COREN obrigada a contratar a 1.100 falsos autónomos

COREN obrigada a contratar a 1.100 falsos autónomos

Matadoiro de COREN en Santa Cruz de Arrabaldo

O grupo cárnico Coren integrará no seu persoal a uns 1350 falsos autónomos, segundo informou este luns o sindicato CC OO, unha cifra que a cooperativa ourensá rebaixa a 1.100 operarios.

Os autónomos “prestaban servizos para varias empresas do grupo a través da falsa cooperativa Servicarne, denunciada por CC OO ante a Inspección de Traballo”, indica o sindicato nun comunicado.

A decisión será efectiva a partir do 1 de agosto e afectará a uns 800 traballadores na provincia de Ourense, 300 na de Lugo e 250 na de Pontevedra.

O sindicato subliña que a súa campaña de denuncia comezou en decembro contra varias cooperativas de traballo autónomo no conxunto de España acusadas de fraude laboral e expresa o seu agradecemento ao servizo de Inspección de Traballo para resolver a situación.

Unha situación que tamén afecta a Cogal e ao Grupo Sada

A Confederación Intersindical Galega (CIG) foi outro dos sindicatos denunciantes da situación dos falsos autónomos na industria cárnica galega, en empresas como Grupo Sada ou Cogal, ademais de Coren.

A batería de denuncias que presentou a CIG na Dirección Especial da Inspección de Traballo en Madrid tivo como resultado que a Seguridade Social comezase a dar de alta no réxime xeral a estes traballadores, todos procedentes da cooperativa Servicarne.

Esta empresa-cooperativa catalá dedícase a prover de persoal ás empresas cárnicas que o requiren. Os socios de Servicarne entraban a traballar como autónomos e, en consecuencia, fóra do réxime xeral, sen os dereitos regulados polos convenios e sen un horario fixo. As malas condicións provocaron as denuncias e a Inspección de Traballo considerou que estes traballadores eran falsos autónomos  que debían ser dados de alta no réxime xeral, é dicir, entrar a formar parte do persoal das empresas.

Coren garante a continuidade de todos os traballadores e asegura que actuou dentro da legalidade

O Grupo Coren comunicou aos 1.100 socios traballadores da cooperativa de traballo asociado Servicarne que, a partir deste mércores 1 de agosto, pasarán a formar parte da nómina de Coren, segundo transmitiulles a través dunha carta asinada polo seu Presidente e Conselleiro Delegado, D. Manuel Gómez-Franqueira Álvarez.

Os 1.100 traballadores que agora pasarán a depender directamente de Coren viñan xa desenvolvendo a súa actividade para as distintas empresas do Grupo, tanto en Ourense (Santa de Cruz de Arrabaldo), como en Porriño (Frigolouro) e Lugo (Novafrigsa), como socios traballadores, autónomos, integrantes da cooperativa de traballo asociado Servicarne.

“Estes traballadores continuarán desempeñando as súas tarefas como ata o momento e pasan a estar acollidos ao convenio colectivo do persoal. A decisión adoptada por Coren encádrase no marco das actuacións iniciadas a nivel nacional pola Administración contra as cooperativas de traballo asociado e que afecta á maioría das empresas do sector cárnico español, así como a outros sectores de actividade”, informan desde a cooperativa ourensá.

COREN: “Ata o momento, a lexislación sempre avalou a legalidade da cooperativa Servicarne”

Ademais, Coren lembra que “ata o momento, a lexislación sempre avalou a legalidade da cooperativa Servicarne e, dentro deste marco legal, os seus socios traballadores viñan prestando servizos a Coren e outras empresas cárnicas”. “Porén, -engade o comunicado- a Inspección de Traballo sostén agora que Servicarne non reuniría os requisitos para ser considerada unha verdadeira cooperativa de traballo asociado que poida operar con normalidade no tráfico mercantil, e considera que os seus socios son, en realidade, traballadores por conta allea da empresa principal”.

Coren, do mesmo xeito que as máis importantes empresas do sector, defende con rotundidade a legalidade da cooperativa de traballo asociado Servicarne, “quen ata o momento contou sempre co respaldo de todos os tribunais”.

“O Grupo Coren, as principais empresas do sector e a Administración deberán así aclarar en vía xudicial a legalidade ou non da cooperativa de traballo asociado Servicarne, na confianza de que, tal e como así veu sentenciándose ata a data, conclúase que é legal”, aseguran.

En todo caso, a cooperativa que preside Manuel Gómez-Franqueira Álvarez subliña de que “Coren sempre trasladou a estes traballadores que o seu traballo dentro do Grupo estaba garantido”. Nesta mesma liña, a dirección transmitiulles a súa confianza en que “o conseguido durante estes anos grazas ao esforzo de todos, poida manterse sobre a base dun exercicio responsable dos dereitos e obrigacións que a cada un, no noso posto de traballo, correspóndennos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información