Coronavirus: medidas de prevención no sector gandeiro

Cooperativas, fábricas e produtores incrementan as medidas preventivas para minimizar os riscos de contaxio do Covid19 ó tempo que manteñen a actividade básica. Realizan axustes de quendas de traballo, reducións de servizos e empregan proteccións e distancias de seguridade para frear a expansión

Coronavirus: medidas de prevención no sector gandeiro

As cooperativas continúan mantendo servizos básicos como o carro mesturador para a alimentación da cabaña gandeira.

Logo das restrincións de actividade impostas polo goberno para tentar frear o avance do coronavirus, o sector gandeiro, un dos únicos que se mantén con actividade para garantir o suministro de alimentos á poboación, está a ter moi en conta as medidas preventivas. O risco de contaxio e as consecuencias que poden derivar para un sector que traballa con produtos perecedoiros están moi presente entre os produtores.

Cooperativas, fábricas lácteas e de pensos así como os propios gandeiros están incorporando ás súas rutinas os protocolos dictados polo Ministerio de Sanidade para tentar reducir ó máximo o contacto entre as persoas durante a súa actividade diaria. Coñecemos como están a traballar estes días nalgunhas das cooperativas galegas.

Aira

“Estamos traballando con normalidade, pero implementando todas as medidas de seguridade”

Na cooperativa Aira están a traballar nas medidas de seguridade en tódolos ámbitos e optando por reducir ó máximo o contacto entre o persoal dos diferentes sectores. “Polo momento estamos traballando con normalidade tanto na fábrica de penso como na factoría de leite pero implementando todas as medidas de seguridade, aínda que ó abarcar moitas áreas de actividade resulta moi complexo”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de Aira.

Nas súas tendas e almacéns onte xa facían tamén algunhas recomendacións básicas para garantir o servizo sen poñer en risco a saúde dos empregados e dos socios. Limitacións no aforo, distancias de seguridade, optar polo pago con tarxeta son algunhas das indicacións. Tamén dispoñen de luvas nas tendas que os clientes deben empregar para facer as compras e recomendan que anciáns, nenos e grupos de risco non acudan a estes espazos.

O teletraballo tamén está a ser unha opción para o persoal administrativo, ó tempo que introduciron novos sistemas de comunicación cos transportistas para evitar o contacto directo.

Clun

“O noso obxectivo é continuar funcionando todo o tempo que dure a crise coas máximas garantías”

Na cooperativa Clun, están mantendo practicamente a totalidade dos servizos ós socios, aínda que coas limitacións lóxicas. Así, os desprazamentos do persoal veterinario ás granxas redúcense ós imprescindibles, en tanto o taller de maquinaria permanece pechado, aínda que con xente traballando no interior, dispoñible para atender posibles emerxencias.

O máis importante, os servizos de recollida de leite e de subministro de penso operan con total normalidade. Os condutores dos camións teñen instrucións para intensificar os protocolos de desinfección das mans e reducir o contacto co persoal das granxas. Todo o persoal de Clun ten unha medición de temperatura á entrada do traballo e para o caso de que algún chofer dos camións enferme, hai rutas gravadas por GPS que facilitarían a súa substitución.

“O noso obxectivo é continuar funcionando todo o tempo que dure a crise coas máximas garantías, prestándolle servizo ós nosos socios, que tampouco poden cesar na súa actividade, e subministrando ó mercado”, explica o director xeral de Clun, Rafael Prieto.

A atención física ós socios nas tendas da cooperativa mantense, cunha limitación das persoas que poden estar dentro do establecemento de forma simultánea. Pídeselle ós socios que se non é imprescindible, non acudan á sede da cooperativa e nas tendas, estánselles ofrecendo servizos como a preparación de pedidos previos, que só teñen que pasar a recoller, ou o reparto a domicilio naquelas zonas nas que é posible.

O persoal de oficinas, pola súa banda, está teletraballando dende a casa en parte, co obxectivo de reducir interaccións e aumentar seguridade.

Cobideza

“Hai certo nerviosismo, pero estase incidindo nas medidas de bioseguridade”

En Cobideza, tamén están a garantir os servizos ós socios, pero estableceron pautas para lograr unha maior coordinación nas visitas técnicas e reducir o persoal nas ganderías. “Hai certo nerviosismo sobre todo nos traballadores de atención ó público, pero estase incidindo moito no cumprimento das medidas de bioseguridade e estamos traballando con certa normalidade”, concreta Román Santalla, presidente da cooperativa.

