Corisca, a primeira adega ecolóxica de Rías Baixas

Cultivar respectando a natureza e non contra ela foi unha das máximas marcadas desde un principio por Natalia Rodríguez na súa adega do Condado de Tea. Coñecemos como traballa no viñedo e elabora os seus viños ecolóxicos

Publicidade
Corisca, a primeira adega ecolóxica de Rías Baixas

Natalia Rodríguez nas inmediacións da adega, onde conta xa con parte do seu viñedo.

Hai 14 anos, Natalia Rodríguez Estévez decidiu dar un xiro á súa vida e involucrarse de cheo nos viñedos familiares que atendía o seu pai, cos que elaboraba un viño para autoconsumo, ademais de vender parte da colleita a unha adega próxima. Deixou atrás os Xulgados de Vigo nos que exercía como avogada para converterse nunha vitivinicultora profesional. Hoxe elabora o seu viño Corisca nunha adega situada no Condado de Tea, sendo a primeira en producir viño ecolóxico na Denominación de Orixe Rías Baixas.

“O meu pai sempre me dicía que non quedara no campo, pero eu quixen volver e centrarme nos viñedos”, indica Natalia. A pesar desta recomendación, José María, o seu pai; foi quen a iniciou na vitivinicultura. “Desde moi pequenos metíanos, tanto a min como aos meus irmáns, a pisar as uvas cos pés. El é o responsable de que esta sexa a miña paixón”, lembra.

Natalia cambiou o seu traballo como avogada nun despacho de Vigo polos viñedos familiares no Condado de Tea

Desde un principio, Natalia centrouse nunha produción ecolóxica e sustentable, onde a natureza e a uva marcan o camiño e os tempos. “O meu pai, aínda que traballaba en convencional, xa tentaba reducir os fitosanitarios que se empregaban no viñedo. Eu tiña moi claro que non ía empregar ningún tipo de produto tóxico”, explica.

Os comezos foron duros, xa que a conversión a ecolóxico deixou anos de colleitas reducidas ao mínimo. Con todo, a viticultora recoñece que o esforzo mereceu a pena. Á marxe da súa satisfacción co produto final, apunta que tamén as viñas se afixeron ben a esta maneira de xestionar o viñedo e mantéñense máis vigorosas e saudables.

Vides-Adega-Corisca-

Algúns dos viñedos teñen máis de 45 anos de antigüidade.

Viñedos en dous municipios

Os viñedos familiares cos que Natalia empezou sitúanse nunha parcela dunhas 2 hectáreas no val do río Miño, en Salceda de Caselas (Pontevedra). En Finca Muiño están as súas cepas máis antigas, boa parte delas con máis de 45 anos e nun sistema de parra. A maioría do seu viñedo é de Albariño, aínda que tamén ten media hectárea de Caíño Branco. “Cando o meu pai comezou co viñedo nos anos 80 decidiuse a plantar Albariño, en lugar de seguir coas variedades de viño de mesa que tiña a parcela”, detalla.

Finca Muiño e Finca Malladoura suman unhas 5 hectáreas de viñedo, na súa maioría de cepas de Albariño

A escasos metros, pero xa na aldea de Baldráns, no municipio de Tui, sitúase Finca Malladoura, cunhas 3 hectáreas de viñedo tamén de Albariño, nun solo de cantos redondeados e granítico e con cepas de 15 anos de antigüidade nun sistema de espaldera. Natalia adquiriu estes viñedos a pequenos viticultores da zona que decidiron abandonar o seu coidado. Un bosque separa ambalas dúas parcelas e, á vez, ofrece resgardo protexéndoas dos excesivos ventos e de contaminacións externas, como asegura a viticultora.

cuberta-vexetal-vide-Adega-Corisca-

Natalia respeta e coida a cuberta natural dos seus viñedos polos beneficios que lle aporta ás cepas.

Xunto aos viñedos, Natalia adquiriu un pequeno alpendre que transformou en adega e que se sitúa tamén en Tui. “Ao principio valorei seguir utilizando a parte baixa da vivenda familiar, como outrora facía o meu pai para elaborar o viño, pero dadas as reformas que tiña que realizar optei por unha adega externa”, apunta.

Prima o traballo manual

Aínda que recoñece que en moitas ocasións os seus métodos implican unha maior carga de traballo, Natalia explica orgullosa que nos seus viñedos a maioría das tarefas fanse de forma manual, case artesanal. Realiza unha poda tardía e adoita acometer dúas podas en verde. “Nesta zona, debido ás condicións climáticas que temos é moi importante facer podas en verde para garantir que a uva madure”, detalla. Debido ao frondosa que é a viña, en anos como este, no que a meteoroloxía permitiu un gran desenvolvemento, ocasiona unha importante carga de traballo.

