
Higinio Mougán.
– Cóntanos quen é Higinio Mougán…
Nacín en Vedra en 1959 e estudiei Ciencias Empresariais en Santiago de Compostela. Ao acabar os estudos traballei en banca, que creo que non era o meu, e en diferentes proxectos de asesoría. E tamén fixen os meus pinitos en informática, que comezaba a chegar a Galicia.
No momento en que se creou a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), eu estaba facendo un pequeno estudo sobre o cooperativismo en Galicia. Entrei en contacto co primeiro consello reitor e xa fun contratado a finais de 1987. Estiven de xerente ata hai poucas semanas, cando pasei a adxunto á presidencia como paso previo á xubilación.
Se cadra non tiña en mente dedicar case toda a miña traxectoria laboral ao cooperativismo. Nunca sabe un. Pero estou orgulloso de telo feito e de poder participar acompañando os socios das cooperativas -que son quenes realmente importan- en todo este camiño.
– Cal era a situación do sector cooperativo daquela, tendo en conta que había moitísimos máis produtores pero o cooperativismo era só incipiente?
Non era unha situación doada. No proceso constitutivo de AGACA só participaron 11 cooperativas. Apenas había información, non existían os teléfonos móbiles, as estradas eran moi antigas e en boa parte do rural nin sequera había electricidade. E, sen embargo, o número de produtores era infinitamente maior ca o de agora. Só gandeiros de leite había preto de 100.000
Estou orgulloso de ter traballado todos estes ano man a man cos socios das cooperativas, que son a súa alma
Aínda así, quixemos radiografíar o sector e coñecer todas as cooperativas. Para buscar melloras técnicas que as fixeran máis rendibles. Tivemos que percorrer Galicia mantendo reunións sempre ben entrada a noite, que era cando labregos e gandeiros podían reunirse. Foi un momento de moito e moi duro traballo pero era imprescindible que nos reuniramos cara a cara cos produtores.
Por outro lado, as cooperativas non gozaban de boa imaxe daquelas. Houbera episodios de fraude vencellados a algunhas delas. E logo faltaba colaboración. Nun mesmo concello podía haber ata tres ou catro cooperativas. O que se fixo en moitos casos foi constituír asociacións que, realmente, funcionaban como cooperativas. Pero non querían que se mencionase a palabra “cooperativa”.
A normativa do anterior réxime non era todo o operativa desexable e tardou en modificarse. Por exemplo, en moitas cooperativas o regulamento establecía a figura do “consiliario”, que tiña un enorme poder de decisión e xeralmente recaía no cura da parroquia ou nalguén procedente do sindicato vertical, as famosas Cámaras Agrarias. Ollo, que houbo párrocos que fixeron un labor encomiable. Pero eso non era normal para o obxectivo de profesionalizar.
Cando eu comecei, as cooperativas non tiñan boa imaxe e tivemos que facer moito labor didáctico e divulgativo
As cooperativas de hai 40 anos eran pequenas e centradas no aprovisionamento. Pero xa había un interese grande pola comercialización conxunta e a negociación directa. Lembro que naquel momento o sector da horta era moi activo e formado por xente moi nova chea de inquedanzas. Tamén os do leite, viño e concentrados. Todo rudimentario pero con ambición de mellora.

O ex xerente de AGACA pon en valor a ampla cantidade e a calidade dos servizos que ofrecen as cooperativas galegas
– En que consistiu principalmente o teu traballo naqueles primeiros tempos?
Polo día tocábame cumprir coas tarefas administrativas e de xestión propias do cargo. E, polas noites, tiñamos que andar dun sitio para outro mantendo reunións, como xa dixen. Houbo moitas noites de deitarse ás 3 ou ás 4 da mañá porque as reunións cos consellos rectores eran lonxe. Foi unha época de tolear pero tiña que ser así.
Porque a xente necesitaba información e confianza. Nós facíamos un labor divulgativo e incluso sociolóxico. Eso só se podía facer dunha maneira calmada, sentándose coa xente, explicándolle o mellor posible as opcións e, sobre todo, escoitándoa.
Malia todas as carencias e dificultades que había daquela, o que non faltou en ningún momento foi o entusiasmo dos socios e rectores por facer algo novo e diferente. Por eso, e visto o nivel actual de profesionalización, creo que as cousas se fixeron razonablemente ben.
– Hoxe as cooperativas están altamente profesionalizadas. Supoño que algo tiveches que ver…
A alma das cooperativas son os seus socios. Eles son os que marcan o presente e o futuro. Partindo desa base, hai que sinalar que o perfil dos socios e das explotacións mudou radicalmente nestes 40 anos.
Lembro ir ás primeiras granxas que xuntaron 100 vacas de leite a principios dos anos 90. Algo impensable só uns anos antes. Hoxe xa hai centos delas. E o mesmo sucede coas adegas e a produción de viño. Toda a produción se incrementou.
As cifras amosan que as cooperativas serviron para aumentar enormemente a produción agroalimentaria galega
Claro que as esixencias tamén foron cambiando. Hoxe estamos en modelos de precisión nos que son necesarias ferramentas dixitais e un control extremadamente rigoroso de todo o que se fai. Tense que afinar moito en sanidade, alimentación, fertilización…todo se mide ao milímetro. Antes había unha marxe de erro tanto na produción coma nos custos. O famoso “máis ou menos”
E, sobre todo, daquela sobraba man de obra e hoxe practicamente non a hai. As familias eran grandes e sempre había avós, avoas e tíos para botar unha man e que vivían da granxa. Incluso veciños, chegado o caso. Hoxe eso perdeuse por completo, o cal é un dos problemas máis graves do sector primario.

