A cooperativa A Meixoeira fíxose cunha explotación preto do monte no Concello de Moaña. Apostaron por resucitar unha antiga nave na que agora teñen 200 cabras de raza murciano-granadina, e onde transforman o leite en queixos e outros produtos lácteos que contan con varios premios internacionais. A súa intención é seguir medrando ata chegar aos 300 animais e continuar con producións artesanais de leite de cabra
Carlos Malvido, Susa Rúa e Sergio Sotelo son os tres socios que conforman a cooperativa A Meixoeira. A súa actividade aglutina unha ganadería de caprino de leite localizada en Moaña, así como unha queixería artesá na que transforman o leite. Os seus queixos contan con varios premios internacionais no World Cheese Awards, e agora están a apostar por outros produtos como o queixo de untar, os iogures ou o kéfir. A súa aposta céntrase na comercialización próxima en tendas de barrio coa intención de facer accesibles estes produtos ao consumidor final. Falamos con Carlos e Sergio para ver como funciona esta cooperativa desde a produción de leite á comercialización.
-Que vos levou a dedicarvos á gandería no Morrazo? Que balance facedes despois do tempo transcorrido?
(Sergio) Nós somos 3 socios e os 3 somos, de aquí do Morrazo. A verdade é que estiven bastantes anos traballando no mar e en diversos oficios e ao final, por circunstancias da vida e tras a proposta de Carlos tirámonos á aventura.
Antes de comezar ca ganadería e co tema dos queixos dedicábamonos á horta tradicional sen certificar, e regaláronnos unhas cabras para limpar unha finca que tiñamos, das que a unha delas lle morreu a cría que tiña. Nese momento, ao compañeiro deulle por aproveitar o leite para facer queixo, e pouco a pouco fómonos metendo máis e máis. Nesa vez fixémolo na casa, nunha pota, e así comezou o invento. Deullo a probar a algún veciño, gustou moito e continuamos investigando, e vendo un pouco como funcionaba o tema.
(Carlos) Ao final, era algo distinto aquí, e iso foi outro dos puntos.
(Sergio) Efectivamente. Fíxose unha valoración e investigouse que cabra traer, como montar todo, etc. Aí pasaron mil cousas, desde onde comprar finca, conseguir as instalacións, e bueno todo en xeral.
O balance que facemos depende do día. Hai días que estás máis positivo e outros ao contrario. Todo depende de como che saian as cousas, o día a día, os reveses que che veñan, etc. Hai moitos factores e moitos problemas que non sabes cando che veñen e que te collen mal.
(Carlos) Tamén hai que insistir no que dicía o meu compañeiro antes. Comezamos da nada, este non era o noso sector, e fomos aprendendo polo camiño, levando moitos paus, pero si que hai unha parte bonita que é que sacamos unha iniciativa diferente neste pobo, e a xente párate pola rúa e diche que lle está gustando o que estamos facendo. Igualmente, se te metes na parte laboral é máis complicado.
-Cando se empeza desde cero unha das maiores dificultades é o acceso á terra. Como foi a experiencia no voso caso?
(Sergio) Nós tiñamos varios terreos vistos, e algunha explotación que non tiña nada montado, pero aquí neste zona o único que podes atopar é algunha conexeira, ou algunha granxa de bisón, pero outra cousa non había. Terreos, o problema, é que aquí non hai terreos grandes entón se queres contar cunha superficie un pouco ampla tes que comprar varios.
Nese momento atopamos esta, onde estamos agora, que eran moitos metros de nave edificables que daban moito xogo. Pola situación na que está, que está bastante preto do pobo, nunha zona rural, decidimos meternos. Comezamos polo aluguer con dereito a compra para facer aos dous anos. Fomos tirando pouco a pouco e ao final conseguímolo.
(Carlos) O tema da propiedade foi quizais unha das nosas primeiras preguntas a plantexar: quedamos aquí ou imos fóra polos mesmos cartos e compramos hectáreas, hectáreas e hectáreas para moverse logo para chegar ó cliente? Pero ao final, se non lle das unha oportunidade ao monte que tes para transformalo dalgunha forma, todo o mundo che di o mesmo, que ‘o monte non ten alternativas’ e o que está claro é que se non as creas nunca as vai ter.
