No mesmo lugar que loce o nome da cooperativa, Burgo de Negral, na parroquia de Pacio, pertencente ao concello de Friol pero no límite xa con Guntín e Palas, está a primeira gandería de leite ecolóxico de Galicia e unha das pioneiras tamén a nivel español.
A súa aposta pola produción certificada en base ao pastoreo das súas vacas serviu para abrir outras portas na nosa comunidade a un sector daquela, e aínda hoxe, dominado polo modelo convencional de estabulación intensiva. A súa experiencia foi desbrozando o camiño a outras granxas que seguiron os seus pasos nestas dúas décadas de produción de leite ecolóxico da cooperativa.
Hoxe segue a ser unha das ganderías ecolóxicas máis grandes de Galicia, con 170 cabezas totais. “Muximos de media entre 100 e 110 vacas, cando máis no mes de abril, que podemos chegar ás 130, porque temos os partos agrupados”, conta José Manuel Vázquez, un dos 6 socios actuais.
Segue a ser unha das ganderías ecolóxicas máis grandes de Galicia, con 170 cabezas totais. Moxen de media entre 100 e 110 vacas, agás en abril, que poden chegar a 130
Coma esta, pensada para aproveitar mellor o pasto, foron moitas as novidades que Burgo de Negral introduciu en Galicia, como os cruzamentos con distintas razas, desde a montbeliard á roja sueca, pasando pola jersey, o frisón danés ou a pardo alpina.
153 hectáreas de superficie
A gandería dispón de 153 hectáreas de terreo nun radio de 2,5 quilómetros. “Ao lado da nave temos 35 hectáreas, as vacas en produción están nas fincas máis próximas, entre quilómetro e quilómetro e medio de distancia. A cooperativa ten 42 hectáreas e o resto da superficie é propiedade dos socios e temos alugadas entre 30 e 40 hectáreas, unha parte é monte comunal da parroquia”, conta José Manuel.
Durante un tempo producimos o leite sen ensilado e a nosa idea era poñer un secadeiro de herba coma o que teñen as granxas ecolóxicas en países como Francia, Austria ou Suíza, pero finalmente non se levou a cabo
Na primavera as vacas de Burgo de Negral pacen día e noite e o resto do ano un mínimo de seis horas diarias. “As xovencas grandes e as vacas secas están sempre fóra, agás as tres semanas máis duras do inverno. As vacas en produción tamén saen todos os días, agás que non haxa pasto ou chova moito e estea o terreo encharcado, que entón pode haber algún día no que non saian”, explica.
200 gramos de penso
A base da alimentación do gando é o pasto pero nesta zona non aguanta todo o ano. “Estamos a 500 metros de altitude e o chan é de pizarra. No verán afecta a seca e no inverno encharca e se van as vacas destrozan as pradeiras”, explica. Por iso, a maiores do que as vacas pacen, suplementan cunha ración en pesebre a base de silo de herba, alfalfa e concentrado e que vai variando nas súas proporcións en función do pasto que haxa en cada momento.
A cantidade de concentrado varía en función do pasto dispoñible, situándose entre os 150 e os 300 gramos por vaca e día
En función do pasto dispoñible e da súa composición van xogando cos aportes de concentrado que reciben as vacas. “Damos 200 gramos de media, cando hai máis pasto baixa diso e cando hai menos que pacer pode subir a até 250 ou 300 gramos diarios. A idea é que o penso sexa unha golosina, pero nas recén paridas é difícil que manteñan un estado de carnes aceptable sen concentrado”, recoñece José Manuel.
A produción media é de 26 litros na primavera e 20 cara ao final do verán
Esa cifra dos 200 gramos é a media de todo o ano contando o conxunto da cabana gandeira, porque neses 200 gramos entra a totalidade do penso que merca a cooperativa. “No cómputo das vacas de leite meto todo o penso que compro na granxa, tamén o das becerras e as xovencas”, aclara José Manuel.
