Un dos “efectos colaterais” da actual crise do coronavirus no sector agrogandeiro é a paralización na recollida dos xatos de recría procedentes das explotacións leiteiras como consecuencia do peche dos mercados de Amio, Silleda e Castro. “Pouco a pouco haberá que articular alternativas para desatascar o mercado, porque isto vai empeorar a medida que pasen as semanas”, afirma Higinio Mougán, director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca).
A Consellería do Medio Rural pretende axilizar a entrega telemática da documentación necesaria para que os tratantes de gando retomen a recollida de animais nas granxas e o seu envío aos cebadeiros, tanto galegos como de fóra da comunidade, agrupándoos nas súas propias explotacións e sen teren que pasar polos mercados.
Pero as cooperativas galegas non descartan ter que dar un paso á fronte e volver servir de canle de comercialización para a recría dos seus socios, no caso de que a fórmula defendida pola Xunta, a do trato directo por parte dos operadores privados, non dea resultado e comece a haber atrancos á hora de que os becerros mamóns sigan saíndo das explotacións con normalidade.
“Nese caso pode haber distintas vías de solución e unha delas é que as cooperativas asuman un papel máis importante na comercialización de animais, como xa fixeron durante a crise das vacas tolas, mesmo para mandar xatos para fóra”, indica Higinio.
Non podemos precipitarnos, pero temos esa experiencia de cando foron as vacas tolas e no caso de que haxa que activar de novo aquelas medidas e solucións farase (Higinio Mougán, Agaca)
As cooperativas poderían, xa que logo, volver actuar como canle de distribución dos becerros de recría, unha actividade que foron abandonando pouco a pouco unha vez superada a caída de prezos provocada polas vacas tolas. Para elas aquela era unha actividade secundaria e foi meramente circunstancial e unha vez os prezos se foron recuperando os tratantes retomaron a compra e foron facéndose de novo co mercado.
Desde Agaca, Higinio Mougán quere mandar unha mensaxe de tranquilidade aos gandeiros afectados polo peche dos mercados, o que fixo que os tratantes deixaran de recoller becerros de recría. “Non podemos precipitarnos porque os cambios son moi rápidos, pero temos esa experiencia de cando foron as vacas tolas e no caso de que haxa que activar de novo aquelas medidas e solucións farase”, indica aos socios.
Até agora outras prioridades
Desde que fai unha semana comezou a alerta por mor do coronavirus as cooperativas galegas estiveron volcadas en atender unha serie de cuestións inmediatas para poder seguir operando e prestando servizos aos socios con seguridade e, ao mesmo tempo, seren capaces de incrementar a súa produción para responder ao incremento de pedidos dos clientes finais como consecuencia do aumento do consumo nos supermercados.
O primordial nestes primeiros días foi adoptar medidas para que os traballadores estean máis seguros nas plantas que fóra delas. Non foi doado porque cambiar dinámicas de funcionamento habitual é complicado e máis tendo que facer fronte a un aumento de consumo e de demanda moi importante
“Até agora o tema da recría non foi unha prioridade para as cooperativas porque non tiña a urxencia inmediata que tiveron outras cuestións, como por exemplo establecer protocolos para protexer aos traballadores e manter as plantas abertas tentando aumentar ao mesmo tempo a produción. Foi algo que se logrou con moitos esforzos porque cambiar dinámicas de funcionamento habitual é complicado e máis tendo que facer fronte a un aumento de consumo e de demanda moi importante”, asegura Higinio.
As cooperativas tiveron que facer turnos e adoptar outras medidas como separar ao persoal nos seus postos de traballo, todo co obxectivo primordial de evitar un posible risco de contaxio entre os empregados que suporía ao mesmo tempo a clausura do centro de produción. “Adoptáronse todas as medidas necesarias para que o persoal que estea traballando estea máis seguro nas plantas que fóra delas”, compara o director xerente de Agaca.
10.000 animais á semana
Higinio Mougán calcula que uns 10.000 animais pasaban todas as semanas polos mercados de Amio, Silleda e Castro entre vacún maior e lactantes, que representarían uns 2.000 becerros. “No vacún maior vaise reforzar a canle directa entre as explotacións e os matadoiros e vai sufrir menos o xeito de traballar pero o problema son os animais de recría”, considera.