-A formación é outro dos puntos claves. Cóntanos como foi o voso proceso formativo e que necesidades detectades.
(Carlos) Para o tema da ganadería foi todo un pouco ensaio-erro, e consellos que che vai dando algún outro gandeiro, o veterinario, etc. E na queixería foi un pouco o mesmo. Si que nun primeiro momento unímonos a QueRed -Rede Española de Queixerías Artesás e de Campo-, pero nós non viñamos disto, ata ter a queixería non fixeramos máis que un queixo fresco na casa e non maduraramos nada; saltamos un pouco ao baleiro. O primeiro queixo que se madurou, madurouse aquí xa tendo a queixería.
O que se foi aprendendo desde ese momento ata hoxe vén, por unha banda, pola experimentación, e por outra, por parte da asociación de queixeiros artesáns si que se fixeron algúns cursos, pero hai que dicir que nos formamos máis posteriormente, unha vez levabamos rodado aquí dous anos si que comezamos a asistir a algúns cursos. Eu o ano pasado, por exemplo, fun a Santander, e bueno, máis según vas podendo permitirte.
Os cursos ben pero o que se bota en falta é que todas as formacións que se atopaban por aquí eran para industria e demáis, e isto é algo completamente distinto, aquí traballase con leite crúa, non se traballa con leite pasteurizada, é un traballo máis indiviual, personalizado en cada producto, etc. En queixería danche unhas pautas partindo de leite pasteurizada, pero aquí a leite xa ten vida dentro, cada temporada é un mundo, e ao final tes que coñecer o teu producto.
-Que apoios recibises por parte das administracións? Foi excesivamente complicado acceder a axudas? Que habería que mellorar?
(Sergio) Creo que a do inicio de actividade que daquela eran uns 2.000€ por cada un dos membros da cooperativa, o que che descontan do seguro. Daquela a reducción era durante 6 meses, logo chegou despois a de 3 anos pero xa non nos chegou. Logo, axudas propiamente ditas tan só collemos unha, que foi cando compramos isto, e que proviña da Deputación de Pontevedra -a cal non supuxo nin unha décima parte do valor de inversión nesta infraestructura-.
Despois, solicitáramos outra para cambiar a cámara de maduración cando se nos estaba facendo pequena e concedéronnola. O problema das axudas é que chega o momento e se non tes os cartos, hai que rexeitala, como foi neste caso. Nalgunhas pode darse o caso que che dean unha cantidade por adiantado pero con certas xustificacións.
(Carlos) No caso das pequenas empresas deberían mellorar iso, adiantando directamente o diñeiro para ti executar. As empresas grandes teñen outra solvencia.
-A día de hoxe contades cunha gandería de caprino xa consolidada. Descríbenos como é a vosa grandería: número de animais,raza, base territorial….?
(Sergio) A raza que nós traballamos é murciano granadina, unha cabra de carácter leiteiro. Estivemos mirando outras razas, e dentro do que cabe é a que mellor se adaptaba, e a que mellor leite daba para o que pretendíamos. Como hai varias explotacións que traballa con elas, e unha asociación -Acrimur- que xa leva moitos anos coa mellora da especie, polo que xa nos informamos con eles. Puxémonos en contacto con José Manuel, un gandeiro cunha exploación en Castela e mercamos de primeiras unhas 60 cabezas de 5 meses máis ou menos, e xa nos saíran bastante caras de prezo.
(Carlos) Nós non buscabamos unha raza calquera, buscabamos unha raza que tivera unha certificación e en certo modo unha garantía de calidade.
(Sergio) Con esta raza tes referencias moi precisas e estudadas dos animais. En Acrimur xa che din os machos máis adaptados para queixos. Levan moitos anos traballando con elas. No noso caso, con José Manuel partimos de que foi dos que comezou ca mellora da especie, e agora cría para a asociación.
