Cooperativas Agro-alimentarias de España (CAE) emitiu un comunicado no que expresa a súa “preocupación ante a detección no mercado de prácticas comerciais na venda de leite envasado que poden xerar confusión no consumidor respecto á orixe real do produto”.
No mesmo sentido se vén de pronunciar nun comunicado paralelo a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). Dáse a circunstancia de que no último ano as importacións de leite portugués a Galicia aumentaron un 75%, o que preocupa no sector.
As cooperativas aseguran que nalgunhas cadeas de distribución se están comercializando envases de leite que incorporan denominacións, elementos gráficos ou símbolos asociados a territorios tradicionalmente vinculados á produción láctea en España, pero eses mesmos envases conteñen na etiquetaxe a expresión “Orixe Unión Europea”.
Cooperativas Agroalimentarias recoñece que esa etiquetaxe é conforme á lexislación vixente, pero advirte de que “a utilización de determinados elementos de márketing induce ao consumidor a asociar o produto con leite de orixe nacional, cando en realidade procede doutros países europeos”.
Para a asociación, o actual contexto de crecente sensibilidade por parte dos consumidores respecto da orixe dos alimentos, fai imprescindible “reforzar a transparencia e claridade na información facilitada no punto de venda, evitando calquera elemento que poida dar lugar a interpretacións equívocas”.
O acusado descenso do número de explotacións lácteas nos últimos anos, aseguran desde Cooperativas Agroalimentarias, leva ao sector a unha situación que require de “estabilidade e equilibrio na cadea de valor para garantir a continuidade da actividade produtiva e o mantemento do tecido económico e social no medio rural”.
Así, a importación de leite a moi baixos prezos -incluso por debaixo dos custos de produción- xera distorsións no mercado e engade presión sobre os prezos en orixe que perciben os gandeiros. Algo que preocupa ao conxunto do sector produtivo.
Cooperativas Agroalimentarias afirma que este tipo de prácticas se están facendo extensivas a determinados produtos transformados, como os queixos, “cuxa crecente presenza nos lineais a prezos reducidos pode afectar ao posicionamento e competitividade das producións nacionais”.
Por iso, desde a asociación fan un chamamento a produción, industria e distribución “para actuar con responsabilidade e reforzar os principios de transparencia, lealdade comercial e equilibrio recollidos na normativa da cadea alimentaria”.
Un chamamento que fai extensivo ao Ministerio de Agricultura para que “faga unha vixilancia intensa da evolución do mercado lácteo no noso país e que poña en marcha as medidas necesarias para manter o tecido produtivo”.
Desde as cooperativas invitan aos consumidores a prestar atención á etiquetaxe da orixe dos produtos lácteos, xa que -afirman- a súa decisión de compra impacta na sostibilidade do sector gandeiro español e no mantemento dos territorios.
Para a asociación, é necesario “garantizar unha información clara e veraz e unhas condicións económicas que permitan cubrir os custos de produción e obter unha rendibilidade razoable, para asegurar o futuro do sector lácteo, a substitución xeracional e a cohesión territorial”.

As cooperativas piden os consumidores que se informen antes de mercar e teñan en conta o impacto sobre o sector leiteiro das súas decisións
AGACA respalda a iniciativa
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) súmase á preocupación manifestada por CAE no seu comunicado. O cooperativismo agroalimentario galego considera fundamental garantir unha información clara, veraz e facilmente identificable no punto de venda, especialmente nun contexto de especial sensibilidade cara á orixe dos alimentos e de crecente dificultade para a viabilidade das explotacións lácteas.
Neste sentido, AGACA respalda o chamamento á responsabilidade de todos os elos da cadea do leite e a unha maior vixilancia do mercado, en defensa dun sector estratéxico para todo o territorio galego.
Desde AGACA sinalan que Galicia, como principal comunidade produtora de leite en España, resulta especialmente afectada por estas prácticas, que poden distorsionar a competencia e presionar aínda máis os prezos en orixe. E indican que “a transparencia na etiquetaxe non é só unha cuestión informativa, senón un elemento clave para garantir a sostibilidade das explotacións e o equilibrio da cadea alimentaria”.
Galego










Control OJD