Cooperativa Postoiro, a primeira produtora de cebola e porro de Galicia

Esta cooperativa da Limia conseguiu situarse como líder na produción de cebola do País, un produto diferenciado e de alto valor. Este ano prevén tamén duplicar a produción de porro ata as 300 toneladas. Falamos co presidente da cooperativa, Anxo Morán, que destaca o alto potencial desta comarca para a produción de horta e a creación de emprego no rural.

Publicidade
Cooperativa Postoiro, a primeira produtora de cebola e porro de Galicia

Anxo Morán, presidente da Cooperativa Postoiro

Producir horta na Limia para o mercado galego e tamén para o resto de España. O que parecía unha utopía hai vinte anos na principal comarca agrícola de Galicia, orientada en exclusiva ao binomio pataca-cereal, é hoxe unha realidade exitosa e puxante grazas á Cooperativa Postoiro, integrada por agricultores de Vilar de Santos.

O seu presidente, Anxo Morán, explica que “a evolución da cooperativa non foi fácil nestes vinte anos, porque en Galicia aínda nos falta moita mentalidade cooperativa”, pero a día de hoxe conseguiron consolidarse como os principais produtores de cebola de Galicia, con 1,5 millóns de kilos este ano.

Realizan o ciclo completo da cebola apostando por variedades do país

Para diferenciarse no mercado optaron por unha variedade autóctona, a de Betanzos, unha cebola achatada, de carne branca e moi apropiada tanto para consumo en ensalada como para cociña. “É un produto de máis valor no mercado que as variedades máis estándar e vemos que o cliente confía en nós e aposta pola calidade da nosa cebola”, salienta Anxo Morán.

De feito, dende hai dez anos a Cooperativa Postoiro realiza o ciclo completo da cebola, dende a produción da semente ata a comercialización do bulbo, “o que nos permitiu ir facendo a nosa propia selección, cunha labor de investigación detrás en colaboración co CIAM”. “E isto levounos a que queiramos rexistrar a nosa propia variedade”, avanza o presidente da Cooperativa Postoiro.

 “Prevén rexistrar a súa propia variedade de cebola”

En total, os socios e colaboradores da cooperativa plantaron este ano unhas 45 hectáreas de cebola, cunha produción de 1,5 millóns de kilos que venden principalmente en Galicia e en Asturias, ben coa marca da cooperativa de segundo grao Horta de Galicia, ou coa marca das grandes cadeas de distribución ás que lle venden.

A planta fana nun viveiro que forma parte da rede de socios da cooperativa e transplántana nos meses de abril e maio. “Tras probar con máquinas plantadoras, optamos por plantala manualmente por persoal especializado, que nos fai un traballo con máis garantías para o bo desarrollo do cultivo e económicamente sáenos mellor”, explica Anxo Morán.

Realizan rotacións de cultivo cada 3-4 anos, alternando nas parcelas cereal e outros cultivos de horta. “A cebola dáse moi ben na Limia, e no noso caso temos regadío, o que é fundamental para un cultivo de horta a escala comercial”, subliña o presidente da cooperativa.

Cebolas da Cooperativa Postoiro

Cebolas da Cooperativa Postoiro

As cebolas recóllense entre finais de agosto e comezos de setembro e almacénanse, ata que son enviadas á nave de envasado e clasificación da cooperativa.

En total, Postoiro crea 13 postos de traballo, entre fixos e temporais de 8 meses, aos que lle hai que sumar os empregos indirectos das empresas de servizos que lles realizan traballos agrícolas.

A aposta pola diversificación a través da SAT Procevisa

Conscientes da necesidade de diversificar as producións de horta, a Cooperativa Postoiro impulsou a creación da SAT Procesiva en 2011, pasando a ser o terceiro socio da cooperativa.

Esta SAT, que crea outros 7 postos de traballo, dedícase á produción de porro, e en menor medida de repolo e leituga ao aire libre, tamén no concello de Vilar de Santos.

O porro é o seu produto estrela, cunha produción de 120 toneladas o pasado ano, unhas 300 para este e a previsión de que se dobre para o próximo ano. “O que nos limita no crecemento deste cultivo -explica Anxo Morán- é que é moi esixente en man de obra, e teríamos que realizar un investimento nunha máquina de lavado que neste momento non podemos acometer”.

“Este ano producimos unhas 300 toneladas de porro e para o próximo poderíamos duplicalas”

Polo demais, as perspectivas para este cultivo na Limia son moi boas, ata o punto de que están a exportar porros a Madrid e a outras partes de España, tamén a través da cooperativa de segundo grao Horta de Galicia

E é que segundo Anxo Morán, “temos un gran potencial para aumentar o cultivo de horta na Limia, combinándoo coa gandería: temos unha terra fértil e hai interese polo produto galego auténtico, e mellor se o pode certificar o propio agricultor”.

Neste sentido, o presidente da Cooperativa Postoiro salienta que “non é difícil abrir mercado para os nosos produtos de horta, sobre todo en Galicia, onde xogamos coa vantaxe dos menores custos de transporte e de máis frescura”.

Sen embargo, o cooperativismo segue sendo a materia pendente para desenvolver ese potencial. “O problema non é tanto producir, que vemos que se pode, senón organizarnos para defender os nosos produtos, e para iso necesitamos a implicación total dos agricultores e, sobre todo, das novas xeracións”, conclúe Anxo Morán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información