Despois, a nivel de extensión de hectáreas nada porque temos en intensivo. Agora estamos comezando cun cultivo hidropónico para alimentación, e logo queremos mantelas en exterior para que se movan, lles dea o sol, etc. Logo, en canto a número de animais, agora estamos sobre unhas 200.
(Carlos) Ao final tamén hai que mirar onde estás. Aquí no Morrazo, por exemplo, non tes moito monte aproveitable para estas razas. Hai xente que che ofrece as parcelas pero levan moitos anos a monte e implica invertir diñeiro, que non temos, para que poidamos aproveitalas. E outra cousa, que para xuntar unha extensión de certas hectáreas tes que xuntar 20 terreos, é dicir, falar con 20 persoas, e que todos o acepten.
-Como vos organizades no día a día da vosa granxa?
(Carlos) Somos 3 socios e 2 traballadores que temos, os cales están na explotación. Eu estou axudando en queixería xunto con Sergio, e despois está a nosa compañeira e socia nun almacén que temos en Moaña encargándose de repartos e ventas. A maiores, como nós xa temos uns anos de experiencia, unha rede de clientes, e un reparto máis ou menos establecidos axudamos a pequenos artesáns e produtores de horta a comercializar o seu produto, que quizáis é unha das partes máis complexas.
-Cal é o voso obxectivo en canto a número de animais e a nivel de razas?
(Carlos) Raza a mesma pero de animais o obxectivo son unhas 300 ou 350 cabezas, como máximo.
-Dise que a alimentación do gando caprino é das máis complicadas para manter un equilibrio nutricional. Como é no voso caso?
(Carlos) Complicado.
(Sergio) Si, o que di o compañeiro. Nós neste momento estamos aportando seco e cereal, e hai temporadas que vai mellor e outras peor. As calidades do cereal e do forraxe varía moito entón hai que andar a axustar. Para min, non é só que subira o prezo, senón que baixou a calidade.
-Nun principio tiñades previsto realizar un manexo en semiextensivo do gando pero finalmente optastes pola estabulación. Por qué motivos?
(Carlos) Porque a casa hai que montala polos cimentos, e como falamos, o territorio que temos está como está e non se pode acceder a ese semiextensivo, pero non o deixamos como obxectivo. Temos contacto con particulares e demáis, pero farían falta subvencións e axuda das administracións.
(Sergio) Nós non temos un animal de pastoreo, non é como a cabra de carne que pode ir a calquera sitio. Esta é unha cabra de leite con ubres grandes, e elas o que van facer é manter as parcelas. Para iso necesitamos fincas que estean un pouco preparadas de antemán, e despois si que as van manter. E despois, outra cousa, é que necesitaríamos que estiveran pola zona porque unha explotación está ligada ao territorio pero non é posible estar mobilizando as cabras en amplas distancias, e máis se tes que ordeñar.
(Carlos) É máis, tamén hai que ter en conta o manexo e todo porque xa che faría falta persoal, e máis cousas. Sacalas a pastorear, metelas de volta, etc. Ademais que tería que estar todo moi unido, moi ligado para que saian do muxido, vaian para fóra, etc. Ten que estar todo moi ordenado.
-Que criterios seguistes para o deseño do establo? A día de hoxe, e coa experiencia acumulada, que cambios teríades feito no deseño do establo?
(Carlos) Estamos niso. Agora estamos montando a nova, entón sabemos o que imos facer. No seu momento do que había fixemos o que se puido porque non tiñamos orzamento e o que fixemos foi adaptar o que había da mellor maneira posible. Temos dúas, e o que estamos facendo é reformar a máis grande que é a máis vella, e a ver se para o seguinte ano conseguimos rematar. O deseño é a partir de outras, da nosa experiencia e buscando a comodidade.
-Como xestionades o que é a compra da alimentacion para o gando, tanto forraxes como pensos? (Como é a ración, onde comprades os distintos ingredientes, como están os prezos…)
(Sergio) Os prezos están moi caros e as calidades son malas. Neste momento estamos traballando cunha casa conocida. Traballamos con outras antes pero as calidades varían. Comezamos ben con outra casa, logo foinos un pouco mal. Comezamos coa que estamos agora vai un par de anos xa, e xenial. Tamén nós traballamos cunha receita cerrada, propia, e niso só pode variar a calidade do cereal.