A transformación radical do sector leiteiro galego veu da man das cooperativas, segundo Mougán
Un exemplo de transformación moi claro témolo no sector leiteiro. Cando había preto de 100.000 explotacións produciamos a metade de leite que a que producimos hoxe en día con só algo máis de 5.000 granxas.
– A relación do sector primario galego coa Unión Europea (UE) sempre ten luces e sombras. Como viviches ti esa relación?
Hai que recoñecer que a entrada na UE foi unha palanca de desenvolvemento para a agricultura e a gandería galegas. Eso é así. Pero, ao mesmo tempo, tamén supuxo a creación dunha serie de trabas e requirimentos burocráticos demasiado pesados.
Na miña opinión, a entrada de España na UE en 1986 chegou uns seis anos máis tarde do que sería desexable. Porque en 1980 o sector primario estaba nunha fase expansiva en Europa e poderiamos ter aproveitado esa expansión.
Coido que a entrada de España na Unión Europea chegou con retraso e non se puido aproveitar a fase expansiva de 1980
Ademais, as reconversións que tivo que facer o sector entre 1986 e ben entrado o século XXI tería sido menos traumática. En fin, eso xa non ten remedio e fíxose o posible por sacar partido do que a UE ofrecía. Aínda que non foi fácil.
Por exemplo, a cota láctea galega era claramente insuficiente para o potencial que tiña o sector en Galicia. Aquelo levou a un sistema de compra-venda de cotas moi farragoso. E todo para que as cotas desapareceran en 2015 e aínda quedaban gandeiros endebedados pola compra dos dereitos.
Certo é que hoxe temos un sector de vacún de leite que é punteiro. Pero polo camiño quedaron moitas granxas e moitos cartos e é difícil que se vexa a UE como algo positivo se non se explica ben. Houbo un custo social innegable e deixou feridas.
Na balanza hai que facer constar que a pertenza á UE serviu para aumentar e profesionalizar as producións mais sen esquecer que supuxo moitas noites sen durmir para a meirande parte de gandeiros e agricultores.
– Cal cres que foi o maior logro da túa traxectoria laboral ou que quixeras destacar especialmente?
As cooperativas e o cooperativismo son froito do traballo de moitas persoas. Os logros e os fracasos son sempre colectivos. Pode haber alguén con máis capacidade de liderazgo nun momento dado, pero todo o que acontece depende dos socios.
Nas cooperativas os logros e fracasos son sempre colectivos. Son os socios os que teñen o poder de decisión
Do que podo estar orgulloso é de ter participado cos socios das cooperativas nesta andaina de 40 anos. Sempre tendo presentes os principios do cooperativismo: diálogo, igualdade, solidariedade, consenso, participación, autoesixencia e corresponsabilidade.

