Convocatoria para os danos do lobo, xabaril e oso pardo: prazos de solicitude, importes e requisitos

Publicadas as ordes para indemnizar os estragos ocasionados por fauna silvestre. O ámbito temporal de cobertura será ata o 30 de setembro do 2022 para os danos do lobo e do oso, e ata o 10 de outubro para o xabaril

Publicidade
Convocatoria para os danos do lobo, xabaril e oso pardo: prazos de solicitude, importes e requisitos

Administración convocante: Consellería de Medio Ambiente

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/diario-oficial-galicia/mostrarContenido.do?paginaCompleta=false&idEstado=5&rutaRelativa=true&ruta=/2021/20211229/Secciones2_es.html

Prazo: Ata 10/10/2022

Resumo:

A Xunta destinou un orzamento de 2,1 millóns de euros para compensar danos que causan o lobo e o xabaril no sector agrogandeiro coa finalidade de atender ás denuncias realizadas a través do 012. Ademais destas convocatorias, o pasado 17 de decembro tamén se publicou a apertura do prazo de solicitudes para paliar os danos que ocasiona o oso en explotacións gandeiras, e de forma particular, naquelas dedicadas á apicultura.

Axudas para danos ocasionados polo lobo
Unhas das novidades que inclúe a convocatoria para o lobo este ano é a incorporación dun importe adicional para o gando bovino, ovino e cabrún reprodutor de carne e leite. Este incremento enmárcase no concepto de perda de beneficio e suporá o incremento dun 10% nos importes das reses bovinas con maior afección polos danos, principalmente aquelas maiores de 2 nos, e equinos menores de 4 meses. En canto ao gando ovino, este aumento será dun 12% aproximadamente para os animais menores de 6 anos, chegando aos 70€. Os años rexistran unha subida que pasa a indemnización dos 113€ aos 115€.

A orde acolle un ano máis a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios de reses feridas. No caso de que estes danos sexan graves ou irreparable tamén cubrirá os gastos de eutanasia acreditados e realizados por un profesional; o importe máximo da compensación dos gastos de eutanasia por animal establécese en 75€. Da mesma maneira, serán subvencionables os abortos que sufran as reses como consecuencia dun acto de depredación, esixíndose tamén a correspondente acreditación veterinaria.

Os danos teñen que comunicarse ó teléfono 012 nas seguintes 24 horas en gando intensivo ou antes dos 3 días en casos de gando extensivo ou semi, así como nas perdas provocadas polo xabaril en cultivos

A estas axudas poderán acollerse titulares de explotacións gandeiras, inscritos no Rexistro xeral de explotacións gandeiras. O gando bovino, ovino e cabrún deberá cumprir os requisitos de control, vixilancia e erradicación de enfermidades, de acordo á normativa aplicable.

A comunicación do dano a través do 012 terá que ser nas 24h seguintes ao ataque no caso de gando en réxime intensivo, e de 3 días no caso de gando en réxime extensivo ou semi.

Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2021, e a entrada en vigor desta orde -20 de decembro-, o prazo de presentación da solicitude será dun mes. Para os danos ocasionados a partir do 20 de decembro, o tempo para solicitude será de 1 mes contado a partir do día seguinte á comunicación do dano.

Axudas para danos ocasionados polo xabaril
Este ano, a orde do xabaril aumenta o importe máximo da axuda nun 25%, pasando dos 2.000 euros anteriores aos 2.500€ por beneficiario. As persoas beneficiarias destas axudas poderán ser aquelas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril, e inscritas no Reaga. Na convocatoria inclúense explotacións agrarias de autoconsumo e comprende un expediente de axudas único que abarca todos os danos producidos polo xabaril a unha mesma persoa beneficiaria antes da colleita.

A comunicación do dano terá que ter lugar nun prazo máximo de tres días, desde a produción dos danos en cultivos agrícolas, á Consellería a través do teléfono 012. Unha vez rexistrada a denuncia, o persoal de Medio Ambiente desprazarase ata o lugar dos feitos para comprobar a existencia dos danos, despois da cal se poderá continuar co cultivo afectado. Esta valoración recollerase nun informe que será remitido ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural. Os prazos de presentación de solicitudes por esta orde péchanse o 10 de outubro do 2022.

Axudas para danos ocasionados polo oso pardo
O pasado 17 de decembro convocouse a orde de axudas contra os danos que provoca o oso pardo en explotacións gandeiras e, de forma particular, naquelas dedicadas á apicultura, por un importe de 60.000 euros. É a segunda convocatoria desta liña durante este ano. O ámbito temporal a que se refire comprende as consecuencias ocasionadas polo oso desde o 1 de outubro deste ano ata o 30 de setembro do vindeiro 2022.

Os prazos para os danos que fosen comunicados no prazo normativo de 3 días hábiles ao servizo de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Consellería entre o 1 de outubro deste ano e a data de publicación desta orde -17 de decembro- contarán cun mes para realizar a solicitude. Pola contra, para os danos ocasionados a posteriori, o tempo para facer a solicitude será dun mes contado desde o día seguinte a comunicación do dano realizado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *