Coren pon en marcha a Planta Enerxética de Biomasa Gandeira

O investimento na planta e instalacións anexas supera os tres millóns de euros, e contou coa colaboración da Xunta a través dunha achega de 500.000 euros. O proxecto é resultado dun convenio co Inega e Energylab para o fomento do I+D no sector agrogandeiro galego

Publicidade
Coren pon en marcha a Planta Enerxética de Biomasa Gandeira

O Grupo Coren acaba de poñer en marcha a súa nova Planta Enerxética de Biomasa Gandeira, a caldeira destinada á combustión de residuos gandeiros coa tecnoloxía máis avanzada de España e a única que garante a súa combustión completa.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acudiu hoxe a Ourense para inaugurar a planta xunto ao presidente de Coren, Manuel Gómez-Franqueira. Na inauguración tamén estiveron presentes o conselleiro de Industria, Francisco Conde; así como o director xeral de Coren, Emilio Rial, ou a conselleira María Gómez-Franqueira.

Situada dentro do recinto do Centro de Procesado Avícola de Coren en Santa Cruz de Arrabaldo, esta planta permite dar saída enerxética dos residuos das explotacións avícolas, xerando enerxía que se destinará ao funcionamento da devandita planta de procesado de Coren, equivalente ás necesidades de máis de 5.500 vivendas.

A planta conta cun xerador de vapor de 2,8 MW de potencia térmica, capaz de producir 4.000 quilos de vapor á hora. A enerxía xerada na caldeira transmítese en forma de vapor aos procesos produtivos do Centro de Procesado Avícola. Mentres, os gases xerados na súa combustión
pasan por un complexo sistema de filtrado para garantir cero emisións á atmosfera.

Investimento superior aos 3 millóns de euros

A planta é resultado dun proxecto de I+D realizado en virtude de convenio de colaboración establecido en maio de 2015 entre o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Fundación Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (ENERGYLAB) e Cooperativas Ourensás (Coren), para o fomento da I+D no sector agrogandeiro.

O investimento total na planta e as instalacións anexas necesarias para o seu funcionamento foi superior a 3 millóns de euros, e contou coa achega por parte da Xunta de 500.000 euros.

Así mesmo, o citado convenio leva a transferencia dos resultados deste proxecto á economía galega, de modo que os resultados desta investigación serán útiles para outras industrias, en particular as cárnicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información