A Cooperativa Central de Frades inaugura unha tenda

O novo espazo en Abellá combina servizos agrícolas, alimentarios e de gandaría, reforzando o tecido económico e social da comarca de Ordes

A Cooperativa Central de Frades inaugura unha tenda

Inauguración da tenda de Central de Frades.

Central de Frades inaugurou unha nova tenda no Lugar de Pumariño, en Abellá, Frades (A Coruña), nun acto ao que asistiron autoridades, representantes do sector rural e membros da cooperativa.

Este proxecto ocupa 840 metros cadrados e a cooperativa sinala que reflicte o seu compromiso co desenvolvemento sostible do rural e o apoio ás explotacións gandeiras da comarca de Ordes.

O establecemento reúne tres áreas principais nun mesmo espazo: un almacén de pensos de 600 m², con produtos da fábrica de Ledoira para gandarías profesionais e mascotas; unha tenda agrícola de 120 m², con insumos para cultivos, ferramentas, roupa de traballo e recursos para granxas e fogares; e un supermercado de 120 m², con alimentos frescos, produtos de hixiene e artigos de uso diario.

Unha tenda aberta a todos

“Queremos que este novo espazo beneficie a toda a comarca, achegando servizos que reforcen as granxas e cubran as necesidades das familias, ao mesmo tempo que damos a coñecer o traballo da cooperativa”, indica Jaime Carneiro, presidente da cooperativa.

A directora de Central de Frades, Laura Uzal, destacou que “a apertura deste establecemento é un paso máis na nosa misión de promover a sustentabilidade, crear emprego local e mellorar o benestar das familias e explotacións gandeiras”, ademais de impulsar o crecemento económico da comarca.

A tenda estará aberta de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados só en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Tamén disporá dun servizo de entrega a domicilio.

Jaime Carneiro, presidente Central de Frades, durante a inauguración.

Jaime Carneiro, presidente Central de Frades, durante a inauguración.

Apoio institucional

Na inauguración estiveron presentes Nieves Mancebo Santamaría, directora territorial da Consellería de Medio Rural; Juan José Couce Prego, director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; Mariano Iglesias, presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural da comarca de Ordes (ASDECOMOR); e Roberto Rey, alcalde de Frades.

Todos resaltaron a relevancia deste proxecto para impulsar o tecido social e económico da zona. Con esta tenda, Central de Frades pon en valor a innovación, proximidade e desenvolvemento sostible, ofrecendo solucións integrais para o progreso do rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información