A cooperativa Cobideza impulsa a sementeira directa do millo

A cooperativa Cobideza impulsa por segundo ano consecutivo a sementeira directa do millo entre os seus socios. O ano pasado sementaron arredor de 40 hectáreas con esta técnica e nesta campaña agardan chegar ás 80 hectáreas.

“As principais vantaxes é que supón un importante aforro de custos, ademáis que reduce moito a erosión nas fincas con pendente e conta cun apoio das axudas da PAC duns 86 euros por hectárea, ao estar contemplada dentro dos ecorreximes ou prácticas respetuosas co medioambiente”, explica Román Santalla, socio de Cobideza e que este ano prevé sementar unhas 40 hectáreas de millo con sementeira directa.

“Nesta zona moitas fincas teñen un 10% ou máis de pendente, e con esta técnica reducimos moito a erosión que se produce co laboreo, evitando que a terra sexa arrastrada pola choiva. Ademáis, os restos da herba que quedan actúan como coberteira, axudándolle moito ao millo a soportar os períodos de seca no verán. É certo que baixa algo o rendemento do millo, pero aínda así compensa”, destaca esta gandeiro.

A técnica da sementeira directa do millo consiste no non laboreo: Antes ou despois de sementar o millo quéimase con glifosato a pradeira, logo bótase o xurro, e por último seméntase cunha sementadora especialmente deseñada, que tamén incorpora o abono localizado e o insecticida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información