A Comisión Europea acordou este xoves novas medidas de axuda ao sector agrogandeiro para paliar o impacto económico que está a ter a crise do coronavirus.
Así, e co obxectivo de dar máis liquidez aos produtores, moitos deles afectados polas caídas de prezos e menores vendas debido ao parón da hostalaría e a redución das exportacións, Bruxelas adoptou por aumentar a porcentaxe de pagos directos e de fondos de desenvolvemento rural, que se poderán adiantar ,e por disminuír os controis para evitar a perda de fondos.
En concreto, acordar aumentar a porcentaxe de pagos que se poden adiantar, do 50 % ao 70 % no caso das axudas directas e do 75 % ao 85 % nos fondos de desenvolvemento rural. Os produtores poderán recibir eses adiantos a partir de mediados de outubro.
Redúcense os controis sobre o terreo das axudas da PAC
Doutra banda, redúcense os controis físicos que os países deben realizar para garantir que se cumpren as condicións de elixibilidade para recibir axudas. “Nas actuais circunstancias excepcionais, é crucial minimizar o contacto físico entre os agricultores e os inspectores que realizan os controis”, aseguran desde a Comisión Europea.
Neste sentido, diminuirase o número total de controis sobre o terreo a realizar aos solicitantes de axudas da Política Agrícola Común (PAC), pasando do 5 % ao 3 % tanto para pagos directos como no caso das medidas de desenvolvemento rural.
Segundo Bruxelas, os estados membros poderán utilizar “fontes alternativas de información” para substituír as visitas tradicionais á granxa (por exemplo, imaxes de satélite ou fotografías xeoetiquetadas).