DELAGRO S. Coop. celebrou hoxe a súa asemblea xeral anual nun acto no Hotel Attica Spa 21 de Vilalba (Lugo), reunindo a representantes de todas as cooperativas socias para presentar as contas e a Memoria de Actividades de 2023. O equipo directivo da cooperativa de segundo grao, xunto co Consello Reitor, fixo balance dos fitos e resultados logrados no último exercicio, que “evidencian a súa capacidade para adaptarse ás cambiantes esixencias do mercado e seguir contribuíndo á competitividade dos seus 25.700 asociados”.
Nun contexto de alta volatilidade nos prezos das materias primas, DELAGRO mantivo unha estratexia efectiva de adquisición anticipada de materias primas e diversificación de provedores. “A nosa capacidade para anticiparnos ás fluctuacións do mercado e diversificar as nosas fontes de subministración foi fundamental para manter a estabilidade de prezos en materias primas clave, como o millo, a soia e a colza, así como doutros insumos agrarios como produtos fitosanitarios, plásticos de ensilado e fertilizantes”, afirmou Daniel Ferreiro, presidente de DELAGRO. Cabe destacar que en torno ao 85% das compras para o primeiro trimestre de 2023 realizáronse o ano anterior, e o 50% das compras para o segundo semestre completáronse no primeiro semestre do exercicio, asegurando así unha subministración continua e estable.
O director financeiro da cooperativa de segundo grao, Martín Díaz, sinalou pola súa banda que a crise enerxética, o prolongado conflito en Ucraína, así como os novos episodios de inestabilidade en Oriente Medio, sumados aos terremotos financeiros en institucións bancarias de Estados Unidos e Suíza, contribuíron a elevar os tipos de xuro a niveis non vistos en décadas. “A pesar diso, logramos xestionar unhas vendas por importe de 332 millóns de euros, dos cales 134 millóns corresponden a produtos e servizos facturados directamente por DELAGRO. Mantivemos a estabilidade no noso abastecemento e adaptámonos ás novas demandas do mercado, o que resultou nun bo exercicio 2023”, celebrou.
O financeiro destaca, neste sentido, o papel fundamental desempeñado polo Complexo Multidisciplinar de Fertilizantes que a cooperativa posúe nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña), e cuxa redución de custos tanto na produción de fertilizantes como no complexo loxístico, contribuíron moi positivamente a alcanzar estes resultados.
Expansión territorial e dixitalización
2023 tamén foi un ano de expansión xeográfica para DELAGRO, que consolidou a súa presenza no mercado portugués. A cooperativa afianzou as súas relacións e expandiu a súa influencia a novas rexións e cultivos, como o da castaña. “Este movemento estratéxico non só fortaleceu a nosa posición en Portugal, senón que tamén sentou as bases para futuros crecementos e oportunidades”, comentou Ferreiro, subliñando a importancia desta expansión para o crecemento a longo prazo da cooperativa.
A evolución das vendas de fertilizantes, un produto esencial na actividade agraria, tamén resultou moi positiva, cun incremento do 36% respecto ao ano anterior. Ademais, observouse unha demanda crecente nas cooperativas de “especialidades” fronte aos produtos de fertilización convencional, reflectindo así a procura de solucións máis rendibles e eficientes por parte dos produtores, máis aló do prezo, destacou o presidente de DELAGRO.
Xunto ao seu enfoque no mercado, DELAGRO tamén centrou os seus esforzos en fortalecer as súas ferramentas internas. Implementáronse melloras significativas na súa ERP DelagrOS, un software propio deseñado para cooperativas e PEMES do sector agroalimentario, adaptándoo aos novos cambios normativos e necesidades específicas do sector agrogandeiro. “Cunha expansión exitosa que abarca xa a 10 cooperativas e unha sólida base de máis de 400 usuarios en máis de 20 puntos de venda, DelagrOS converteuse nunha ferramenta vital para a xestión eficiente dos modelos de negocio cooperativos”, salientou Martín Díaz, director financeiro, durante a súa intervención.
Nova liña de negocio no sector vitivinícola
Durante o pasado exercicio, a estratexia comercial enfocouse nos cultivos intensivos, especialmente no sector vitivinícola, onde a cooperativa apenas estaba presente. Realizáronse importantes esforzos para introducir os produtos de DELAGRO nun mercado onde non estaban situados, logrando incursións exitosas nas principais adegas das denominacións de orixe Rías Baixas, así como noutras rexións vitivinícolas como Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra.
Cabe destacar, que DELAGRO ofrece solucións avanzadas de biocontrol e bionutrición, que empregan organismos vivos e bioestimulantes para combater as pragas e mellorar a saúde das plantas, todo iso minimizando o uso de produtos químicos. Estas innovadoras prácticas, explica o presidente, “aumentan a rendibilidade agrícola, contribúen á seguridade alimentaria e á conservación do medioambiente para as futuras xeracións e son, xunto coa nosa gama de produtos de residuo cero para viñedo, unha forma de reafirmar o noso compromiso coa innovación e a sustentabilidade na agricultura”.
Excelencia na xestión da cadea de subministración
DELAGRO foi galardoada en 2023 pola Asociación Española de Profesionais de Compras, Contratación e Aprovisionamentos (AERCE) co premio O Diamante da Compra, polo seu proxecto de integración de provedores na cadea de valor. A asociación recoñecía deste xeito a aposta de DELAGRO pola dixitalización, a efectividade dos seus procesos de compras e a súa achega global ao sector agroalimentario.
Grazas ao excelente desempeño dos departamentos de Mercarural e TIC, implementouse un sistema propio de integración de albaráns que permitiu unha comunicación máis fluída e automatizada cos provedores homologados, cuxos albaráns e documentos comerciais son compartidos en tempo real e posteriormente importados de forma masiva no ERP DelagrOS.
A integración de provedores mediante este sistema ofrece múltiples beneficios. “Ademais do aforro de tempo que se consegue automatizando procesos que até agora realizabamos de forma manual, as reclamacións administrativas reducíronse nun 94%, a impresión de documentos comerciais e franqueo nun 83%, contribuíndo á sustentabilidade ambiental, mentres que a experiencia do cliente final ha mellorado substancialmente como resultado duns fluxos de traballo e tempos de resposta óptimos e precisos”, explica o director financeiro de DELAGRO, Martín Díaz.
Sobre DELAGRO S. Coop.
DELAGRO ten a súa orixe en tres cooperativas de segundo grao, Cica (Asturias), Sergacán (Cantabria) e Cecoop (Galicia), que en 1994 deciden unir esforzos e levar a cabo unha actividade comercial común e buscar sinerxías. A integración deste tres socios iniciais dá como resultado que en 2005 naza DELAGRO, co obxectivo de converterse no mellor exemplo de integración cooperativa. Con volume de negocio que supera os 332M de euros, está integrada por 19 cooperativas + 2 asociados, algunhas delas de segundo grao, de Asturias, Cantabria e Galicia. Un grupo que aposta pola innovación e que se converteu, desta maneira, nunha das máis importantes centrais de compras e distribución do norte de España.