Convocaranse este mes axudas para reducir o consumo enerxético en explotacións agrarias

A Consellería de Economía prevé apoiar arredor de 60 proxectos para mellorar a eficiencia eléctrica tanto en granxas como en instalacións de regadío agrícola. Destinará ás actuacións máis de 1,6 millóns de euros

Convocaranse este mes axudas para reducir o consumo enerxético en explotacións agrarias

Sistema de ventilación dunha granxa. / Arquivo.

Este mes de xuño convocaranse axudas destinadas a implantar tecnoloxías que reduzan o consumo enerxético en explotacións agropecuarias. As subvencións, que convocará o Instituto Enerxético de Galicia con cargo ó Fondo Nacional de Eficiencia Energética, estarán dotadas de máis de 1,6 millóns de euros.

Os apoios orientaranse en dúas direccións. Por un lado, as granxas poderán optar a accións en instalacións de ventilación, refrixeración, auga quente sanitaria e calefacción. Tamén a cambios na iluminación interior e exterior, así como a proxectos que inclúan dispositivos de enerxía térmica renovable en substitución doutros convencionais.

En agricultura, subvencionaranse melloras nas instalacións de regadío, como o cambio dun grupo de bombeo por outro máis eficiente desde o punto de vista enerxético, a implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos, a modernización dos sistemas de control ou o cambio de baterías de condensadores.

Calquera actuación que aspire ás subvencións deberá garantir unha reducción de consumo de polo menos o 10% en relación á situación previa. Serán axudas de concorrencia non competitiva, é dicir, a orde de presentación será decisiva para determinar que proxectos reciben apoios.

Apoio a 420 proxectos para a implantación de enerxías renovables
Esta liña de axudas do Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Consellería de Economía, completa a convocatoria publicada a inicios de ano para a implantación de enerxías renovables nas granxas.

Sobre esa convocatoria, que estivo aberta ata mediados de febreiro, Economía vén de anunciar que aumenta a dotación presupostaria prevista, pasando de 2,5 a 3,7 millóns de euros, para dar apoio a un maior número de proxectos. A previsión é a de financiar arredor de 420 proxectos no agro: 386 iniciativas de enerxía fotovoltaica, 10 de biomasa, 7 de minieólica, tres bombas de calor xeotérmicas e outras tres de aerotermia, ademais de 11 proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información