Cooperativa Artajona: Un exemplo de como evitar o peche de explotacións no agro

A Cooperativa Artajona (Navarra) é un exemplo do papel que estas organizacións agrarias poden desenvolver. Nos últimos anos aumentaron os asociados e afrontaron algúns retos cruciais para a continuidade de moitos produtores. Coñecemos como o lograron

Publicidade
Cooperativa Artajona: Un exemplo de como evitar o peche de explotacións no agro

O peche de ganderías e explotacións agrícolas así como a falta de remuda xeracional están a ser dous dos principais problemas que ameazan a continuidade da actividade agraria e gandeira. A pregunta recorrente é como facer fronte a esta situación, lograr reducir o abandono á par de conseguir que máis xente moza opte por quedar a traballar no agro.

Este foi tamén o reto que asumiu de forma directa hai 15 anos a Cooperativa Artajona, situada no pequeno pobo do que toma o nome en Navarra e que conta con preto de 1.700 habitantes. O seu é un exemplo de como o papel das cooperativas pode ser decisivo para conseguir asentar poboación no rural e da ferramenta clave que pode supoñer unha entidade de cooperación para afrontar grandes transformacións, que doutro modo resultan case inasimilables para moitos produtores.

A experiencia desta cooperativa formou parte recentemente da xornada organizada por Cooperativas Agroalimentarias, celebrada de xeito telemático, e na que se recolleron modelos innovadores para impulsar as cooperativas agrarias e evitar o abandono de explotacións e fomentar a remuda xeracional no sector agrario.

En 15 anos, a cooperativa suma máis dun cento de socios, case dobra a superficie de terra e pasa dos 3 ós 15 millóns de facturación

A día de hoxe a cooperativa conseguiu incrementar o número de asociados, moitos deles máis novos, e aumentar a superficie de terra ata case duplicala. Tamén lograron mellorar as condicións tanto para os socios propietarios coma para os agricultores, ó tempo que pasaron de facturar algo máis de 3 millóns de euros ó ano a acadar os 15 millóns de euros, contando cun maior número de empregados e abrindo novas liñas de traballo.

O cambio de secaño a regadío, un feito decisivo

A Cooperativa Agrícola de Artajona está centrada no cultivo do cereal. No ano 2005 a súa produción era de secaño, contaba cuns 372 socios, deles só 60 agricultores, que sumaban unhas 4.000 hectáreas todas elas no mesmo termo municipal. Estaban a constatar como moitos dos socios deixaban a actividade agraria por falta de continuidade e os agricultores máis novos pasaban xa dos 40 anos.

“Detectamos tamén un interese tanto de empresas como de agricultores externos á cooperativa por facerse con terras na zona”, detalla Ignacio Zabaleta, xerente da entidade. Ó mesmo tempo estaban a xurdir agrupacións de propietarios, xestionadas fóra da cooperativa e que adquirían persoal e maquinaria, “co perigo de que finalmente se emanciparan da cooperativa”, explica o xerente.

“No plan estratéxico de 2006 a 2010 priorízanse as decisións económicas pensadas no socio”, (Ignacio Zabaleta, xerente)

A previsión da chegada do Canal de Navarra no 2008 abre a posibilidade dunha transformación cara o regadío. Este é o principal reto que se debuxa no horizonte tanto da cooperativa como dos socios e que se volve decisivo para a súa evolución. “Iníciase un plan estratéxico de 2006 a 2010 onde se priorizan as decisións eminentemente económicas pensadas no socio”, apunta Zabaleta.

Estratexias para afrontar o regadío

O Canal de Navarra supón unha transformación a regadío do 60% da superficie dedicada ata o momento ó cultivo de secaño. “A cooperativa amosouse proactiva ó cambio”, explican dende a xerencia. Para afrontar dita modificación da forma de cultivo, a cooperativa inicia varias estratexias que traerán consigo tamén melloras significativas para os socios e os produtores, tal e como apunta Zabaleta.

-Procesos de fusión. A cooperativa inicia varios procesos de integración con cooperativas cerealistas da zona. A primeira delas é a de Larraga, no 2007, e xa no 2011 súmase Miranda de Agra. Tamén a Bodega Cooperativa de Artajona, que ata o momento funcionaba de maneira independente, pero con certa colaboración, remata fusionándose no 2019.

A incorporación destas novas cooperativas é un dos motivos polos que conseguen incrementar o número de asociados. Deste modo, no 2020 acadan os 482 socios, dos cales 80 son agricultores e entre eles contan, ademais, con 11 mozos menores de 30 anos. Así é que pasan a contabilizar 7.200 hectáreas de terreo nos diversos municipios.

