Un informe realizado pola Confederación de Cooperativas Agroalimentarias da UE(COGECA) mostra as 100 cooperativas Top da UE e o seu volume de negocio, que aumentou un 14% no último exercicio contabilizado. Entre as cooperativas máis importantes a nivel europeo, figuran a galega COREN (no Top 10 Cárnico), Anecoop (no Top 10 Hortofrutícola) e 8 cooperativas oleícolas entre as dez máis importantes deste sector en toda a UE.
En concreto, a cooperativa ourensá situouse no posto noveno das cooperativas cárnicas, cunha facturación no periodo analizado de 982 millóns de euros en 2013.
O ránking das cooperativas cárnicas está liderado polas cooperativas de Dinamarca, Alemaña e Holanda, tal e como se aprecia neste recuadro, con xigantes como Danish Crown ou Vion Food que superan os 7.000 millóns de facturación anual:
No sector lácteo, o dominio das grandes cooperativas do Norte de Europa tamén é absoluto, tal e como se observa neste recadro:
En 2013, o volume de negocios global das ao redor de 22.000 cooperativas existentes na UE alcanzou a cifra de 347 mil millóns de euros.
A maior cooperativa da UE por volume de facturación en 2013 foi a alemá BayWa, con 15.957 millóns.
Pola súa importancia económica, o país da UE con máis peso das cooperativas agrarias é Francia, con 84.350 millóns facturados en 2013. Séguenlle Alemaña, con 67.500; Italia, con 34.362 millóns de euros, e Holanda, con 32.000. España ocupa o quinto lugar en volume de facturación das cooperativas agrarias, con 25.696 millóns, seguida de cerca por Dinamarca, con 25.009 millóns facturados en 2013.
Podes descargar aquí o informe completo.