A cooperativa Cobideza prevé renovar o contrato con Reny Picot para venderlle 54 millóns de litros de leite

Xunta Directiva cobideza
A Xunta Directiva de Cobideza Sociedade Cooperativa celebrou este venres unha reunión na que se abordaron 3 puntos fundamentais: a preparación da Asemblea Xeral, a renovación do contrato lácteo con Reny Picot e a organización de charlas informativas aos socios sobre o proceso de reclamación ás industrias do denominado “cártel do leite” que foron sancionadas por pactar prezos.

A celebración da Asemblea Xeral anual viuse este ano totalmente condicionada polas limitacións da crise sanitaria da covid-19. Deste xeito, aínda non quedou definida unha data, pero barállase que a reunión do órgano máis importante da cooperativa poida ter lugar na primeira quincena de xullo.

Á asemblea levarase a proposta de renovación da sinatura do contrato lácteo coa multinacional asturiana Reny Picot para a venda de 54,3 millóns de litros de leite, que alcanzarán un valor de entre 16 e 18 millóns de euros; é dicir,de dentre 0,29 e 0,33 euros o litro. No caso de que a sinatura sexa ratificada polos socios e socias, Cobideza encadeará o sétimo de contrato con esta industria.

Como sinalou o presidente, Román Santalla, o contrato terá carácter anual, do 1 de xullo ao 30 de xuño, e establece todo o proceso de calidades así como o prezo e o método de pago aos gandeiros, entre outras cuestións. O leite transpórtase dende a comarca do Deza á sede de Reny Picot situada en Anleo (Asturias) en macrocamións de 45 toneladas de capacidade cada un e diariamente viaxan á Asturias entre 3 e 4 trailes de leite procedente das explotacións de Cobideza distribuídas polas comarcas.

Expansión de Cobideza a outras comarcas

Santalla sinalou que Cobideza continúa ampliando a súa base asociativa durante o 2020 e o seu carácter intercomarcal, tendo xa presenza na Estrada, Forcarei, Vila de Cruces, Silleda, Lalín, Agolada, Palas de Rei, e Monterroso. Este modelo transversal intercomarcal seguirá sendo o modelo base de expansión de Cobideza no próximo ano.

Charlas na primeira semana de xullo sobre as reclamacións ao “cártel do leite”

Por outra banda, a cooperativa organizará reunións informativas dirixidas a socios e antigos socios sobre “as reclamacións ás empresas lácteas que foron sancionadas polo denomidado cártel do leite, a través do que pactaron prezos en beneficio propio, rompendo as leis de competencia e prexudicando os produtores”, sinalan dende a cooperativa.

As charlas terán lugar a primeira semana do mes de xullo. Román Santalla explicou que se está estudando o formato destas reunións “porque vaise xuntar moita xente, pero queremos darlle a todos os gandeiros de Lalín e comarca información puntual sobre o proceso para reclamar ese diñeiro que a Audiencia Nacional dixo que lle debía ser devolto aos produtores”. Debido á ampla asistencia que se agarda e á necesidade de gardar as distancias de seguridade fronte a covid-19, valórase como espazo de celebración o pavillón de Cercio. A solicitude desta instalación realizarase ante o concello nos próximos días.

Finalmente, a Xunta Directiva tamén tratou na xuntanza o acondicionamento e reforma dos almacéns das naves de Cercio, Vila de Cruces e Silleda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información