Cotelo Ameixenda SC é unha gandería familiar situada no lugar de Limiñoa, na parroquia de Pazos (Ponteceso) que enfoca a súa estratexia á produción de sólidos, que é o que lle demanda a industria que lle merca o leite.
A granxa lévana Alberto Busto e a súa nai, Rosalía Lorenzo. Alberto ten 36 anos e incorporouse fai 10 anos á granxa familiar tras facer o ciclo medio de Gandería en Fonteboa e traballar despois no servizo de substitución da cooperativa Coreber, indo muxir a outras explotacións da zona, e tamén facendo campañas de ensilado de millo varios anos en León cunha empresa de servizos agrarios.
Alberto é dos gandeiros máis novos da contorna
Ademais de atender a súa granxa, Alberto segue a traballar aínda algo para fóra, xa que fai as substitucións no carro mesturador comunitario e nas campañas vai de chófer tamén para a empresa de servizos que lle fai os traballos. “Moito tempo non dá; deixas sen facer unha cousa para facer a outra”, recoñece.
Robotización
Fai 6 anos construíron un novo establo e decidiron robotizar o muxido para gañaren un pouco máis de liberdade horaria. Empezaron cun Lely A3 de segunda man e dous anos despois puxeron un A5 novo.
“O A3 foi unha solución momentánea porque para instalar o A5 tiñamos que facer obras na nave, mentres que o A3 adaptábase mellor, polo tipo de entrada e de saída, á configuración que tiñamos naquel momento”, explica. O A3 puxérono nun lateral, mentres que para instalar o A5 ampliaron a nave para colocalo centrado na cabeza dos cubículos.
Dispoñen de robot de muxido e unha amamantadora para as becerras
A configuración actual do establo foi feita en varias fases. Alberto incorporouse no 2015 e no 2018, cun plan de mellora construíu a nave nova e a fosa de purín. Para a segunda fase (ampliación dunha das cabezas da nave e instalación do novo robot) xa non pediu axuda, porque, conta “o que nos pedían a maiores, que era adaptar a cisterna que temos para os inxectores do purín, era o que nos daban de subvención, polo que xa se comía o importe da axuda”, di.
Tardáronlle dous anos en conceder a licenza municipal para facer a ampliación e colocar o robot A5
Alberto é moi crítico co sistema de concesión de subvencións, que ten “cousas absolutamente ilóxicas”, di. “Por exemplo, para poñer o robot inicial non nos daban Plan de Mellora porque nos esixían a produción do robot dous anos antes de poñelo e de aumentar ás vacas, tiñamos que ter producido 500.000 litros os dous anos anteriores cando non tiñamos nin instalacións para ter tal número de vacas, porque só tiñamos a corte vella”, explica.
No establo antigo tiñan 23 prazas, aínda que chegaron a meter 45 animais. O ano que Alberto se incorporou, o 2015, foi tamén o último das cotas lácteas. “Como iamos moi pasados baixámoslles ao penso e secamos vacas antes de tempo”, lembra.
Enfocados cara a produción de sólidos
Na actualidade teñen 65 animais en produción e móvense de media entre 36 e 37 kg, cun 4% de graxa e 3,60% de proteína. Entregan a Inleit desde fai 3 anos, polo que enfocan a súa estratexia á produción de sólidos.
Unha das decisións que tomaron foi comezar a cruzar o seu gando, seguindo o sistema Procross de cruzamento rotativo frisón-montbeliarde-rojo sueco. “Empezaramos traendo 18 vacas cruzadas de Portugal a finais do 2019, cando nos pasamos para o establo novo, e xa estabamos inseminando tamén as nosas con montbeliard. Hoxe só nos quedan 10 frisonas puras, pero estamos cruzando todo”, conta.
Non exprimen as vacas en lactación, que as teñen unha media de catro partos e reemprázanas por xovencas para evitar problemas. “Non as estiramos, así tamén valen máis, e cos prezos que hai hoxe as vacas de desvelle son unha fonte de ingresos importante nunha granxa”, recoñece.
Descarte voluntario

Na nave das secas e as xovencas preñadas puxeron tamén un robot de limpeza
Cotelo Ameixenda aposta por vacas fortes e resistentes. “Cando viñan os calificadores e lle poñían unha boa puntuación a unha novilla moitas veces non pasaba dese parto, eu vía que as que daban cartos eran as que puntuaban de 80 para baixo. Buscaban unha vaca demasiado enclenque, moi altas, finas e de moita pata e eu non criaba o que a eles lles gustaba. As vacas máis pequenas eran as que me duraban e as que pasaban dos 100.000 litros vitalicios”, di Alberto.
