O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación anuncia que establecerá medidas de apoio directo para os sectores de ovino e cabrún para facilitar a saída dos animais das granxas e aliviar a situación na que se atopan os produtores tras a declaración do estado de alarma a consecuencia do COVID-19.
Estes sectores víronse especialmente afectados pola rápida deterioración do mercado da carne de ovino e caprino, dado que a súa produción é marcadamente estacional e vinculada ao seu consumo en restaurantes e hostalaría, canles que tiveron que pechar polas medidas de confinamento decretadas, o que xerou un gran excedente.
Desta forma, poderán acollerse ás axudas os gandeiros de ovino e caprino cuxas granxas teñan un censo de máis de 30 femias reprodutoras, así como as granxas de tratantes e os centros de concentración.
O importe máximo da axuda será de 30 euros por animal, que teñan unha idade igual ou menor a 4 meses, que saísen da granxa con destino ao matadoiro entre o 14 de marzo e o día seguinte á finalización do estado de alarma, ambos inclusive, até un máximo de 70 animais por granxa e de 200 no caso de tratantes e centros de concentración.
Estas medidas recolleranse nun real decreto do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que se tramitará con carácter de urxencia. O Ministerio financiará estas axudas, cuxas solicitudes serán tramitadas polas comunidades autónomas, unha vez publicado o real decreto, mediante os procedementos oportunos para a presentación de solicitudes, tramitación, resolución e pago, ao longo de 2020.