A Cooperativa Lemos vén de ser galardoada co premio 2025 á traxectoria cooperativa pola Consellería de Emprego. Lemos naceu no ano 1979, integrada inicialmente por 98 gandeiros e orientada a ser fábrica de penso e almacén de suministros. Aquel proxecto inicial foise transformando e medrando de xeito progresivo. No 1996 arrancou a comercialización conxunta de gando de vacún de carne e un ano despois, no 1997, a venda en conxunto do leite.
Do cento de socios iniciais pasou ós 800 da actualidade, tanto polo crecemento de Lemos en sí mesmo, na súa área xeográfica inicial, como pola absorción das cooperativas do Incio (2002) e Cogapen, de Sarria, no 2024.
Lemos conta a día de hoxe con arredor de 500 granxas activas, das que un 80% corresponden a leite e un 20% a vacún de carne. A cooperativa préstalle ás ganderías socias unha ampla gama de servizos, desde maquinaria en común e carros mesturadores a veterinaria, asesoramento técnico ou servizo de substitución.
A comercialización das producións dos socios constitúe ademais un dos seus sinais de identidade. Na parte do vacún de carne, a través da cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros, da que forma parte, e na parte de leite principalmente a través de Celega, unha industria láctea da que a propia Lemos adquiriu un 80% da participación no 2017.
“A unión non é só económica, é tamén social, o orgullo de pertencer a unha entidade cooperativa”
Esta adquisición representou un fito estratéxico co obxectivo de potenciar o crecemento da empresa, diversificar a súa oferta de produtos e fortalecer a súa competitividade.
O Grupo Lemos – Celega factura na actualidade arredor de 120 millóns de euros, conta con medio cento de traballadores e sitúase como un dos exemplos de éxito do cooperativismo gandeiro galego. Desde Lemos inciden en que o éxito da cooperativa, máis que económico, radica na atención próxima ós socios e na unión social.