Ás vacas secas, que están sempre fóra, lévanlles a ración ao prado, formulada a base de silo de herba e tamén algo de concentrado, pero sen alfalfa, mentres que a recría unha vez destetada sae adiante co pasto, herba seca e algo de penso.
Pradeiras co 50% de leguminosas
O coidado das pradeiras é a base fundamental dunha explotación como Burgo de Negral. “Buscamos que a porcentaxe de leguminosas sexa do 50%. Cando vemos que a relación do trevo co resto das herbas baixa diso renovamos. Iso pode suceder aos 4 ou 5 anos de sementar”, explica José Manuel.
Están tentando aumentar a durabilidade das pradeiras para non roturar tanto as fincas, que sementan cunha mestura de trevo, raigrás, festuca e datilo. “Unhas aguantan e outras non, sempre as hai que se van impoñendo”, di. Malia que é unha zona na que afecta a seca no verán, polo tipo de chan e por estar a 500 metros de altitude sobre o nivel do mar, logran que os prados aguanten máis tempo verdes ao encalar e abonar con purín e esterco a base de palla.
Agás a sementeira das pradeiras, o ensilado e recoller a herba seca, que contratan cunha empresa externa, o resto dos traballos agrícolas fanos eles
Agás a sementeira das pradeiras, o ensilado e recoller a herba seca, que contratan cunha empresa externa, o resto dos traballos agrícolas fanos eles. Este ano botaron ademais 20 hectáreas a millo e a sorgo por mor da climatoloxía. “Tiñamos a terra preparada na primavera para renovar pero choveu e non puidemos facer a pradeira, así que para non tela baleira botamos o millo e o sorgo, pero a nosa idea non é seguir con eses cultivos”, aclara.
21 anos entregando o leite á mesma empresa
Durante moitos anos Lactalis foi a única empresa que recollía leite ecolóxico en Galicia. A irrupción no último lustro de Leche Celta no mercado serviu para incrementar os prezos en orixe e animar a numerosas explotacións galegas a dar o paso da conversión cara a certificación ecolóxica.
O sector do leite ecolóxico viviu un boom fai un par de anos coa irrupción de Leche Celta no mercado pero Burgo de Negral mantívose fiel a Lactalis
Pero Burgo de Negral seguiu entregando á mesma empresa que comezou a recollerlle o leite aló polo ano 1999. Como premio a esa fidelidade, José Manuel protagonizou fai un ano un vídeo co que a empresa francesa vinculada á familia Besnier, a que máis produción absorbe en Galicia, tamén en convencional, celebraba os seus 20 anos recollendo leite ecolóxico en España.
Produción estacional
O ano pasado, dúas décadas despois, a cooperativa entregou a Lactalis 900.000 litros de leite, sendo a produción media diaria de 26 litros por vaca na primavera e 20 cara ao final do verán, o que lles reporta un promedio por lactación de 7.300 litros.
As calidades tamén varían, situándose en valores que se moven arredor do 4% de graxa e o 3,40% de proteína nos meses de inverno e baixa até o 3,60% de graxa e o 3,15% de proteína na primavera. En conxunto, a media dos últimos 12 meses foi nesta explotación dun 3,83% de graxa e un 3,25% de proteína, 8,72 de extracto seco, 23 de bacterioloxía e 206.000 células somáticas.
Inseminan só 5 meses no ano (abril, maio, xuño, novembro e decembro) para ter os partos agrupados e aproveitar mellor o pasto da primavera e o outono
Teñen os partos agrupados para aproveitar mellor o pasto e, por iso, a súa produción é moi estacional. “En maio damos 90.000 litros ao mes e, sen embargo, cara no mes de setembro poden ser menos da metade, uns 40.000. Hai moita diferenza ao termos os partos agrupados”, di José Manuel.
