
Xunta reitora da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca)
Tanto os gandeiros e gandeiras de Galicia coma as cooperativas das que forman parte enfróntanse nos vindeiros meses a unha profunda crise de sostibilidade económica e a unha dura proba para evitar o abandono das explotacións e o peche da actividade.
Ante esta situación, as cooperativas reunidas en Agaca solidarízanse e apoian a profesionais da gandería nas súas reclamacións e demandas e consideran que as manifestacións e concentracións de protesta, convocadas polas diferentes asociacións gandeiras e organizacións sindicais agrarias galegas, están xustificadas e obedecen a unha situación insostible do sector.
As cooperativas que forman Agaca manifestan a súa solidariedad cos produtores e apoian as manifestacións de denuncia da situación que teñen convocadas as asociacións gandeiras e as organizacións sindicais agrarias galegas
“A escalada de prezos das materias primas de alimentación animal, dos carburantes, da electricidade e dos fertilizantes colocan ao sector ante unha situación extremadamente difícil que pon en risco os esforzos e investimentos realizados por gandeiros e gandeiras”, asegura Agaca nun comunicado.
“As cooperativas solicitamos das autoridades a inmediata adopción de medidas destinadas a evitar a catástrofe do sector gandeiro, xa que os prezos dos aprovisionamentos seguen medrando día tras día e estes movementos alcistas nos custos de produción parecen non ter fin a curto prazo, mentres que os prezos do leite e da carne seguen sen variar”, denuncia a Asociación Galega de Cooperativas.
“Situación insostible” tamén para as cooperativas
Agaca tamén alerta de que a situación se está a converter en “insostible” tamén para as cooperativas, pois “os presupostos e previsións establecidos e acordados anualmente foron totalmente desbordados pola realidade diaria dos mercados” e mesmo recoñece que “a realidade actual ameaza seriamente con chegar a parar algunha das actividades das cooperativas por prezos inalcanzables ou mesmo por falta de abastecemento de insumos”.
Sen sustentabilidade económica da cadea alimentaria non é posible a sustentabilidade ambiental e social que evite o baleirado do medio rural
As cooperativas non se resignan a esta situación e solicitan urxentemente que o Ministerio “interveña inmediatamente” e aplique a Lei da Cadea “para que a cadea de valor láctea e as da carne de vacún e de aves sexan sustentables”.
Aplicar o Acordo Lácteo e axudas directas á carne
Para as cooperativas é fundamental recuperar o espírito do Acordo Lácteo, e usar as ferramentas políticas de intervención acordadas no mesmo. “O propósito a acadar é o fortalecemento das persoas produtoras e das cooperativas ante a anemia que padece o mercado comprimido pola gran distribución”, defende a Asociación Galega de Cooperativas.
O obxectivo é lograr o fortalecemento dos produtores ante a anemia que padece o mercado comprimido pola gran distribución
Por outra banda, indica Agaca, “entendemos que é necesario seguir apoiando ao sector de vacún de carne, tal como ten feito recentemente o Goberno de Francia, e tal como se fixo coas axudas concedidas pola Covid-19 no 2020”.