A cooperativa CLUN ven de celebrar a súa Asemblea Xeral Ordinaria correspondente ao exercicio 2025, na que os socios aprobaron as contas anuais e autorizaron o desenvolvemento do proxecto CoRural, chamado a converterse no primeiro grupo lácteo galego e un dos principais de toda España.
A cooperativa, fabricante das marcas FEIRACO, CLESA e ÚNICLA A2 pechou 2025 cos mellores resultados económicos da súa historia, en termos de rendibilidade.
O EBITDA consolidado acadou os 8,7 millóns de euros, o mellor balance desde a fundación de CLUN, mentres que o resultado neto mellorou nun 73% respecto ao exercicio anterior. A cooperativa acadou unha facturación de 253,7 millóns de euros, preto dun 2% máis que un ano antes.
No transcurso da asemblea, emitiuse un vídeo do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que agradeceu a contribución dos cooperativistas ao recoñecemento de “Galicia Calidade” e cualificou o proxecto de CoRural como “un novo paso para fortalecer o sector lácteo galego”.
Tamén o ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación eloxiou o “bo traballo” e “o labor social” da cooperativa e cualificou CoRural como “unha excelente iniciativa” destacando o “esforzo de integración cooperativa” de CLUN e Leche Celta.
RESULTADOS 2025
Durante a presentación do balance, o director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, explicou que os resultados de 2025 se sustentan en catro grandes piares: “fortaleza financeira e investimento, innovación, desenvolvemento comercial e apoio aos gandeiros”.
Neste sentido, destacou que a cooperativa reforzou a súa posición financeira e investiu 6,5 millóns de euros na modernización das súas instalacións e procesos, superando os 30 millóns de investimento acumulado desde 2021.
No ámbito da innovación, Gallástegui salientou o crecemento de ÚNICLA A2, un leite diferenciado e mellorado de forma natural mediante a alimentación de vacas A2A2 seleccionadas, con racións equilibradas ricas en omega 3 e selenio. Este proxecto, resultado da colaboración entre os gandeiros de CLUN e universidades e centros de investigación galegos, continuou medrando en 2025 e consolidándose como unha referencia de innovación no sector lácteo.
Ademais, CLUN continuou fortalecendo as súas marcas e ampliando a súa presenza comercial, levando os seus produtos 100% galegos a 70 países.
Finalmente, o director xeral de CLUN subliñou que os gandeiros seguen a ser o centro da actividade da cooperativa, que reforzou os servizos ás explotacións. O 94% do leite procesado procede dos seus socios e presenta niveis de calidade superiores á media galega e española.
Na súa intervención, Gallástegui resumiu a situación da cooperativa: “CLUN chega a CoRural no mellor momento da súa historia e tomamos a decisión que toman os que queren liderar: non pararse e conformarse ata que o tempo nos supere”.
CORURAL
Así, a asemblea aprobou tamén o proxecto CoRural, unha sociedade na que se integrarán os negocios lácteos de CLUN e de Leche Celta.
O novo proxecto agrupará arredor de 1.400 produtores de leite, 800 empregados, 8 plantas industriais e arredor de 6000 millóns de euros de volume de negocio, converténdose no primeiro grupo lácteo de Galicia e un dos principais de toda España.
CoRural terá a súa sede en Galicia e nace coa vocación de incrementar a capacidade transformación, gañar dimensión, desenvolver novos produtos e xerar máis valor para os produtores, que son o centro do proxecto.
Durante a súa intervención, o director xeral de CLUN definiu o alcance da iniciativa: “É Galicia creando, por fin, un gran grupo lácteo. É Galicia deixando de limitarse a producir o que outros transforman. É Galicia gañando voz, escala e capacidade”.
Pola súa parte, o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, reafirmou o compromiso da cooperativa co sector e co rural galego e a vocación de “seguir construíndo con raíces, con identidade e con prudencia, pero cara adiante e con ambición colectiva”.
Galego









Control OJD