
Aumento de custes enerxéticos, suba de prezo dos fertilizantes e dificultades loxísticas de todo tipo e que van a máis. Son os motivos de preocupación que Cooperativas Agro-alimentarias de España trasladou ao ministro de Agricultura, Luis Planas, nunha xuntanza para analizar os impactos da guerra de Irán no sector e as posibles solucións.
Propostas en combustible, fertilizantes e financiación
Así, Ángel Villafranca, presidente de Cooperativas Agro-alimentarias de España reclamou o control da especulación nos carburantes e unha investigación por parte da Comisión Nacional de Mercados e Competencia (CNMC) ante posibles prácticas anticompetitivas. Carburantes, fertilizantes e financiación son os aspectos sobre os que as cooperativas propoñen medidas inmediatas para evitar a perda de viabilidade de explotacións e cooperativas.
Villafranca sinalou que unha posible axuda ao gasóleo B no debería obrigar a que as empresas adianten os fondos, como xa sucedera coa bonificación pola guerra de Ucrania en 2022. “Daquela supuxo unha importante carga financiera, complexidade administrativa e retrasos nos reembolsos. Moitas cooperativas mesmo tiveron que recorrer á vía xudicial.” O presidente das cooperativas pediu analizar medidas fiscais para conter o prezo dos hidrocarburos.
Os fertilizantes subiron un 20% só nos primeiros cinco días de guerra. E agárdase que sigan subindo. Por eso, Cooperativas Agro-alimentarias de España reclama garantir o seu subministro, “incluíndo a eliminación da taxa á descarbonización e aranceis a nivel europeo e axudas directas aos produtores consumidores de fertilizantes que poderían identificarse a través do caderno de campo”
A organización de cooperativas demanda o impulso de fertilizantes orgánicos de orixe animal, especialmente os procedentes de plantas de biogás, actualmente limitados pola normativa e que, por tanto, non é posible comercializar. Villafranca solicitou “o deseño dun sistema de xestión de riscos que permita contar cunha planificación estratéxica de reservas que comprometa o menos posible a asequibilidade e dispoñibilidade dos fertilizantes”
Nesa mesma liña de actuación cos fertilizantes, o presidente sinalou a necesidade de facilitar acceso aos agricultores cara aos asesores de fertilizantes, especialmente nas cooperativas, xa que esa figura será obrigatoria a partir de 2027 e 2028 dependendo da actividade e a zona.
Unha situación que preocupa os produtores
Villafranca pediu tamén liñas de créditos e avais adaptados ás cooperativas, así como reducións fiscais temporais. E lembrou que “a débeda da cooperativa termina sendo a dos seus socios produtores, provocando unha debilidade na viabilidade da empresa e principal instrumento de compra de medios de produción, transformación, comercialización e prestación de servizos profesionalizados”

As abonadoras reflicten as dificultades derivadas da guerra xa que empregan gasoleo e fertilizantes, que soben de xeito imparable
Dende Cooperativas Agro-alimentarias de España indican que hai “dificultades para servir os produtos, como consecuencia do forte encarecemento do transporte nacional e para exportación, unha situación que xa está a provocar que haxa pedidos bloqueados”
Asimesmo, subliñan a perda de competitividade do sector, “xa que o aumento dos custes dos insumos non pode trasladarse ao cliente na meirande parte dos casos, ao tratarse de prezos previamente pactados e pechados”
Para as cooperativas, “o obxectivo é garantir a continuidade da estrutura comercial e de servizos que prestan as cooperativas aos seus socios, como elemento clave para manter a actividade produtiva e a estabilidade do sector”
Cooperativas Agro-alimentarias de España sinala “a necesidade de anticipar medidas ante un conflito que podería prolongarse, e reiterou a súa disposición a colaborar co Goberno para garantir a estabilidad e o abastecemento alimentario.”
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), que forma parte de Cooperativas Agro-alimentarias de España, respalda as propostas e medidas do colectivo a nivel estatal e traballa para difundilas entre os seus asociados.
Galego









Control OJD