-Cal é a produción media de leite que vides tendo tanto por animal como no conxunto da granxa e con que calidades a nivel de graxa e proteína?
(Sergio) Nestes momentos estamos sobre 2-2,5l de media por animal.
(Carlos) Estamos producindo un total diario duns 160-170 litros, e a verdade é que non lembro agora a referencia precisa dos índices de graxa e proteína.
-Como é o equipo de muxido, onde o conseguistes e prezo aproximado?
(Carlos) Comezamos cun carro de muxido porque non había cartos. Viñamos con cantaras para procesar nunha das cubas que temos agora. A máquina de muxido consguímola por uns 2.000€ en Zamora, pero tivemos que ir alá, desmontala e montala aquí. Era unha muxidora para ovellas, recordo. Comezaramos utilizando as tetinas que viñan e facíanlles dano nas ubres polo que tiveramos que cambiar as pezoneiras e as mangueiras para os seis puntos que temoss, e daquela xa foran como 1.200€.
(Sergio) Un equipo completo como queremos montar para a nova nave xa debe rondar os 10.000€. Naquel entón non nos daban os cartos entón tivemos que comprar de segunda man e montar todo nós.
-Cantos muxidos facedes, a que horas e que rutinas seguides?
(Carlos) Facemos un ao día. Básicamente traballamos de mañá, pola tarde vimos aquí a botar unha man en cousas puntuais de ganadería, pero a xornada é de mañá principalmente. A cabra ten bastante retención de leite, aínda que si que con dous muxidos se pode gañar algo máis, pero depende tamén das instalacións que teñas, sinon, o final quedas casi igual, o que sacas a máis polos tempos que se perden.
(Sergio) Esta raza vai ben cun muxido, non ten problema.
-Tedes estudado canto vos custa producir un litro de leite?
(Carlos) Si que temos unha aproximación. Cando foi o tema da subida de prezos dos forraxes o litro estaba preto dos 80 céntimos. Cando comezamos estabamos nuns 25 ou 30 céntimos.
(Sergio) O prezo dos insumos como a palla, alfalfa, etc. está doblado de cando comezamos a agora, e o penso non dobrado pero case.
-Tamén existe a crenza de que as cabras son moi delicadas a nivel de saúde, e supoño que aínda máis en ecolóxico. É así no voso caso? Que recomendarías para manter un bo estado sanitario?
(Carlos) Nós non traballamos en ecolóxico, pero en calquera caso, moito é cuestión de alimentación.
(Sergio) Se queres ter unha cabra sá aliméntala ben e xa está. Nós por exemplo tiñamos un penso que utilizabamos que era un penso de preparto e tiña problemas como baixas en partos ou non chegar a parir ben. Esta cabra ten unha xestación moi grande, de 3 crías non baixa, e queiras ou non, sumado a que son cabras de produción, cando teñen uns aniños tíralles moito. Entón é unha cuestión de alimentación. Nós comezamos a meter outros ingredientes na mestura porque as cantidades que tiña quizais non eran as suficientes. Outra cousa que inflúe tamén é a zona.
-A nivel de reprodución, como traballades este aspecto? Como elixides os machos reprodutores ou realizades inseminación artificial?
(Sergio) Inseminación agora para o ano. Comezamos cuns machos e criamos uns poucos máis ao principio e aguantáronse un tempo. Despois fomos a Castela, de viaxe, e compramos uns cantos de pequenos para sacalos adiante. Aí atrás tamén trouxemos unhas cabras dunha explotación que cerrou con boa xenética e aproveitamos os machos novos para cruzar e sacar outra camada de machos novos. O ano que vén imos inseminar para sacar a seguinte que vén detrás.
-Como xestionades o esterco xerado na granxa?. Que ingresos supón para a explotación?
(Carlos) Como aquí non hai fincas e o que hai déixase pouco a pouco de traballar a nós resultanos bastante complicado sacalo. Antes rifábanse polo abono e hoxe en día é difícil sacalo porque non hai quen o queira.
