Coronavirus: ¿Como afecta o estado de alarma a gandeiros e agricultores?

Xunta de Galicia e Goberno Central concretaron este fin de semana as medidas excepcionais para frear a pandemia do coronavirus. Entre os sectores aos que se lles facilitará que continúen coa súa actividade, ademáis dos sanitarios destaca o da alimentación, e dentro deste a agricultura e a gandería.

No caso da Xunta, o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) aprobou esta tarde, tras unha xuntanza presidida polo responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, un acordo no que se concretan e amplían as medidas de prevención para conter o contaxio do coronavirus, que foron publicadas este domingo no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que entrarán en vigor a partir de mañá luns, 16 de marzo.

Entres as medidas que afectarán á agricultura e gandería destacan:

Suspéndese a realización de queimas nos terreos rústicos, quedando sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas.

-Estarán permitidos os servizos que ofrecen os veterinarios, tanto das empresas privadas como dos servizos oficiais.

-Poderán seguir abertas ao público as lonxas; e comercio ao retallo de ferraxería, pintura e vidro en establecementos especializados, en tanto que se trata de actividades que deben subministrar ao sector primario, gandeiro, pesqueiro e agrícola elementos necesarios para a continuación da súa actividade.

Así mesmo, o documento precisa que todos os establecementos comerciais de primeira necesidade terán liberdade horaria, para fixar sen limitacións o peche e a apertura dos seus establecementos comerciais.

No Decreto do Goberno Central deste sábado polo que se declara o estado de alarma tamén se concretan as seguintes medidas que afectan á agricultura e á gandería, un sector estratéxico, máxime nesta situación:

Garantirase a entrada de materias primas (penso e fertilizantes, por exemplo) ás granxas e explotacións agrícolas e a saída de animais, leite e demáis produtos agrarios.

En concreto, dentro do artigo 15 sinálase que “as autoridades competentes delegadas adoptarán as medidas necesarias para garantir:

a) O abastecemento alimentario nos lugares de consumo e o funcionamento dos servizos dos centros de produción, permitindo a distribución de alimentos desde a orixe até os establecementos comerciais de venda ao consumidor, incluíndo almacéns, centros loxísticos e mercados en destino. En particular, cando resultase necesario por razóns de seguridade, poderase acordar o acompañamento dos vehículos que realicen o transporte dos bens mencionados.

b) Cando sexa preciso, o establecemento de corredores sanitarios para permitir a entrada e saída de persoas, materias primas e produtos elaborados con destino ou procedentes de establecementos nos que se produzan alimentos, incluídas as granxas, lonxas, fábricas de pensos para alimentación animal e os matadoiros.

É dicir, ademais de garantir a entrada de pensos e a saída de leite e de animais, as forzas e corpos de seguridade do Estado garantirán para as explotacións agrogandeiras a entrada e saída de traballadores cara a e desde unha zona de movementos restrinxidos.

Dende o Ministerio de Agricultura tamén precisan que no caso concreto de que un gandeiro ou un membro da súa familia dea positivo ao Covid-19, pedirase á autoridade competente que se faciliten as condicións para que a granxa poida seguir sendo operativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información