Coronavirus: Quedan en suspenso todos os prazos para a solicitude de axudas no sector agrogandeiro e forestal

Os prazos de solicitude de todas as axudas tramitadas pola Xunta de Galicia -e polo resto de administracións- quedan en suspenso, tales como os prazos para solicitar axudas da PAC, de plans de mellora, axudas de incorporación ou axudas ao sector forestal.

Así se recolle na resolución da Xunta de Galicia publicada este domingo no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que entrou en vigor este luns.

En concreto, “suspéndense os termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público”. “O cómputo dos prazos reiniciarase no momento en que perda vixencia o presente acordo ou, se é o caso, as prórrogas deste”, engade a resolución

Non obstante o anterior, precísase que “o órgano competente poderá acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses do interesado no procedemento e sempre que este manifeste a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo”.

Ademais, tamén se acorda que “os prazos de prescrición e caducidade de calquera acción e dereito quedarán suspendidos durante o prazo de vixencia do estado de alarma e, se é o caso, das prórrogas que se adoptaren”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información