A cooperativa do Barco, un referente na denominación de orixe Valdeorras

A adega, que procesa máis de dous millóns de quilos de uva, obtivo este ano o primeiro premio da Feira do Viño de Valdeorras para o seu Viña Abad, un monovarietal de godello que está a ter alta demanda no conxunto de España

Publicidade
A cooperativa do Barco, un referente na denominación de orixe Valdeorras

Imaxe da cooperativa do Barco.

A denominación de orixe de Valdeorras ten un dos seus pilares nas cooperativas vitivinícolas, que concentran arredor da metade dos viticultores e tamén un 50% da produción total. Falamos cunha das cooperativas, a do Barco, que naceu hai xa case 60 anos baixo o nome Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, para coñecer os viños que está a elaborar.

A cooperativa do Barco conta na actualidade cuns 325 socios, que traballan unha superficie de 250 hectáreas. Procesa cada ano máis de dous millóns de quilos de uva, entre as variedades preferentes (godello en branco e mencía en tinto), e as autorizadas (palomino, garnacha, etc.).

“En Galicia hai boa demanda para todos os viños. Fóra, o que máis tira é o godello” (Alfredo Vázquez, xerente)

A súa gama de viños abarca as múltiples posibilidades de Valdeorras. Desde os viños máis tradicionais, os plurivarietais, con marcas como Albar ou Mozafresca, ás elaboracións monovarietais coas dúas variedades que máis forza están a coller na denominación nos últimos anos, o godello e o mencía.

Premios
O seu godello branco, o Viña Abad, fíxose este ano co primeiro premio en brancos da Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras. O premio súmase á lista de galardóns anteriores que xa recibira a cooperativa, pero ten un significado especial, pois sitúa á cooperativa do Barco como unha das referencias da denominación en calidade, non só en volume.

Este foi un ano de premios para a Bodega Jesús Nazareno, xa que na Cata Oficial dos Viños de Galicia, o seu Menciño, un monovarietal de mencía, colleitou o Acio de Prata (segundo posto) dos viños da DO Valdeorras.

Recepción de uvas durante a vendima.

Recepción de uvas durante a vendima.

A adega comercializa tamén dúas versións premium dos seus monovarietais, o Viña Abad Summum e o Menciño Summum, “Son viños para os que facemos unha selección de uvas na busca das mellores calidades” -explica Alfredo Vázquez, o xerente da coooperativa-. “Obtemos así viños de máis estrutura, máis corpo e máis florais”, valora.

Viños de barrica
Para os amantes dos viños complexos, Jesús Nazareno ofrece un tinto de crianza, o Valdouro, elaborado a partir de uvas mencía e garnacha e cunha permanencia de 12 meses en barrica de carballo. Outra liña especial protagonízaa un godello fermentado en barrica, comercializado baixo a marca Aurensis.

A cooperativa ultima agora un novo viño que sairá ó mercado en breve, pero polo de agora non solta prenda sobre as súas características.

En canto ó mercado, o xerente da adega suliña a boa saída que atopan en xeral todos os viños. As vendas céntranse en Galicia (70%), pero tamén hai demanda do resto de España (20%) e do estranxeiro (10%). “En Galicia, hai boa demanda para todos os viños. Fóra, o que máis tira é o godello”, destaca Alfredo Vázquez.

Ampliación da produción

O futuro, desde a perspectiva da cooperativa, pasa por ampliar producións, dada a alta demanda que se percibe no mercado para os viños de Valdeorras. Para posibilitar a ampliación da produción, resulta de importancia o aumento de rendementos na denominación de orixe, un cambio que afronta os seus últimos trámites administrativos.

O aumento de rendementos, de 10.000 a 12.000 quilos hectárea nas variedades preferentes, e de 12.000 a 15.000 nas autorizadas, entrará en vigor previsiblemente nos próximos meses. O cambio, que era demandado por viticultores e cooperativas, representa unha adaptación da normativa ás distintas realidades da denominación: “Hai zonas de Valdeorras e plantacións nas que será útil o cambio de normativa, xa que teñen potencial para producir eses volumes. Noutros viñedos ou zonas non haberá incrementos de produción”, valora Alfredo Vázquez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información