Mougán destacou tamén o singular crecemento dos proxectos adegueiros cooperativos de Galicia
– Pois, dende a outra beira, quedou algunha espiña cravada? Algo que non se puido chegar a facer e era necesario?
Sempre quedan cousas pendentes que parecían lóxicas pero, por diferentes motivos, non se puideron acadar. Por exemplo, eu sempre botei de menos un maior control estratéxico cooperativista sobre o valor engadido do leite galego.
Claro que pode haber outras situacións que se terían que mellorar. Agora ben, neste momento, eu prefiro quedarme coas cousas nas que si somos punteiros e referentes. Un feito que vivín non hai moito é o recoñecemento dun grupo de gandeiros irlandeses hacia o nivel de servizo e atención que as cooperativas galegas prestan aos produtores de leite.
Na UE hai cooperativas de gran tamaño e volume comercial pero que non prestan un apoio eficaz ao produtor. E eso recoñéceno cando veñen aquí. Algo tan habitual para nós como que a cooperativa organice o paso dos carros mesturadores resúltalles abraiante.
En Europa as cooperativas son moito máis grandes que as galegas, pero rara vez dan a cantidade de servizos que ofrecen as de aquí
Ou tamén lles resulta sorprendente que haxa pequenas adegas de modelo cooperativo operando en exportación e traballando no mercado nacional con técnicas comerciais baseadas na diferenciación e a especificidade.
– Hoxe temos cooperativas galegas en diferentes sectores competindo eficazmente con grandes industrias. Eso semellaba posible cando comezaches a traballar en AGACA?
O que está claro é que os modelos de éxito débense a que os cooperativistas puxeron o seu capital, o seu traballo e a súa vontade. O nivel de compromiso dos directivos e dos consellos rectores tamén foi clave para os bos resultados.
Eu sempre digo que en AGACA somos servidores dos socios das cooperativas. Asesorar ou analizar estratexias é parte do noso servizo. Tamén podemos mediar ou establecer contactos. Pero o éxito é dos socios. Chegouse a onde se chegou e agora hai que seguir adiante.
– Respecto da nosa contorna – Asturias, Cantabria, Castela-León e norte de Portugal- temos un sistema cooperativo forte?
Temos un sistema moi respectable. Un feito diferencial témolo en Coren, que é a primeira cooperativa agroalimentaria de capital e decisión puramente galegos. E que, ademais, opera nun sector tan complexo como o da carne.

Mougán nunha imaxe de 2015 ao pouco da desaparición das cotas lácteas
Tamén é a cooperativa que máis emprego directo xenera en todo o estado español. Eso eleva o listón do cooperativismo galego. Sen deixar de lado a Cogal, dentro tamén da produción de carne. Ou os tres grandes grupos do sector leiteiro e as adegas que medran en volume todos os anos. Si, coido que estamos nunha moi boa situación.
– Por onde cres que vai ir o futuro no cooperativismo galego?
En todos os sectores de gandería e agricultura a tendencia é ir a explotacións de maior dimensión. Eso leva a que aparezan problemáticas específicas. As cooperativas teñen que estar preparadas para dar solucións as novas demandas que plantexen uns socios cada vez máis profesionalizados.
Creo que a tendencia será a de que boa parte das cooperativas conflúan en grandes grupos, aínda que seguirán existindo modelos cooperativos diferentes
E tamén vexo que será necesaria unha captación de talento. Especialmente no ámbito tecnolóxico, que se fai imprescindible ante a escaseza de man de obra. A dixitalización e a innovación son e seguirán sendo claves para que as cooperativas poidan seguir xerando valor.
Sen perder de vista que, como hai 40 anos, o máis importante son as persoas. Tanto as que están como as que non estamos e imos precisar. A cualificación persoal ten que estar presente en todos os ámbitos.
Por outro lado, a esixencia dunhas prácticas sustentables vai ir medrando. En términos ambientais e en términos sociais. E todo esto nun contexto de enorme volatilidade no que non sabemos como van evolucionar os mercados nin sequera a dous meses vista.
Tamén percibo que as persoas que están hoxe á fronte das cooperativas detectan claramente as súas fortalezas, debilidades e oportunidades. E albisco que serán cooperativas que tendan a converterse en grandes grupos, como pasa en Europa, pero mantendo os servizos.
Caso aparte son as adegas que, polas súas marcas, castes e mercados entendo que seguirán operando cada unha pola súa conta aínda que buscando alianzas puntuais. Hai que decatarse de que levan décadas operando sen ter en conta os prezos convencionais da uva, como si fan as industrias.
Os proxectos galegos levaron a que o 35% das sociedades mercantís vencelladas a cooperativas estean en Galicia
E os grandes grupos tampouco teñen que levar a que desaparezan as cooperativas de segundo grao que están funcionando ben, como o caso de Delagro, ou as sociedades mercantís nas que participan varias cooperativas, como Ucoga. Porque o 35% das sociedades mercantís vencelladas a cooperativas que operan en España témolas en Galicia.
– Unha vez xubilado, vas seguir colaborando co sector ou pensas retirarte definitivamente?
Sempre estarei dispoñible para ofrecer a miña opinión ou o meu consello se se me reclama. Pero teño claro que non quero ser un estorbo, eso levo tempo decíndollo á xente. Tamén son consciente de que, en tantos anos, acabei adquirindo coñecemento sobre o cooperativismo e sobre os sectores primario e agroalimentario en xeral. Ese coñecemento estou disposto a compartilo, por suposto.
Agora toca pasar a terceira ou cuarta liña e que sexan outros os que tomen as decisións, como sucede en calquera empresa ou calquera colectivo de calquera tipo. Para estar nun sector tan competitivo hai que estar fresco e plenamente activo. Por eso existen as xubilacións.
Galego









Control OJD