-Servizo técnico. Incorporan novos servizos ós socio para ofrecerlle asesoramento en novos cultivos e para mellorar a eficiencia nas explotacións individuais dos socios.

-Creación da sección de cultivo en común. Esta nova sección de cultivo en común bota a andar no 2007 con 63 socios propietarios, 337 hectáreas de secaño e outras 478 de regadío. A inversión é de 4 millóns de euros. “A sección créase dentro da propia cooperativa de maneira que a xunta reitora é a que toma as decisións, aínda que se instaura unha comisión específica para a súa xestión que toma decisións como as melloras a facer en fincas, a rotación de cultivos ou a opción de subarrendar a terra”, detalla o xerente da entidade.

“Coa sección de cultivo o propietario ten unha renda suficiente, variable ano a ano; e o agricultor cobra o seu traballo a un prezo correcto”, (Ignacio Zabaleta, xerente)

A creación da sección de cultivo abre a posibilidade de rendibilizar o regadío para os propietarios socios, que arrendan as súas fincas e os dereitos da PAC por 20 anos. Deste modo, ó propietario non lle repercute a rotación de cultivos que se faga na súa parcela, tampouco os “fallos” de cultivo ou un éxito desmedido. “Apostamos por unha transparencia total cos socios, cunha reunión anual cos propietarios na que se expoñen os resultados da campaña, aténdense as súas reclamacións e escóitanse as súas suxerencias”, apuntan dende a directiva da cooperativa.

A decisión de non adquirir nin persoal nin maquinaria para cultivar as leiras, fai que sexan os socios agricultores os que realicen os labores nas fincas da sección e, polo tanto, garántenlles ingresos polo seu traballo. Ademais, a cooperativa facilita a incorporación aos máis novos, á vez que consolida a actividade da entidade e incrementa os postos de traballo na zona. “O propietario ten unha renda suficiente, variable ano a ano; e o agricultor cobra o seu traballo a un prezo correcto”, reivindica Ignacio Zabaleta.

Como logran que ambas as partes estean contentas? “Se todos queren a súa parte do pastel, só podiamos optar por facer o pastel máis grande para que todos quedasen conformes”, exemplifica o xerente.

Lograron acceder a mellores subvencións, contar cunha xestión agraria máis profesional, de man do equipo técnico que lle axuda a ter unha visión de mercado, realizar unha rotación de cultivos e incorporar novos, á par de garantir prezos reais para os traballos realizados polos agricultores.

“Constátase que o modelo funciona, cando por unha banda os agricultores queren que a cooperativa lles asigne unha maior superficie para traballar e doutra banda cando novos socios propietarios, solicitan incrementar a superficie inicial dedicada á sección de cultivo”, explica Zabaleta. Así, no ano 2014 incorporan 181 hectáreas en Larraga, das cales 61 son de secaño e 120 hectáreas son de regadío. Ademais, no 2017 sumaron outras 104 hectáreas en Miranda (47 en secaño e 57 en regadío). As terras de cada municipio xestiónanse co mesmo modelo, pero de maneira paralela.

É precisamente a creación da sección de cultivo coa que a cooperativa se afianza e asume o compromiso de realizar os investimentos de regadío nas parcelas, o que para moitos socios será determinante para seguir aproveitando as súas terras, dado o investimento que supón o cambio.

Nos últimos anos foron incorporando máis superficie á sección de cultivo. Tamén procuran favorecer a incorporación de novos agricultores

O modelo establecido na cooperativa para a sección de cultivo tenta tamén favorecer a incorporación de agricultores novos ao facilitarlle o acceso a cotas de terreo nas que traballar, co que pretendían garantir a substitución e sumar novos socios.

Procesadora-almendra-Coop-Artajona-

A cooperativa construiu un secadoiro de millo e unha procesadora de améndoa nos últimos anos.

Outros servizos da cooperativa

Ademais de asumir a transformación a regadío, nos últimos anos a cooperativa afrontou a inversión dun secadoiro de millo, co que se procesa non só o millo dos socios senón de toda a zona. Tamén decidiron investir nunha liña de pelado de améndoa e continúan a procurar novos cultivos rendibles. “A cooperativa de 2006 non se tería atrevido a afrontar estas inversións”, conclúen dende a directiva.

Nestes anos, a cooperativa tamén tivo dispoñible unha línea de financiación para os socios foi sumando servizos como a sección de forno cooperativo ou de semente, integrada neste caso nunha cooperativa de segundo grao (Urlusa), para ofrecer mellores condicións ós seus asociados.

Outra das claves para os logros acadados estes anos, segundo explican, é a relación de confianza dos propietarios e socios na xunta reitora, o seu presidente e os propios traballadores da cooperativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información