Corenta organizacións reclaman a reapertura dos mercados alimentarios en Galicia

Publicidade
Corenta organizacións reclaman a reapertura dos mercados alimentarios en Galicia

Imaxe de produtos de horta á venda. / Arquivo.

Arredor de corenta organizacións galegas de diversos ámbitos veñen de facer público un manifesto no que piden a reapertura dos mercados alimentarios de proximidade. Cómpre lembrar que a Consellería acordou o seu peche ata o 31 de marzo, con posibilidade de reapertura posterior seguindo unhas pautas de prevención para evitar aglomeracións e riscos de contaxio..

O peche dos mercados deixa ós produtores de horta que facían venda neles con menores posibilidades para colocar a súa produción, tendo en conta ademais que tamén se ven afectados polo peche de hostelaría e centros educativos.

Entre os colectivos que demandan a reapertura, figuran organizacións agrarias como o Sindicato Labrego e a Fruga, o sindicato CIG; organizacións ecoloxistas como Adega, Amig@s da Terra, Greenpeace ou o MEL; unha de decena de entidades investigadoras vinculadas ás universidades de Santiago de Compostela e Vigo; varios centros sociais e diversas agrupacións de consumo, labregas, profesionais, etc.

No manifesto que vén de facer público, reclámanlle á Consellaría de Medio Rural, en colaboración cos Concellos, todos os esforzos posibles para que a partir do 31 de marzo, data ata a que a Xunta prohibiu a celebración de mercados alimentarios de proximidade, volva autorizalos “preocupándose de que dispoñan dos medios materiais e humanos necesarios para organizar e aplicar correctamente todos os protocolos de seguridade a que obriga a orde do 23 de marzo de 2020 sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados”.

Manifesto

En defensa dos mercados de alimentos de proximidade como garantes da seguridade alimentaria no Estado de alarma

Nós, os labregos e labregas que damos vida aos mercados de proximidade na Galiza, diante da prohibición de poder exercer a nosa función como fornecedores de alimentos para a sociedade por mor das restricións impostas para enfrontar a pandemia do Covid-19, queremos manifestar:

– A nosa consternación ao ver como se nos discrimina, unha vez máis, en favor das grandes superficies comerciais, á hora de garantir o acceso en tempo de crise a un ben esencial como a alimentación.

– A nosa perplexidade, cando constatamos a diferenza de criterios entre administracións, con comunidades autónomas que autorizan expresamente os mercados de proximidade e outras, como a galega, que os prohiben; con concellos que regulan esta venda directa en tempo de crise e outros que a clausuran sen máis.

– O noso convencemento de que os nosos alimentos e os nosos mercados, aplicando as normas establecidas polas autoridades sanitarias para evitar a transmisión do Covid-19 e o agravamento da pandemia, son máis seguros nas actuais circunstancias por celebrarse ao aire libre ou en espazos amplos como prazas de abastos, por non haber intermediarios entre a produción e o consumo final, por non xerar aglomeracións humanas, e por termos, porque así nolo esixe a normativa, unha mellor e máis completa formación en cuestións hixiénico-sanitarias que a maioría do persoal que traballa en grandes superficies comerciais.

– A nosa indefensión porque, sendo sector primario, se nos priva de exercer a nosa principal actividade económica sen ningún tipo de compensación ou alternativa que mitigue o grave deterioro financeiro que sufriremos nas vindeiras semanas. Nese sentido, botamos de menos medidas que se poderían impulsar dende as administracións, como a compra pública de alimentos para que os servizos sociais os inclúan na distribución de cestas de alimentos ás familias que os precisen, ou mesmo incorporar os nosos medios e experiencia no reparto domiciliario de cestas de produtos.

– A nosa impotencia porque a maior parte dos alimentos que producimos son frescos e sans e, polo tanto, neles non empregamos conservantes químicos ou refrixeración para atrasar o seu deterioro, como si fará a agricultura industrial para poder vendelos cando se levanten as restricións.

Por todo iso, pedímoslle á Consellaría de Medio Rural, en colaboración cos concellos, que faga todos os esforzos necesarios para que, a partir do 31 de marzo, volva autorizar os mercados de alimentos de proximidade, preocupándose de que dispoñan dos medios materiais e humanos necesarios para organizar e aplicar correctamente todos os protocolos de seguridade a que obriga a orde do 23 de marzo de 2020 sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados.

Apoian este manifesto:

A Eira do Colexio de Educadores e Educadores Sociais de Galicia (CEESG)
Amarelante SCG
Amig@s da Terra
Asociación de Produtoras de Horta de Ribadeo A Sucadoira
Asociación Galega de Apicultura (AGA)
Asociación Mercado da Terra (Lugo)
Asociación Millo Miúdo (Oleiros)
Asociación O Xaramelo (Meis)
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega)
Asociación Raíces do Lusco
Asociación 4ponlas (Pontevedra)
CDR Portas Abertas
Centro Social A Gentalha do Pichel (Compostela
Centro Social Madia Leva (Lugo)
Centro Social O Fuscalho
Centro social O Quilombo (Pontevedra)
Confederación Intersindical Galega (CIG)
Enxeñería sen Fronteiras
Federación Rural Galega (Fruga)
Greenpeace
Grupo de Consumo Agrelar (Allariz)
Grupo de Consumo Semente (Ourense)
Grupo de Consumo Xurumelxs (Ourense)
Grupo de Bioeconomía da USC
Grupo de investigación en agronomía AGRONOMÍA (USC)
Grupo de Investigación en Construción Sustentable para o Medio Rural e Natural COSMERUN (USC)
Grupo de Investigación en Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social ECOAGRASOC (USC)
Grupo de Investigación Galabra en Estudos Culturais GALABRA (USC)
Grupo de Estudios de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria e Comercio GESPIC (USC)
Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX HISTAGRA (USC
Grupo de Investigación da Agricultura Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo
Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA-Interea
Laboratorio do Territorio LABORATE (USC)
Movemento Ecoloxista da Limia (MEL)
Nais polo Clima
Proxecto Resclima
Rede de Consumo O Careón (Melide)
Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza o Bierzo
Rede Revolta de Agroecoloxía e Historia
Sindicato Labrego Galego (SLG)
SPG A Gavela

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información