Na maioría dos casos eliminan animais por descarte voluntario para poder dar entrada a xovencas que van parir, ao non ter máis espazo no lote de produción e dispoñer dun único robot. “Para meter unha xovenca tes que sacar unha vaca”, evidencia.
O intervalo entre partos da granxa é neste momento de 365 días
Con 65 vacas no robot logran medias de 2,6 muxiduras diarias, pero chega até as 10 o número de atrasos que teñen que meter polas mañás. Por iso, un dos motivos principais de descarte é a adaptación ao robot en factores como a velocidade de fluxo ou a colocación dos pezóns. O intervalo entre partos da granxa é neste momento de 365 días. “Estamos nun parto por ano”, explica Alberto.
Priman o benestar animal
Nas camas teñen serrín con carbonato. “Tivemos durante 3 anos area, pero volvemos ao serrín con carbonato polo maior desgaste das instalacións, sobre todo nas arrobadeiras e no robot”, conta.
Dispón dun pozo do purín de 1,3 millóns de litros colocado de tal xeito que se decidise dobrar e poñer outro robot a arrobadera xa baleiraría directamente nel. Tamén os silos están apartados para que colla a outra ala na nave, pero Alberto asegura que a curto prazo non ten en mente ampliar.
“O investimento é grande, porque temos que facer o mesmo que temos feito pero cos prezos actuais, que case se dobraron a respecto de cando nós o fixemos, que foi cos prezos de antes da pandemia”, di.
Teñen unha cisterna de 12.000 litros sen inxectores
Utilizan bacterias para licuar o xurro, que é bastante espeso no seu caso, xa que a auga das limpezas téñena separada noutra fosa, que utilizan para licuar o purín na nave vella, onde están as vacas secas e as xovencas preñadas, mentres que a recría máis pequena, até o ano de idade está na corte inicial coa que empezaron os seus pais, que está pegada á casa.
55 hectáreas de superficie

Dispoñen dun pozo de xurro de 1,3 millóns de litros e dunha cisterna de 12.000 litros para botalo
Traballan 55 ha de superficie agraria das que botan unhas 20 a millo. A medida que foron aumentando ás vacas tamén o fixeron á terra. “Pechou aquí unha granxa fai dous anos e collémoslles case todas as fincas nós, unhas 20 hectáreas”, explica Alberto.
“A terra que temos chéganos, porque é bastante produtiva”, conta. Na parroquia de Pazos hai concentración parcelaria feita nos anos 60 “pero aínda así hai bastantes fincas pequenas que imos xuntando nós, senón non valerían moito para traballar coa empresa de servizos. Agora temos unha base territorial suficiente, e podemos escoller que fincas nos interesan e cales non”, di.
O alugueiro na zona ronda de media os 300 euros por hectárea
As parcelas que teñen máis lonxe están a 5 km pero ten bos accesos, xa que linda coa estrada xeral. “Non é o mesmo que ir 5 km saltando por unha pista chea de vaches”, razoa. Os alugueres na zona rondan de media os 15 euros o ferrado (524 metros). “Son prezos razoables porque a presión pola terra non é excesiva”, indica.
Ración a base de silo de millo
Unha parte dos traballos agrarios fanos eles e outros subcontrátanos a unha empresa de servizos. Forman parte tamén dunha CUMA con outras ganderías da zona para o servizo compartido de carro mesturador.
A ración de vacas en lactación leva 29 kg de silo de millo, 14 de silo de herba e 6 de penso, máis os 5,5 que puntean no robot. Fai un ano tiveron un problema cunha analítica dun silo de millo que lles descompensou a ración, provocando unha baixada na produción de leite e nos índices de preñez da granxa, que tardaron en lograr corrixir. “Afectounos mesmo á saúde podal, cun montón de vacas coxas”, conta.
Para solucionalo, variaron a cantidade de silo de millo e optaron tamén por cambiar o concentrado. “Son os dous elementos cos que podes xogar. Algún ano fixeramos algo de gran húmido, porque mercaramos millo a unha explotación veciña que pechara, pero este ano non tiñamos, polo que tes menos ingredientes para formular”, explica.
Con robot, non che entran moitos quilos de gran húmido na ración, nós estabamos metendo 3 kg
Pensa que o gran húmido pode ser interesante sobre todo para ganderías que moxen en sala ou naquelas granxas que meten bastantes quilos de silo de herba na ración. “Se a túa ración se basea no silo de millo, o gran húmido non é tan útil, porque xa pouco millo máis che colle na ración. Nós neste momento, por exemplo, cos 29 kg de silo de millo que metemos na ración estamos xa case no tope do que podemos meter, porque se tes moi alta a enerxía no pesebre cústalles máis acudir a muxirse ao robot”, argumenta.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics