xuntos foi na elaboración de unidades de produción autónoma de shiitake. Neste caso, habilitaron unha parcela de 500 metros cadrados para facer un cuberto no que acopiaron ordenadamente pólas de frondosas ás que, posteriormente, tamén lle inocularían shiitake.

A idea de levar a cabo esta revalorización do monte naceu, como explica Xosé Antón, para crear postos de traballo fixos. Coa venda de madeira vían que non sacaban un bo rendemento. “Nos adicabámonos á venda de piñeiro e eucalipto. O rendemento que lle sacabamos ao eucalipto era de 1,14 euros por metro cadrado cada vinte anos. Para nós aquilo era unha miseria”, argumenta Araúxo.

Naquel momento decidíronse a buscar alternativas como a plantación de framboesas, grosellas e arandos para comercializar e, por suposto, o cultivo do shiitake. O presidente da Comunidade de Montes de Couso recoñece que teñen trabas para competir cos prezos dos elaborados industriais e, por iso, están a traballar man a man co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia para certificar os seus produtos. Actualmente, venden shiitake fresco e marmeladas, pero agardan que, no curto prazo, poidan comercializar un paté de shiitake, castañas e derivados delas.

WhatsApp Image 2021-11-23 at 12.06.32

As súas primeiras Xornadas Micolóxicas e Gastronómicas

A entidade organiza este fin de semana as súas primeiras Xornadas Micolóxicas e Gastronómicas. As actividades desenvolveranse na Casa Veciñal da parroquia gondomareña e arrincarán o sábado, día 27, ás 9.30 cunha saída ao campo que inclúe unha visita ao recinto de cultivo. A continuación, haberá unha charla teórica e unha degustación e, xa pola tarde, unha exposición micolóxica.

O domingo ás 13.00 terá lugar unha degustación de shiitake a 3 euros a tapa. Os asistentes gozarán de 3 receitas de 3 cociñeiros. Pola tarde Alejandro Mínguez impartirá unha charla sobre cociña de cogomelos e ás 18.00 comezará un magosto. O aforo está limitado a 40 persoas e os interesados poden inscribirse a través da web montesdecouso.gal. O prezo é de 12 euros por persoa.

I_xornadas_micoloxicas_final_page-0001-min

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información