Coronavirus: Piden que se apracen a negociación de contratos lácteos e as solicitudes de axudas

A organización Unións Agrarias, solicita o aprazamento inmediato dos procesos administrativos vinculados a tramitación de axudas, fiscalización e de pagamento de débedas coas administracións que vinculen a gandeiros e agricultores.

“Ante a evidente imposibilidade dos produtores de poder cumprir coas xestións pola paralización que sufre a maquinaria administrativa debido as restricións que impón a loita contra o coronarivus, pedimos que non se penalicen os retrasos na presentación de documentación para todo tipo de convocatorias abertas”, defenden.

Do mesmo xeito, esíxese que na liquidación de impostos e cargas sociais se teña en conta a delicada situación na que quedan moitos produtores ante a incerteza que xera o actual escenario económico.

Moratoria na negociación de contratos lácteos

Unións Agrarias solicita tamén unha moratoria na negociación de contratos lácteos coas industrias, “dada a imposibilidade de celebrar asembleas con gandeiros para informar e acordar propostas ao respecto”.

Unións Agrarias adía o calendario congresual

A organización agraria decidiu adiar o calendario de congresos comarcais previsto para as vindeiras semanas dadas as restricións a concentración de persoas en espazos pechados que impoñen as autoridades sanitarias. “En función de como evolucione a situación do andacio de coronavirus, UUAA porá en marcha novamente a maquinaria congresual nas comarcas para finalizar coa celebración do XI Congreso Nacional Galego”, aseguran.

Polo demáis, Unións Agrarias ven de activar un plan de contixencia para todo o persoal tanto na súa sede nacional en Santiago de Compostela como nas 30 oficinas comarcais para facilitar a conciliación familiar mediante quendas de traballo presencial e implementación do teletraballo.

A organización, púxose en comunicación cos mais de 13.900 afiliados cos que conta para poñer en marcha un sistema de cita previa para as consultas e xestións administrativas, tratando de evitar así, as concentracións de persoas nas distintas sedes. Neste sentido, UUAA advirte tamén que “dada esta limitación de persoal e recursos, non lle será posible cumprir con algunhas execucións e tramitacións administrativas, circunstancia que xa lle será comunicada aos organismo e administracións competentes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información