Concorda nesta apreciación Antonio Álvarez, xerente de Artesáns Gandeiros, a entidade de comercialización cárnica formada polas cooperativas que integran Clun (Irmandiños, Feiraco e Melisanto), a cooperativa Lemos de Monforte e A Carqueixa de Cervantes. Moven entre 6.000 e 7.000 reses ao ano e o maior volume corresponde a xatos cebados marcados de Ternera Gallega Suprema e vacas de desvelle con destino a matadoiro.
Moitas gandarías non poden aguantar os xatos de recría 15 días ou un mes, as instalacións non están preparadas para esa sobrecarga de animais e pode vir unha neumonía por ter as explotacións saturadas (Antonio Álvarez, Artesáns Gandeiros)
“Unha vaca cebada sa non é problema se ten que retrasar a saída un mes e o mercado de abasto de momento está funcionando mandando directamente a matadoiro. O principal problema neste momento é a recría, iso conleva un problema gordo nas explotacións de leite, porque os xatos de recría son un tema residual en moitas delas e as explotacións non están preparadas para aguantar os machos 15 días ou un mes, porque as instalacións de moitas gandarías non están preparadas para esa sobrecarga de animais e non podes ter os becerros de calquera maneira para cumplir coas normas de benestar animal, con inspeccións frecuentes que en caso de algún problema afecta mesmo na PAC, e que non veña unha neumonía por ter as explotacións saturadas”, alerta.
“Non temos garantía ningunha de que sexa só 15 días”
Desde Artesáns Gandeiros evidencian que “ao non haber mercados isto está bloqueado e non temos garantía ningunha de que o parón vaia ser só 15 días”, alerta Antonio, polo que demanda medidas da Administración para evitar a acumulación de animais nas explotacións. “Se o bloqueo dura moito tempo nas primeiras lonxas cando se restauren os mercados vai haber saturación e baixada de prezos”, indica.
Artesáns Gandeiros xogou un papel importante durante a crise das vacas tolas facilitando a saída de gando das ganderías dos socios das cooperativas galegas, tanto animais cebados (enviando carne a Intervención) como xatos de recría (actuando como canle de comercialización).
“Xa comercializabamos xatos antes da crise das vacas tolas pero nese momento tivemos que aumentar para dar saída aos machos de recría das explotacións, concentrabamos o gando dos socios das cooperativas e levabámolo a Silleda, desde onde partía cara aos cebadeiros”, explica Antonio.
As cooperativas neste caso estamos maniatadas, porque nós temos que ir ao mercado necesariamente. Os tratantes contan con vantaxe, porque non dependen de ninguén e teñen o mercado nas súas mans. E a río revolto, ganancia de pescadores
Tralo fin da crise de prezos motivado pola encefalopatía esponxiforme bovina o movemento de becerros mamóns foi perdendo peso na actividade de Artesáns Gandeiros. “A día de hoxe concentramos algún xato en Castro para un maiorista, pero non é o noso forte, é un servizo que lle ofrecemos aos socios cando nolo piden”, contan. Antes do peche dos mercados a semana pasada podían estar movendo uns 20 xatos á semana pero aínda que agora quixeran aumentar este volume para dar saída á recría das granxas, como fixeron cando foi o das vacas tolas, non poderían. “Ao non haber mercados non temos esa posibilidade. As cooperativas neste caso estamos maniatadas, porque nós temos que ir ao mercado necesariamente. Os tratantes neste caso contan con vantaxe, porque non dependen de ninguén e teñen o mercado nas súas mans”, di. E engade: “a río revolto, ganancia de pescadores”.
Habilitar mercados restrinxidos
Por iso, desde Artesáns Gandeiros demandan da Xunta que se poidan habilitar as instalacións das feiras como puntos de concentración de gando con destino a cebadeiros ou mesmo a celebración de mercados limitados. “Restrinxindo a entrada e de xeito ordenado pareceríame unha solución acorde. Podería evitarse a entrada de becerros de abasto e vacas de desvelle e facer só mercado de xatos de recría. Penso que Silleda funcionaría como un reloxio deste xeito porque conta cun sistema de transacción de venda telemático, ao que en circunstancias normais pode asistir o público e rexeitar a oferta se o prezo non convence, pero nun caso puntual podería funcionar sen xente, restrinxindo a entrada tamén unicamente a profesionais, incluíndo aos que veñen doutras comunidades a abastecerse de becerros a Galicia”, propón Antonio.
