A cooperativa CLUN pecha o 2021 cunha facturación de 188 millóns e cun balance “positivo”

A cooperativa CLUN pecha o 2021 cunha facturación de 188 millóns e cun balance “positivo”

O director xeral da CLUN, Juan Gallástegui, durante a asemblea celebrada este venres. Foto: Xaime Cortizo

A cooperativa rural galega CLUN celebrou este venres a súa Asemblea Xeral Ordinaria de 2022, na que, entre outros puntos do día, se aprobaron as contas do 2021. 

Nelas reflíctese que a cooperativa que ofrece servizos agrogandeiros e comercializa, entre outras, as marcas FEIRACO, CLESA e ÚNICLA, consolidou a súa evolución positiva e o seu crecemento desde o 2019.  

A facturación consolidada do grupo galego medrou un 7,5% en 2021 respecto ao 2020, ata superar os 188 millóns de euros. A destacar, o incremento de vendas en máis de tres millóns e medio de unidades de leite coas súas marcas Feiraco, Únicla e Clesa Bienatur nun só ano, asi como a produción da planta de Clesa que pasou de fabricar menos de 2 millóns de quilos de produto en 2012 a superar os 35 millóns, desde que CLUN se fixo cargo da súa xestión. 

Dende CLUN tamén destacan que “cada vez máis gandeiros confían nos nosos servizos agrarios, veterinarios e de alimentación animal”. Así, Ángel Miranda, director da división agrogandeira de CLUN manifestaba o bo rendemento e estabilidade que aporta a cooperativa aos seus socios, “para unha granxa ten moitas vantaxes pertencer á cooperativa CLUN”. Afirmación que se ve reforzada polo aumento da venda de pensos nun 12% respecto ao exercicio anterior.  

O director xeral da CLUN, Juan Gallástegui, defendeu a xestión levada a cabo na Cooperativa e sinalou que “os números están avalando o traballo serio e rigoroso de todo un equipo que funciona como un”, e destacou que, “todas as empresas do grupo arroxaron un ebitda positivo”, nunhas contas que foron aprobadas pola unanimidade dos asistentes á asemblea. 

Sinalou, asimesmo, a necesidade de seguir profesionalizando a xestión e renovándose,  e reiterou o compromiso desta cooperativa galega co sector. 

Así, dixo, que “ao máximo das nosas posibilidades, CLUN tratará de que a suba nos custos da produción non repercuta sobre os gandeiros”, comprometeu unha nova subida do prezo do leite, que será a cuarta en oito meses, e ao mantemento dunha política de apoio ao sector que tamén ten reflexo na contención de marxes no que á alimentación animal se refire, en beneficio dos cooperativistas. 

CLUN e o compromiso co rural 

Pola súa parte, o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, reafirmou este compromiso da cooperativa co sector e recordou que “mentres outras empresas se acercan ao rural galego por oportunismo, CLUN, como cooperativa galega, quere un rural galego do que vivir e no que vivir”.  

CLUN procesou en 2021 preto dun 6% de todo o leite que se produce en Galicia, a principal comunidade leiteira de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información