Inseminan só 5 meses ao ano pero en dúas épocas diferentes: na primavera en abril, maio e xuño e en outono nos meses de novembro e decembro. Teñen tamén un touro, que anda no medio das vacas durante o mes de xullo para asegurar a reprodución naquelas que non quedaron preñadas. “O touro metémolo durante tres semanas de xullo para as que non lles ves o celo, porque en ecolóxico non podes axudar con hormonas”, indica.
18 anos facendo cruzamentos
Burgo de Negral ten unha moi boa taxa de fertilidade que se nota nos índices reprodutivos. “Andamos nunha media de 1,2 pajuelas por vaca preñada e 430 días entre parto e parto, tendo en conta que en xuño paramos de inseminar e as que non quedaron preñadas esperan a mediados de novembro, que é cando retomamos as inseminacións, polo que ese parón distorsiona os datos”, explica José Manuel.
Parte da culpa da boa fertilidade da granxa téñena os cruzamentos, polos que apostaron case desde o comezo. “Levamos 18 anos facendo cruces. Fixen experimentos con pardo alpino e jersey, empecei con jersey coa idea de muxir só unha vez ao día, pero agora apostamos por frisón, rojo sueco e montbeliard, que son os que mellor funcionan”, di.
Seguen o sistema Procross de cruzamentos alternando tres razas: frisón, rojo sueco e montbeliard
“Insemino coa raza que queda máis lonxe e vou rotando. Así nunca tes problemas de consanguinidade, é unha das cousas que solucionas con este sistema, pero non merco un touro calquera, escollo os mellores de cada raza tratando de potenciar os aspectos positivos e de marxinar os negativos de cada unha. Por exemplo, en rojo sueco escollo sempre touros que non teñan muxido lento. De media vimos gastando uns 15 euros por dose”, explica.
Logo de levar 18 anos facendo cruzamentos, toda a cabana é híbrida e a totalidade do gando pasou xa polas tres razas. Son eses animais trihibridos os que José Manuel considera que mellor funcionan nunha gandería, ao tratarse de vacas moi equilibradas ás que cada unha das razas aporta diferentes aspectos positivos.
Inseminan con jersey as primeirizas
Ademais das tres razas que van rotando nas vacas, traballan cunha cuarta que usan só nas primeirizas. Para ese primeiro parto inseminan case sempre as xovencas con jersey, aínda que de vez en cando empregan tamén algún touro asturiano das montañas ou cacheno, pero mantendo sempre a premisa da facilidade de parto. “Aquí ninguén atende os partos, as xovencas teñen que parir soas, por iso lles poñemos sempre touros con facilidade de parto porque chéganos só con recriar das vacas”, explican.
Hoxe facer cruces de distintas razas nas vacas vese como algo normal, pero cando empezamos nós era algo absolutamente inusual
Sen embargo, nas vacas adultas empregan unicamente as rotacións de tres razas: frisón, rojo sueco e montbeliard. “Con 4 sangues habería moita variabilidade, esa é unha moda perigosa porque ás veces sáeche algo moi diferente ao que buscas ou persegues realmente”, considera José Manuel. “Nós mantemos en hibridación 5 ou 6 sangues, pero controladas e seleccionadas por individuo”, matiza.
Burgo de Negral comezou poñendo jersey fai xa máis dunha década. “A intención era muxir só unha vez ao día, pero a baixada de produción que tivemos foi moi importante, cun 30% menos de litros cada día, polo que volvimos ás dúas muxiduras. Pero non descartamos volver a implantar o monoordeño. Esa baixada de produción por vaca eu pensaba compensala cun maior número de vacas”, conta.
Excedentarios en recría
A taxa de preñez nesta gandería está moi por enriba da media de todas as explotacións da provincia de Lugo, incluíndo as convencionais, o mesmo que a taxa de eliminación é moi inferior. “A media das nosas vacas son 5,2 partos”, detalla José Manuel.
