As ganderías da provincia da Coruña foron as que máis incrementaron a produción de leite nos últimos anos, en concreto un 18,41%, por riba da media de Galicia, que foi dunha suba das entregas dun 14,81%.
Así se desprende dos datos facilitados pola Consellería do Medio Rural referidos a evolución das entregas de leite na comunidade entre os anos 2016 -despois do fin das cotas lácteas- e o 2021.
En concreto, as entregas de produtores a primeiros compradores de leite en Galicia pasaron de 2,527 millóns de toneladas a 2,901 neses cinco anos, o que supuxo un incremento do 14,81%.
Por provincias, A Coruña mantén e reafirma o seu liderado na produción de leite en Galicia e en España, cunhas entregas en 2021 de 1,305 millóns de toneladas de leite, un 18,41% máis ca en 2016. Séguelle de preto a provincia de Lugo, que pasou de entregar á industria 1,142 millóns de toneladas de leite no 2016 a 1,283 no 2021, o que supón un incremento do 12,39%.
A moita distancia situáronse as entregas de leite das ganderías da provincia de Pontevedra: 0,296 millóns de toneladas no 2021, un 11,49% máis que as 0,266 entregadas no 2016.
Por último, a produción de leite de vaca na provincia de Ourense segue sendo residual e mesmo vai en descenso. En concreto, pasou de entregar 16.071 toneladas no 2016 a 15.264 no 2021, o que representa unha baixada do 5,03%.
Fonte: Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia