A cooperativa Aira sela un acordo con García Baquero para producir queixo en Galicia

Con esta alianza crearase Queixos de Galicia para promover o desenvolvemento e internacionalización dos queixos galegos. Ambas entidades suman esforzos para comezar a elaborar queixos en Galicia e con leite das ganderías socias da cooperativa

A cooperativa Aira sela un acordo con García Baquero para producir queixo en Galicia

Instante da reunión da conselleira do Medio Rural con directivos de Aira e García Baquero.

A cooperativa agrogandeira Aira acaba de selar un acordo estratéxico co grupo García Baquero para producir queixos en Galicia con leite procedente das ganderías socias da cooperativa.

Aira subliña que o acordo unirá a experiencia e o coñecemento na cadea de subministro por parte de Aira coa capacidade comercial e produtiva de García Baquero. Reivindican que esta alianza estratéxica permite unha operación sostible, eficiente e de valor engadido para os socios, traballadores, consumidores e clientes de ambas entidades.

Con esta alianza, crearán a Sociedade Limitada Queixos de Galicia, coa que reforzan a aposta e o compromiso por promover conxuntamente a elaboración, o desenvolvemento, a innovación e a internacionalización dos queixos galegos.

O proxecto buscar consolidar a marca do queixo galego e explorar novas tendencias

“Esta iniciativa reafirma o noso compromiso co desenvolvemento do sector agroalimentario galego e a creación de valor en toda a cadea de subministro. A través desta colaboración e esforzo conxunto traballamos para consolidar a excelencia dos nosos produtos, posicionando Galicia como referente de queixos de calidade elaborados co sabor e a tradición de Galicia”, valora Daniel Ferreiro, director xeral de Aira, en nota de prensa remitida ós medios.

Pola súa banda, dende García Baquero, Miguel Ángel García Baquero, conselleiro delegado do grupo explica que “esta alianza non só fortalecerá a posición de ambas compañías no mercado, senón que tamén xerará un maior valor para os clientes. Ademais, brindará a García Vaquero a oportunidade de iniciar unha nova etapa de colaboración con Aira, orientada a ofrecer produtos e servizos da máis alta calidade, consolidando a marca do queixo galego e explorando novas e vangardistas tendencias dentro desta categoría”.

Queixos de Galicia

Ambas entidades reivindican o impacto positivo que o acordo xerará na economía local, así como para clientes e consumidores e así llo transmitiron nun encontro de traballo coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no que tamén participou o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Na xuntanza por parte de Aira asistiron o seu presidente, José Manuel López Tellado; o director xeral, Daniel Ferreiro, e o vicepresidente, Javier Taboada. En representación de García Baquero participou o seu conselleiro delegado, Miguel Ángel García Baquero.

Dende a Consellería do Medio Rural consideran de especial interese o proxecto para dinamizar o lácteo galego, en particular na transformación do leite producido en Galicia.

Cómpre lembrar que García Baquero entrou en Galicia xa hai unha década, no 2014, cando mercou a queixería Castillo de Pambre (Palas de Rei), onde comezou a producir queixo baixo as denominacións de orixe Arzúa Ulloa e Tetilla. A queixería tiña daquela unha capacidade produtiva de 500 toneladas de queixo ó ano. Polo momento, non trascenderon cales son os plans industriais de produción conxunta de Aira e García Baquero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información