A cooperativa CLUN anuncia que subirá entre 2,5 e 3 céntimos o prezo do leite

A subida aplicarase a partir do próximo mes de abril a todas as persoas asociadas á cooperativa

A cooperativa CLUN anuncia que subirá entre 2,5 e 3 céntimos o prezo do leite

As persoas asociadas á cooperativa CLUN verán novamente incrementados os seus ingresos pola recollida do leite en orixe, cun aumento de entre 2,5 e 3 céntimos por litro que se aplicará a partir do próximo mes de abril.

Este é o cuarto incremento de prezos que a cooperativa galega produtora das marcas lácteas Únicla, Feiraco e Clesa efectúa en oito meses, xa que durante o segundo semestre do pasado 2021 tiveron lugar tres subidas: a primeira en xullo, a segunda en outubro e a terceira no mes de decembro. Con esta nova medida, que se suma a outras xa implantadas como o axuste á baixa na tarifa dos pensos, CLUN segue contribuíndo á maior estabilidade do sector lácteo de Galicia.

“A conxuntura actual do sector, co incremento dos custos de produción que afectan as explotacións gandeiras, fai necesario redobrar esforzos para lograr unha cadea de valor do lácteo máis equilibrada, que garanta a sustentabilidade e o futuro do sector”, sinala Juan Gallastegui, director xeral de CLUN.

“Traballamos pola estabilidade, para lograr prezos sostibles en cada tramo da cadea de valor do lácteo, coidando especialmente dos nosos gandeiros e das súas familias, que son o piar fundamental”, engade Gallastegui, indicando que “a rendibilidade das explotacións é garantía do futuro do sector e do medio rural galego, para que se poida vivir del e nel”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información