Silleda funcionaría como un reloxio sacando do mercado a vaca de desvelle e o xato de abasto, restrinxindo a entrada só a profesionais e facendo transacción telemática unicamente para os xatos de recría
“Ao gando de recría hai que darlle unha saída rápida cara aos cebadeiros, son becerros mamóns que necesitan uns coidados específicos, polo que pode ser un problema sanitario importante xuntar un gando de distintas explotacións durante días na cuadra dun tratante, necesítanse movementos rápidos”, advirte. “Nos xatos hai moita variedade e moitos destinos diferentes. Os cruces aptos para identificar como Ternera Gallega quedan aquí, pero o gando pinto sae para outras comunidades e mesmo para o estranxeiro. Polo tanto, é preciso clasificar aos animais”, engade.
Algunhas explotacións xa pensan en cebar
Prolesa SAT é unha das explotacións de leite máis grandes da provincia de Lugo. Ubicada en Goián, en Sarria, foi creada no ano 2006 pola unión de 14 socios da cooperativa Cogasar e conta na actualidade con máis de 700 cabezas, que atenden 10 traballadores. Román González, veterinario responsable da granxa, explica que esta semana non lles levaron os xatos de recría. “Nós subastámolos na explotación entre os tratantes da zona, que os levan normalmente a Silleda. De media acostumamos sacar uns 4 becerros pintos cada semana, pero esta semana non están recollendo”, indica.
Nós poderemos aguantar sempre que non se alongue máis de tres semanas porque nos pillou baleiros, sen xatos nas instalacións (Román González, Prolesa SAT de Sarria)
“Nós poderemos aguantar sempre que non se alongue máis de tres semanas porque nos pillou baleiros, sen xatos nas instalacións, pero cando volvan recoller o problema vai ser a cantidade de becerros que vai haber nos mercados”, advirte.
Por iso nesta explotación xa pensan en cebar como posible solución. “Haberá que destetar e cebar algúns, nós cando estivemos inmobilizados por saneamento fai anos fixémolo cun lote, pero para iso hai que ter sitio. Coas sobras das vacas de leite e algo de herba seca vanse cebando”, explica Román.
Permítese mover animais, tanto para vida como para matadoiro, coa copia da folla de saneamento sen cotexar
A Consellería do Medio Rural colgou na súa páxina web unha serie de instrucións, protocolos e teléfonos e emails de contacto durante o tempo que dure a crise do COVID-19 así como unha serie de aclaracións sobre como van funcionar determinados sevizos da Consellería empregados habitualmente polos gandeiros (recollida de crotais, compulsa de follas de saneamento, etc) como consecuencia da entrada en vigor do Real Decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma decretado polo Goberno central e da declaración de alerta sanitaria decretada pola Xunta de Galicia. O documento, que pretende aclarar dúbidas, está redactado en forma de pregunta e resposta:
Vanse abrir os mercados?
Non, nin os gandeiros nin os mercados agrarios, segundo está regulado polo Real decreto do Goberno central.
Que fan as explotacións que xa non teñan crotais e vaian vender animais?
Neste caso deben pedir cita telefónica e falar co veterinario sobre os crotais que se precisan. O veterinario, antes da hora da cita, informatiza e prepara todo para que cando chegue o gandeiro só teña que darllos nunha bolsa.
Os operadores comerciais que traen gando de fóra de Galicia, que non poden dar de alta os animais na Oficina Agraria Virtual, como deben proceder?
O operador debe solicitar cita e envíar a documentación escanada, se é posible (senón a leva á oficina e a deixa alí). O veterinario revisa a documentación, dá de alta os animais na base de datos, imprime os DIBs, e despois só ten que devolver ao operador cando volva a documentación e os DIBs.
Os becerros pintos pódense levar directamente ao cebadeiro aínda que non haxa lonxa?
Os operadores poden ir ás granxas a buscar os becerros e levalos directamente ao punto de destino
Non teño copias cotexadas da folla de saneamento, podo mover animais bovinos, ovinos e cabrúns para vida ou con destino a matadoiro cunha copia sen cotexar?
Si, durante o período da alarma sanitaria polo coronavirus permitiranse os movementos de animais bovinos, ovinos e cabrúns, tanto para vida como para matadoiro, coa copia da folla de saneamento sen cotexar.