(Sergio) Baixamos prezo bastante. Nós só traballamos a granel, non cargamos sacos. Pero bueno, con tal de sacar para os gastos da máquina e de sacalo xa é suficiente.
-A comercialización é clave para a viabilidade económica de calquera proxecto. Como é no voso caso no caso dos lácteos? Canta produción vides tendo ao longo do ano e onde están os vosos principais mercados?
(Carlos) Como nós intentamos manter un volume de leite durante todo o ano máis ou menos igual, desde un principio comezamos cunha persoa que se dedica á comercialización, que é a nosa compañeira e socia, e vendemos moito a cliente final. Buscamos principalmente a venda directa e demáis. Ao principio era máis, pero logo ao subir houbo un cambio a pequenas tendas. Nós pretendemos que sexa un produto accesible a todos polo que o obxectivo non era posicionalo en tendas gourmet senón máis ben en tendas de barrio en zona de Vigo, Morrazo e Pontevedra, e tamén fóra de aquí, en Coruña ou Santiago. Cos 160 litros de media diaria sacamos uns 50 kilos de queixo. Creo que somos a única queixería artesá de Galicia que está vendendo produtos frescos pola facilidade que da ter un gran número de clientes préto. Temos desde iogures e queixo fresco a outros derivados que teñen pouco data de caducidade.
-Os vosos queixos teñen sido recoñecidos en concursos internacionais. Que destacarías das súas calidades organolépticas e cales son os distintos tipos de derivados lácteos que elaborades?
(Carlos) A leite de cabra é unha leite que desde o antigo se utilizaba para alimentar os bebés, era un sustitutivo do leite, como nodriza porque é máis dixerible que o resto de leites. Si que é certo que hai moita xente intolerante que pode consumir leite de cabra. Notamos un público que se achegou nese sentido. Logo, o queixo en sí había moita xente que non o probaba porque se se ten esa idea de queixos de outras zonas de España, os cales son fortes, pero pouco a pouco fomos abrindo un oco.
(Sergio) Tamén a consciencia alimentaria da xente foi cambiando.
(Carlos) Desde o inicio temos queixo fresco e semicurado, e nestes últimos tres anos si que fomos introducindo outros produtos como o iogur natural de cabra, un queixo fresco tamén premiado, e temos algunha cousa máis coa que estamos facendo probas e que nos gustaría sacar este ano.
-Vendedes cabritos e animais para vida? (como é a alimentación, con que idades e pesos, a quen, prezos medios…etc
(Sergio) Nestes momentos non. A explotación está crecendo e nin o plantexamos.
-Como intentades mellorar a marxe de beneficio que vos queda sobre os custos de produción?
(Carlos) Apostando polo hidropónico principalmente e despois tamén queremos apostar un pouco máis nas lácticas por temas de rendemento. Sempre ten máis rendemento un queixo láctico, e entón é un pouco cuestión diso, variedade, novos produtos. E logo alimentación que intentaremos rebaixar.
-O acceso a matadoiros é un problema xeral, e supoño que aínda maís tratándose de caprino. Como o resolvedes no voso caso e qué habería que mellorar? Botades man do Matadoiro Móbil da Xunta? Como valorades o servizo?
(Sergio) Pola nosa parte non. Temos o municipal aquí de Pontevedra e temos un coñecido tratante, contactamos con él, e xa se encarga ata de traérnolos listos nun isotermo. Vai coordinado todo, os clientes xa teñen o pedido feito entón o único é acordalo con él, facerlle a guía e listo. Moi cómodo e moi ben.
-Nos últimos anos produciuse un drástico descenso do censo caprino en Galicia e tamén do consumo. Como valora a situación do mercado e as oportunidades que hai para novas ganderías profesionais como a vosa que producen tanto lácteos como carne?
(Sergio). Aí non che podo responder ben porque no meu entorno social é todo o contrario. Coñécenme, xente que non consumía e consume, e ao final é un pouco cuestión diso. Diminuiu porque é complicado e tampouco tes información ou facilidade. Xa é unha cousa máis de tradición.