“Sempre me gustou o proceso de atado con vimbios e decidín seguir facéndoo por conservar a tradición”

Da maior parte dos traballos do viñedo encárgase Natalia xunto a outro operario. Só en momentos puntuais, como a vendima ou na poda, suma máis persoal. Precisamente, o atado da vide é outro dos traballos que realiza ao modo tradicional, empregando para iso vimbios. “Sempre me gustou o proceso de atado con vimbios e decidín seguir facéndoo por conservar a tradición, aínda que poida que se estimas o custo non resulte de todo rendible polo tempo que leva”, explica. Aínda así, destaca as virtudes do sistema, como a súa gran resistencia ou a súa dispoñibilidade, ao contar xa coas plantas. “Ao ser un sistema biodegradable tampouco supón un problema cando se poda, xa que non deixa de ser un aporte máis de materia vexetal ao solo”, apunta.

ataco-con-vimbio-Adega Corisca

O atado da viña faino ó modo tradicional, empregando vimbios.

A cuberta é outro dos aspectos que coida a viticultora. Ao longo de todo o ano mantén unha cuberta vexetal que vai cortando e depositando para achegar materia vexetal á terra. “O noso empeño é restablecer e manter a vida microbiolóxica na capa superficial dos nosos solos e a salubridade da terra”, explica. Ao longo destes anos, coidou esta cuberta incluíndo especies leguminosas coma o trevo, que favorecen o gretado da terra e a súa osixenación. “Ademais de permitir que a terra estea máis osixenada, favorece a absorción da auga, evitando tanto o encharcamento coma o arrastre”, concreta.

“A terra e a planta vanche dicindo o que van necesitando para que logo a vide sexa capaz de defenderse fronte a pragas e manterse saudable”

A comezos de ano, Natalia realiza unha analítica da terra para coñecer as súas carencias e aportarlle o que necesita. “A terra e a planta vanche dicindo o que van necesitando para que logo a vide sexa capaz de defenderse fronte a pragas e manterse saudable”, indica a viticultora. Entre febreiro e marzo acostuma realizar un aireado da terra para conseguir mellorar a calidade da terra e provocar que a raíz da vide afonde, no canto de manterse na capa máis superficial.

Abono-algas-e-abono-animal-Adega-Corisca-

Algúns anos mestura abono de algas con abonos animais para a fertilización do viñedo.

Neste proceso tamén abona a terra con abonos orgánicos. Nos dous últimos anos optou por esterco de ganderías de ovino, aínda que tamén ten probado con algas. “O abono de algas ofrece bos resultados, pero a súa desvantaxe é a cantidade de cunchas que trae e que tardan en desintegrarse, por iso deixei de utilizalo”, explica. Quere probar a empregar abono de cabalo, aínda que tivo certas dificultades para atopalo co selo orgánico, que lle permite garantir a trazabilidade.

Tisanas, hidroalcohólicos e fermentos para a vide

Fronte ás pragas que azoutan o viñedo, Natalia opta só por produtos de contacto e sustentables. Contra o mildiu, a principal ameaza para os viñedos desta zona, recorre ao uso do cobre, permitido na produción ecolóxica, e que combina con outros preparados naturais para vigorizar a planta.

Natalia encárgase do elaborar tanto macerados como solucións hidroalcohólicas a base de plantas coas que favorecer o desenvolvemento da vide. Adquiriu o seu coñecemento destes remedios naturais a través de cursos formativos e ao estar en contacto con outras adegas galegas e francesas que traballan xa en ecolóxico ou cunha produción sustentable ambientalmente.

vimbio-Adega-Corisca-

Natalia adoita preparar tisanas ou solucións hidroalcohólicas con plantas para fortalecer as súas cepas.

Coas tisanas, a cocción de diferentes herbas en auga, o preparado debe aplicarse nos días posteriores, mentres que cos hidroalcohólicos, realizados do mesmo xeito que se fosen licores, pero sen engadir azucre, consegue que tras unha maceración de 30 ou 40 días e o seu posterior filtrado, o produto se conserve durante meses listo para usar.

“Mesturamos produtos naturais que actúen contra os fungos para poder reducir a dose que se necesita de cobre”

Emprega tisanas de ortigas para fertilizar o chan na primavera e o outono. “Actúa como un fortificante de maneira que o chan mantense máis vivo”, detalla. Os preparados hidroalcohólicos emprégaos como tratamentos complementarios fronte a pragas. Así, un preparado a base de allo funciona como repelente de fungos “aínda que só pode usarse antes da floración, para evitar que se transfiran aromas ao viño”, concreta. Mentres, a propia vimbia e a milenrama axudan tamén a controlar o mildiu. “Mesturamos produtos naturais que actúen contra os fungos para poder reducir a dose que se necesita de cobre”, explica.

macerado-con-vimbio-Adega-Corisca-

Algúns dos preparados para o viñedo son a base de allos ou vimbio.

