A cooperativa irlandesa Glanbia apoia financeiramente aos seus socios para incrementar a produción de leite

Irlanda é un dos países punteiros do mundo na produción de leite e o que máis está a aumentar a produción dende o fin das cotas. César Resch, Enxeñeiro Agrónomo, investigador e membro da Xunta directiva de Terra e Leite, explica o novo préstamo da cooperativa Glanbia para que os seus socios podan aumentar a produción de leite

A cooperativa irlandesa Glanbia apoia financeiramente aos seus socios para incrementar a produción de leite

Glanbia procesa uns 2 millóns de toneladas de leite ao ano

Como xa se comentou en artigos publicados neste medio a República de Irlanda ten un sector lácteo planificado e cun camiño ben definido de aquí aos próximos 10 anos. Nesta colaboración vou presentar unha pata máis deste plan, a gran cooperativa láctea irlandesa Glanbia pon a disposición dos gandeiros socios máis de 100 millóns de euros para a expansión das súas granxas cunhas condicións que se adaptan perfectamente á volatilidade dos mercados.

Guste ou non, a volatilidade dos prezos das materias primas e o leite que producimos será norma nas nosas actividades por un longo tempo. Construír explotacións mais robustas e con máis resiliencia a estes avatares debe de estar na mente de todos os que queremos un longo e proveitoso futuro para o noso sector lácteo.

Nova liña de financiación axustada as necesidades dos produtores

En maio do pasado ano a cooperativa Glanbia lanzou unha liña de crédito de 100 millóns de euros durante un ano que agora amplía ate final do presente ano. O novidoso da liña é que adapta as condicións de devolución do préstamo ao prezo do leite e á estacionalidade da produción que existe neste país.

Este novo produto financeiro chamado MilkFlex implementa mecanismos que axustan a devolución do préstamo en liña co prezo que polo leite paga a cooperativa e polo tanto, non afoga financeiramente aos gandeiros cando os prezos percibidos polo leite son baixos ou cando non producen leite.

Os préstamos terán un principal mínimo de 25,000 euros e un máximo de 300,000 sendo o seu interese de euríbor máis 3,75 cun chan de cero para este índice. A devolución efectuaráse en oito anos cun posible incremento de dous anos se os mecanismos de pago aprazado se activaran.

Os elementos chave do Milkflex

Os subscritores estarán comprometidos coa empresa en tanto dure o préstamo. Un plan de viabilidade técnico-financieira feito por un técnico competente na materia acompañará a solicitude do préstamo.

O plan cubrirá melloras na infraestrutura da granxa: cercados, rede de camiños, rede de abastecemento de auga; compra de gando e melloras no terreo, como por exemplo as drenaxes. Non inclúe nin edificacións, nin maquinaria.

Se o prezo percibido polo leite baixa dos 28 cts (IVE incluído) durante tres meses consecutivos redúcese ao 50% tanto o pago de principal como o de intereses nos seguintes seis meses. Este mecanismo poderá activarse un máximo de catro veces.

Se o prezo percibido polo leite baixa dos 26 cts (IVE incluído) durante tres meses consecutivos non se devolverá nin capital nin intereses nos seguintes seis meses. Este mecanismo poderá activarse un máximo de dúas veces.

Se o prezo percibido polo leite sube dos 34 cts (IVE incluído) durante tres meses consecutivos increméntase a cota a pagar un 25% nos seguintes seis meses. Este mecanismo poderá activarse un máximo de catro veces.

A devolución será calculada para non ter que pagar cotas de Novembro a Febreiro que son os meses nos que a produción é moi baixa ou nula, pola agrupación de partos que a inmensa maioría de gandeiros realizan ao fin do inverno.

O gráfico seguinte mostra as condicións de devolución en función de prezos e leite entregado:

Milk-Flex-Slide-Graphic-GLANDIA

E en Galicia que?

“A cooperativa Glanbia industrializou o pasado ano mais de dous millóns de toneladas de leite, exportando os seus produtos a todo o mundo. Foi resultado dunha fusión de cooperativas de menor tamaño a finais dos anos sesenta.

A cooperativa ten un plan de expansión e ten moi claro cal é o modelo produtivo que queren, apostando por el con iniciativas como a descrita. Os plans poden ser bos ou malos, pero a peor estratexia é non ter plan.

Sería de agradecer escoitar estratexias de sector, construídas dende aquí, que abranguen dende a produción ata a comercialización do noso leite. Estas estratexias non deben de ser desideratos utópicos dos que últimamente bebemos demasiado.

Podemos e debemos pedir opinión, pero coido que sendo a oitava rexión produtora de leite de Europa, teremos algo que dicir sobre o modelo que queremos para o ano 2025″.

César Resch Zafra
Dr. Enxeñeiro Agrónomo, investigador e Membro da Xunta directiva de Terra e Leite.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información