COREN comeza a comercializar carne de porco e de tenreira ecolóxicos

COREN comeza a comercializar carne de porco e de tenreira ecolóxicos

Carnes ecolóxicas de Coren

Co obxectivo de dar resposta á crecente demanda de produtos ecolóxicos por parte dos consumidores e de situarse como un referente neste ámbito, o Grupo Coren está a realizar unha aposta para reforzar as súas producións ecolóxicas.

Neste sentido, a cooperativa galega, que conta xa desde hai máis de 15 anos con produción de polo e de ovos ecolóxicos, tamén se introduciu nos sectores da carne de porco e de tenreira ecolóxicos, segundo confirman desde Coren a Campo Galego.

Nas últimas décadas a cooperativa reorientou a súa produción cara a alimentos de maior valor engadido e máis respectuosos co benestar animal (polos e ovos campeiros, porco Selecta alimentado con castañas..etc.) e tamén cara á produción de carne ecolóxica, certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Neste sentido, Coren destaca que os seus porcos ecolóxicos “nacen e críanse de modo tradicional con saída libre ao campo galego. Gozan de lactación durante máis dun mes e medio e logo a súa alimentación é a base de cereais ecolóxicos certificados. Contan coas máximas condicións de benestar animal e así obtéñense excelentes cortes e pezas de carne moi saborosas, naturais e exclusivas”.

En canto á carne de Tenreira ecolóxica, a cooperativa galega destaca que “críase en campos galegos co máximo benestar. Ata os 3 meses, aliméntase do leite que mama da súa nai. Despois, sae a pacer ás pradarías e recibe cereais procedentes da agricultura ecolóxica. Deste xeito, obtense unha carne da máxima calidade e infiltración graxa, tenra e de excelente sabor”.

A carne de porco e de tenreira eco súmanse aos ovos e ao polo ecolóxico

A oferta de Coren en carne de tenreira e porco súmanse ao polo e aos ovos ecolóxicos. Do primeiro, destacan que “é de raza tradicional de plumaxe vermella, críase durante tres meses con saída libre aos campos galegos -onde goza dun espazo de polo menos 4 metros cadrados por pito-, e aliméntanse con cereais procedentes 100% da agricultura ecolóxica”.

E dos ovos ecolóxicos, a cooperativa explica que “proceden de galiñas rubias, que dispoñen de saída ao aire libre aos campos e gozan tamén dun espazo de polo menos 4 metros cadrados por ave. Ademais, aliméntanse de cereais de produción ecolóxica certificada, fundamentalmente millo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información