Isto supón que son excedentarios en recría, ao sobrarlles as xovencas que saen cada ano para cubrir o reemprazo necesario na granxa. “Cando acontece iso que facemos é vender vacas, nunca vendemos das xovencas nin poñemos carne ás vacas, o que se fai sempre é vender vacas das problemáticas. Tiñamos bastante incidencia de mamite de ubre e como os tratamentos en ecolóxico son limitados optamos por facer descartes neses animais”, conta.
Tiñamos bastante incidencia de mamite de ubre e como os tratamentos en ecolóxico son limitados cando nos sobran xovencas facemos descartes deses animais
Até os 6 ou 7 meses manteñen dentro a recría, primeiro en boxes individuais e logo en lotes compartidos. “Ás becerras dámoslles dúas tomas de leite diarias até os dous meses, con dous litros en cada toma, pola mañá e pola noite, logo pasamos a unha soa toma diaria con 4 litros até que cumpren 4 meses, que é cando destetamos e pasan a comer penso e herba seca dous meses máis”, explica.
A partir dos 6 ou 7 meses as xatas empezan a saír ao pasto durante o día e volven durmir ao establo pola noite. “Unha vez habituadas xa van para fóra, para aquelas parcelas máis marxinais até que se achegan ao momento do parto. Veñen parindo aos 27 meses, pero non é por problemas de fertilidade, porque a reprodución é algo que nos funciona moi ben e as xatas empreñánnos practicamente con unha soa dose pero non apuramos a inseminación e se cadra o parón do verán polo medio eses prazos alónganse”, indica.
O rompexeos do leite ecolóxico galego
A experiencia da Cooperativa do Burgo de Negral e as prácticas que José Manuel foi aplicando na explotación nestas dúas décadas de produción ecolóxica foron un rompexeos que abriu camiño a outras granxas galegas de leite en ecolóxico, como Casa Grande de Xanceda, a segunda en certificarse na nosa comunidade e que seguiu os pasos de Burgo de Negral para facelo. A súa aposta deixou tamén pegada na zona, en ganderías que nesa mesma época se pasaron ao ecolóxico, como Gandería A Cernada ou Arqueixal.
O mérito de Burgo de Negral é aínda maior se se ten en conta que se trataba no seu momento dunha das cooperativas con maior produción de leite de Galicia, con 220 cabezas xa a finais dos anos noventa, e que contaba cunhas instalacións modernas e preparadas para a produción intensiva convencional, o sistema no que estiveron desde o ano 1991 ao 1999.
Burgo de Negral pasou dunha produción intensiva e sen pastoreo con 220 cabezas ao modelo ecolóxico no ano 1999
Pero aínda así a querencia de José Manuel por un modelo diferente logrou saír adiante. “Sempre me tirou este outro sistema”, conta. E foi quen de convencer ao resto de socios para sair do sistema imperante na maioría de unións parroquiais de gandeiros que, como a súa, se estaban a producir en Galicia, para adoptar uns métodos nunca vistos na produción moderna que se aveciñaba na nosa comunidade. “A miña referencia era unha subscrición a unha revista de produción de leite francesa, por aquí non había para quen mirar e a Administración desincentivaba os cambios”, lembra José Manuel.
A unión de 8 veciños
Corría o ano 1987 cando 8 veciños do Burgo de Negral decidiron xuntarse para superar deste xeito as limitacións dunha produción minifundista a pequena escala. “Empezamos a xuntarnos aquel ano e tralo papeleo de constituirnos empezamos a facer as obras do establo. O proxecto era para 200 vacas xa en pastoreo e o 1 de xaneiro de 1990 entraron aquí os animais. Pero un ano despois xa deixaramos o pastoreo, meteuse carro mesturador e comezamos a producir en intensivo. Non había parcelaria e era a inercia que había naquel momento. No ano 95 fíxose a parcelaria na parroquia e no 99 tiñamos unha produción moi por enriba da cota que tiñamos asignada. Outras granxas parecidas á nosa a solución que adoptaron foi comprar cuota, nós apostamos por unha fórmula distinta para resolver aquel problema. Lactalis comezou entón a comercializar leite ecolóxico, metímonos e até hoxe”, resume José Manuel.
