Coren pechou 2014 cun crecemento do 9% en avicultura e do 5% en porcino

A cooperativa Coren reduciu o seu volume de débeda un 18% durante o ano pasado. A súa facturación descendeu pola baixada das materias primas para a alimentación animal.

Coren pechou 2014 cun crecemento do 9% en avicultura e do 5% en porcino

Manuel Gómez Franqueira, presidente de Coren

Grupo Coren pechou o exercicio de 2014 manténdose como a primeira cooperativa do sector agroalimentario de España e rexistrando uns resultados positivos en canto a incremento das magnitudes de produción cárnica e de alimentación animal. A facturación ascendeu 945 millóns de euros, inferior aos 982 millóns facturados en 2013, algo que dende COREN atribúen ao descenso do prezo dos cereais e da soia.

En concreto, segundo informa a cooperativa a través dun comunicado, “a produción avícola de Coren superou o ano pasado os 103 millóns de quilos, o que representa un aumento do 9% con respecto ao exercicio anterior. En porcino, a produción creceu ata os 85 millóns de quilos, un 5% máis que no ano 2013”.

Dende COREN destacan tamén “a boa evolución das producións de valor engadido do Grupo Coren, entre as que sobresaen o Polo de Curral, o Ovo Campeiro ou a gama Selecta de porco alimentado con castañas, todas elas cunha grande acollida no mercado e polas que a cooperativa prevé seguir apostando en próximos anos”.

En paralelo ao incremento das producións cárnicas, creceu tamén a demanda de alimentación animal. “Isto traduciuse nun incremento da produción do 6%, ata os 900 millóns de quilos”, asegura a cooperativa.

Redución da débeda nun 18%

No que respecta ás magnitudes económicas, dende COREN destacan a redución do volume de débeda do grupo, que descendeu un 18% durante o ano pasado, situándose por debaixo dos 100 millóns de euros. Os investimentos ascenderon a 15 millóns de euros en 2014.

Mentres, a facturación do grupo se situou en 945 millóns de euros, unha cifra que dende COREN cualifican como “moi positiva cuxa evolución con respecto ao ano anterior se debe ao descenso de prezo que rexistraron as materias primas de alimentación animal”.

Máis dun terzo dos ingresos de COREN proceden das exportacións

En 2014, Coren continuou crecendo no mercado internacional, que supón máis da terceira parte dos seus ingresos. “De feito, o presidente do grupo destaca que a cooperativa mantén entre as súas prioridades a busca de novos mercados no exterior e a consolidación dos existentes”, indica o comunicado.

O presidente de Coren, Manuel Gómez-Franqueira, valora moi positivamente a evolución do grupo durante o ano pasado, “cun crecemento moi importante en volume de produción cárnica e de alimentación animal, así como un importante descenso do endebedamento, que nos deixa nunha situación de grande estabilidade”, segundo manifesta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información