A recollida de leite levouse a cabo sen incidencias polo momento e os leiteiros están a tomar medidas preventivas como o uso de luvas. Tamén na queixería Dona Cobiña, situada en Agolada e que xestiona a cooperativa, están a incrementar as medidas de bioseguridade entre os traballadores.

En canto ás forraxes están a notar un incremento da demanda por parte dos gandeiros, que procuran aumentar os seus aprovisionamentos. Polo momento, contan con subministros e non tiveron falta de abastecemento nos produtos básicos. Tamén están a tomar medidas de bioseguridade nas tendas, limitando a presenza dunha soa persoa na zona do mostrador coa distancia mínima dun metro e medio e prohibindo o acceso dos socios ás oficinas, ós tractores e á maquinaria co fin de evitar os riscos de contaxio.

A gasolineira está a ser outro dos puntos onde incrementaron as restricións, optando polo autoservizo. Ademais, están a recomendar ós seus socios que tamén eviten a colaboración nas súas granxas de persoas de risco como maiores ou doentes con enfermidades crónicas.

O Rodo

“Non podemos parar, polos nosos animais e porque debemos garantir alimentos, pero estamos aumentando a seguridade”

Na cooperativa O Rodo, en Rodeiro (Pontevedra), as medidas de bioseguridade tamén están moi presentes en tódalas actividades tanto do persoal como dos socios. Os traballadores da cooperativa están a limitar ó máximo o contacto e están a empregar luvas en boa parte das actividades.

Nas áreas de atención ó público como a tenda están a limitar o aforo e na gasolineira optaron polo autoservizo e por habilitar os pagos xa dende unha xanela, permitindo tanto o pago en efectivo como en tarxeta.

Tamén remitiron xa indicacións ós comerciais para que reduciran as visitas ó máximo e recomendan ós socios que fagan boa parte das súas xestións por teléfono para evitar ó contacto.

Boa parte da recollida do leite das ganderías socias xa se adoitaba facer pola noite, polo que isto tamén favorece que se evite o contacto cos gandeiros, á par que se estableceron protocolos específicos para os leiteiros. “Nós temos que seguir traballando tanto para alimentar ós nosos animais como para producir alimentos para a cidadanía, pero estamos aumentando ó máximo a seguridade”, indica José Luis Camiñas, presidente da cooperativa.

Cooperativa Hoxe

“Estamos extremando medidas e establecendo cortalumes entre as distintas áreas”

As queixerías tamén están a traballar moi pendentes das medidas biosanitarias. Os seus esforzos céntranse en evitar o contacto do persoal ó máximo, aínda que naquelas cun tamaño menor resulte unha tarefa moi complexa ante a dificultade de organizar diferentes quendas para realizar o traballo. “Nós estamos extremando medidas de prevención e establecendo cortalumes entre as distintas áreas para evitar ter que paralizar a produción de se producir un contaxio nalgún departamento”, explica Lito Andión, xerente da cooperativa Hoxe, situada en Lalín.

Ademais tamén estableceron novas rutinas para os traballadores co gaio de evitar que coincida un elevado número en determinados espazos, aínda que nalgúns procesos estalles a resultar moi complexo ó tratarse dunha queixería semiindustrial, unha situación na que se atopan tamén outras industrias de tamaño similar.

A recollida do leite é outro dos aspectos que máis preocupa á queixería ante o risco de que poida producirse un contaxio que obrigue a paralizar a actividade e que afecte ós gandeiros, que non poden interromper as entregas de leite. “Somos moi conscientes desa problemática e tentaríase afrontar a recollida con outras firmas ou buscar solucións. Por agora estamos traballando tamén para que haxa o menor contacto posible na recollida”, concreta Andión.

Máis información
Garantindo o suministro de penso en tódalas granxas galegas: acordo dos fabricantes.

Recomendacións

Á hora de falar de recomendacións en materia de bioseguridade para as ganderías fronte ó coronavirus o profesor titular de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria e experto en bioseguridade nas granxas, Gonzalo Fernández Rodríguez, incide en que as medidas biosanitarias están a ser as mesmas que noutros ámbitos, posto que o contaxio non procede dos animais.

Así o lavado habitual das mans e as limitacións de contacto con outras persoas deben ser unhas das normas básicas. Fernández tamén recomenda que se reduza ó máximo as visitas de provedores para evitar a presenza de máis persoal do imprescindible para a atención da granxa.

Outra das medidas a levar a cabo, sobre todo naquelas ganderías de maior tamaño, é a organización de diferentes quendas de traballo co obxectivo de evitar que coincida o persoal.

Consulta aquí as recomendacións da Xunta fronte ó Coronavirus.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información