No ano 1999 tiñamos unha produción moi por enriba da cota que tiñamos asignada. Outras granxas parecidas á nosa a solución que adoptaron foi comprar cuota, nós apostamos por unha fórmula distinta para resolver aquel problema
Daqueles 8 socios iniciais dous decidiron vender a súa participación á cooperativa cando se xubilaron e noutro caso seguiron os herdeiros tralo falecemento doutro dos socios. Na actualidade a cooperativa está formada por seis persoas, das que tres traballan tamén na explotación (José Manuel, José Antonio Folgueira e Rubén Villamor), que conta ademais con dous empregados a maiores.
Consensuar as decisións
Entre os fundadores da cooperativa estaba o pai de José Manuel, que estudou Veterinaria e é quen se encarga hoxe da parte clínica e de reprodución da granxa. “Cando se xubilou o meu pai seguín eu”, conta. Hoxe el ten dous fillos que, aínda que se adican a outras actividades, tamén botan unha man na explotación cando fai falla.
A fórmula que mantén a Cooperativa do Burgo de Negral obriga a consensuar a toma de decisións. “Cando fas cambios ou probas cousas novas ás veces son decisións complicadas, porque estás xogando cos cartos de todos, e obrígate a meditalas ben”, di José Manuel.
Ser pioneiro en moitas decisións supón non contar moitas veces con referentes. “Hoxe o cruce de distintas razas nas vacas vese como algo normal e aplícase xa en moitas ganderías, pero no momento no que nós empezamos cos cruzamentos, fai 18 anos, era insólito, unha aventura”, exemplifica.
É unha das poucas ganderías ecolóxicas que está no Control Leiteiro
“Tiñamos problemas até para dar de alta o gando porque para o programa de saneamento da Xunta cruzado quería decir de carne e non se entendía que estivesemos producindo leite con gando cruzado. Mesmo tivemos que deixar o control leiteiro, porque só nos quedaban 10 ou 12 frisonas puras e as cruzadas non nolas querían controlar; despois déronlle unha volta a iso e agora contrólanas a todas, pero durante un tempo non. Eses datos do Control Leiteiro a min axúdanme a tomar decisións, porque tes datos individuais das túas vacas e podes ademais facer comparativas co resto de ganderías e coa media de toda a provincia”, defende José Manuel.
Impedimentos para ampliar
As instalacións da cooperativa, construídas en 1990, atópanse a carón mesmo do Camiño Primitivo e o paso da ruta xacobea é a día de hoxe un hándicap importante para esta explotación, que se atopa con moitos problemas para facer obras coas que ir modernizando e ampliando as súas naves, para poder deste xeito adaptalas ás necesidades actuais.
Facíanos falla unha esterqueira máis grande pero non nola autorizaron ao pasar o Camiño de Santiago e facela lonxe do establo e andar carrexando o esterco a diario non ten sentido
“Inicialmente tiñamos cubículos e tiráranse no seu momento para facer cama libre de palla pero este ano tivemos que volver aos cubículos polas dificultades que tiñamos para o manexo do esterco. Facíanos falla unha esterqueira máis grande pero non nola autorizaron ao pasar o Camiño de Santiago e facela lonxe do establo non ten sentido, porque implica ter que andar transportando o esterco todos os días”, explican.
Mellora na xestión dos residuos
A xestión de residuos como o xurro ou o esterco é un dos factores clave aos que se enfrontan as explotacións de cara aos vindeiros anos para reducir a súa pegada de carbono e cumprir coas novas esixencias medioambientais marcadas por Bruxelas.
