A cooperativa AIRA anunciou hoxe a implantación dun modelo de dirección conxunta trala saída do seu director xeral, Cándido Cancelo. A partir deste momento, Jesús Bardelás, director da área de produción, e Javier Barandela, responsable do departamento financeiro, asumirán de maneira compartida a dirección da entidade.
Esta decisión responde á vontade do Consello Reitor de reforzar a estrutura directiva da Cooperativa, apostando por un liderado máis próximo ás persoas socias e por unha maior coordinación interna entre as distintas áreas estratéxicas. O novo modelo pretende tamén fortalecer o papel do Comité de Dirección e favorecer unha toma de decisións máis áxil e consensuada.
Tanto Jesús Bardelás como Javier Barandela contan cunha ampla traxectoria profesional dentro da Cooperativa e un profundo coñecemento do seu funcionamento, o que garante a continuidade do proxecto empresarial e dos valores que definen a AIRA.
Desde o Consello Reitor agradeceron tamén o traballo desenvolvido por Cándido Cancelo durante o último ano á fronte da dirección xeral da cooperativa, responsabilidade que asumira trala xubilación de Daniel Ferreiro, destacando a súa achega ó desenvolvemento e á consolidación do proxecto de AIRA nesta etapa.
“A Cooperativa inicia unha nova fase orientada a consolidar o seu modelo cooperativo e a reforzar a proximidade coas persoas socias”, sinalou José Ramón Ratón, presidente de AIRA. “Tanto Jesús Bardelás como Javier Barandela contan cunha longa traxectoria profesional vencellada a AIRA e ás cooperativas xérmolo desta. Ambos coñecen en profundidade os valores, a forma de traballar e as necesidades do sector. A súa experiencia, compromiso e coñecemento da organización son unha garantía de
continuidade, estabilidade e futuro para a entidade”, valora o presidente de AIRA.
Con esta nova etapa, AIRA reafirma o seu compromiso cos seus 3.000 socios, coa mellora continua da xestión e co fortalecemento do seu modelo cooperativo.
Galego









Control OJD