Ademais das tisanas, Natalia emprega fermentos contra o mildiu nunha estratexia de loita biolóxica, con fungos que ocupan o espazo do fungo do mildiu, sen chegar a causar danos nas follas, nin na vide.

Corisca, sabor ecolóxico

O traballo no viñedo é a clave para os viños que elabora Natalia. “Unha vez que a uva entra na adega pódome relaxar, posto que o 80% do traballo está xa feito”, indica a viticultora. Un enólogo externo encárgase de supervisar o proceso na adega, onde se segue un procedemento tradicional, “asegurando un maior control que outrora, pero seguindo fieis aos métodos máis artesanais e buscando só potenciar as propiedades da uva”, detalla.

“Unha vez que a uva entra na adega podo relaxarme, posto que o 80% do traballo está xa feito”

As uvas prénsanse cada día, á tardiña, tras recollelas durante o día, para conseguir que se procese no momento óptimo de maduración. “Desde as 7 da mañá até as 6 da tarde recollemos a uva, logo entro na adega até as 12 da noite para prensalas”, comenta a viticultora. Tampouco engade ningún tipo de fermento industrial, senón que optan por unha fermentación espontánea, que só complementan, en ocasións, cun fermento nai, realizado por eles mesmos, para axudar á fermentación nos depósitos de 3.000 litros.

Adega-Corisca_--

Prescinde de empregar fermentos externos e prefire a fermentación espontánea do viño.

Trala trasfega e o filtrado, o viño repousa sobre leas naturais durante 3 meses, nos cales o viño aínda continúa desenvolvéndose e osixenándose cada día. “A crianza en leas permíteme ofrecerlle lonxevidade ao viño, aínda que se trata dun viño novo, ademais de conseguir que teña un maior percorrido e que evolucione”, explica.

O mercado internacional, o seu gran aliado

Natalia comercializa o seu viño baixo o selo Corisca, un viño ecolóxico a base de uvas de Albariño do que produce entre 10.000 e 12.000 litros. A pesar de comezar co proxecto no 2006, até o 2010 non sacou ao mercado a súa primeira colleita, para presentar xa un viño totalmente ecolóxico, tras o correspondente proceso de transición.

En determinadas colleitas, cando as condicións de maduración da uva son óptimas, elabora Corisca Muíño. Procedente da Finca Muíño e para o que reserva unha crianza de 12 meses sobre leas, produce unhas 1.200 botellas deste viño especial. Polo momento, sacou ao mercado cultivas de 2016 e 2017 e pronto comercializará tamén a de 2019. “Coa primavera que tivemos este ano é probable que non teñamos colleita de Corisca Muíño de 2020, aínda que esa decisión tomarase coa maduración da uva”, detalla.

Ademais do seu viño ecolóxico Corisca, Natalia elabora unha colleita especial que comercializa como Corisca Muiño.

O mercado internacional é o principal destino dos viños de Adega Corisca, dedicando o 60% da produción á exportación. Inglaterra foi un dos primeiros destinos dos seus viños, seguido de Alemaña, Dinamarca ou Estados Unidos. Con todo, nos últimos anos o goberno de Trump e as súas medidas arancelarias para os viños españois, provocou unha importante redución das exportacións. “As medidas de Trump afectáronnos moitísimo e tivemos que volver centrar o noso mercado en Europa”, comenta. As vendas internacionais son as que están a reactivar a agora actividade comercial na adega, tras o parón provocado pola crise sanitaria do coronavirus.

O 60% da produción dedícase á exportación a países como Inglaterra, Alemaña, Dinamarca ou Estados Unidos

De Norteamérica chegaron tamén algúns dos recoñecementos que tiveron os seus viños. O diario New York Times incluíao o ano pasado entre un dos 20 mellores viños do mundo cun prezo por baixo de 20 dólares. Corisca recibiu distincións na cata de viños ecolóxicos a nivel mundial realizada en Montpellier (Francia) en 2012 ou na Feira Internacional de Viños Ecolóxicos (Five), onde se alzou co Gran Ouro. “Aínda que os recoñecementos aos nosos viños son moi satisfactorios, aprecio moito máis cando os clientes chegan a nós por comentarios positivos do noso viño”, detalla.

Na adega, Natalia tamén ofrece un servizo de enoturismo, con catas e visita á adega, que lle permite dar a coñecer os seus viños, viñedos e elaboración aos seus clientes, moitos deles chegados de distintos países tras coñecer o seu viño. “Potenciar o enoturismo é un dos proxectos de futuro, xa que é unha forma de dar a coñecer os nosos viños da que gozo moito”, conclúe a vitivinicultora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información