En Burgo de Negral comezaron a empregar microorganismos que descompoñen o purín para mellorar a súa xestión do xurro. É unha solución ecolóxica aportada pola empresa galega Bioprana que consiste na pulverización dos corredores cun cóctel de bacterias que axudan a desfacer os excrementos das vacas e os restos de palla ou comida, evitan a creación de costra nos pozos de purín e fan máis doada a súa distribución nos prados.
No caso desta explotación de Friol, instalaron unha tubaxe cun dispensador automático na zona da cornadiza, para que as vacas leven os microorganismos nas súas patas cando van ao comedeiro e se encarguen de distribuilos polo resto do establo. Sen embargo, no pasillo dos cubículos o que fan nesta gandería é pulverizar a solución, mesturada con auga e leite, cunha sulfatadora vella enganchada a un tractor que non usaban. “No caso do esterco, nós o que facemos é remexelo coa pa de empuxe aos 5 ou 6 meses de depositalo na pila para axudarlle a cocer e despois esparexelo polas fincas en coberteira na superficie”, explica José Manuel.
Cambio traumático a cubículos
Pero a modificación nas camas e a volta ao sistema de cubículos resultou ser traumática para unha parte das vacas da gandería. “Os cubículos teñen unha colchoneta de goma de 5 centímetros de espesor que amortigua e botámoslles palla por enriba para mellorar o purín e para incentivalas a ir deitarse, porque estaban acostumadas á palla, pero aínda así hai 15 ou 20 vacas que non hai maneira. Estaban acostumadas a deitarse como se estivesen no prado e aquí é distinto e aínda que os cubículos foron feitos de novo e están ben dimensionados entran mal neles. Eu sufro moitísimo vendo vacas de pé ou deitadas no pasillo, porque son vacas boas que se deterioran, así que as que non se deitan nos cubículos paseinas de novo á palla e múxoas unha vez ao día”, relata José Manuel.
Desde que puxemos os cubículos estamos producindo 600 litros de leite menos cada día con respecto ao ano pasado máis ou menos co mesmo número de vacas
A adaptación aos cubículos supuxo unha merma considerable na produción da cooperativa. “Fixemos as obras en xullo e nestes meses estamos producindo 600 litros de leite menos cada día con respecto ao ano pasado máis ou menos co mesmo número de vacas”, admite.
Ter feito o cambio de cama en pleno verán tampouco axudou. E menos nun establo construído fai 30 anos, con teitos de uralita e pechado polos laterais no que se notan os efectos do estrés por calor no gando. “A orientación da nave é fundamental e non foi a axeitada, xa que neste caso é norte-sur. Fíxose así para non ter que facer tanto desmonte pero o sol incide moito máis e as vacas agólpanse nas zonas máis frescas”, recoñece.
O concentrado sírvellelo Avega
Ao igual que son fieis a Lactalis, a industria que empezou a levarlles a produción de leite ecolóxico, os socios desta gandería tamén seguen mercando o penso á mesma empresa que comezou a subministrárllelo no seu día. “Daquela non había concentrado e Avega comezou por aquel entón co das pitas ecolóxicas e servíanos unha mestura regular de amidón e proteína”, lembra José Manuel.
Máis caro aínda é hoxe, pero daquela non había nin sequera penso ecolóxico para vacas
Burgo de Negral chegou a un acordo coa empresa con sede en Agolada do que se beneficiaban ambas partes: “eles servíannos o penso e nós entregabámoslles o leite, porque Avega facía queixo naquel momento”, explica. Para iso, o leite da cooperativa de Friol non levaba ensilado naqueles anos. “A nosa idea era poñer un secadeiro de herba con aire quente pero iso non se levou finalmente a cabo e entón era difícil seguir adiante así co rabaño sen ensilar. É algo que para min é interesante, sexa ou non o leite para facer queixo. En Francia, Austria ou Suíza teñen este tipo de secadeiros nas granxas ecolóxicas, pero aquí cando o plantexamos na oficina agraria directamente ríanse de nós e non había por aquí ningunha experiencia nin ninguén que che fixese un triste cálculo diso”, lamenta.