Convócanse as axudas da PAC 2017 sen limitacións para o cultivo do millo forraxeiro

A Consellería do Medio Rural cambia o período de verificación de cultivos do 15 de xaneiro ao 15 de abril. Esta modificación permitirá que as ganderías con máis de 10 hectáreas non teñan que dedicar no verán o 25% dos seus terreos a outro tipo de plantación, como pasaba ata agora

Publicidade
Convócanse as axudas da PAC 2017 sen limitacións para o cultivo do millo forraxeiro

Ángelez Vázquez e Belén do Campo esta mañá en rolda de prensa

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170201/AnuncioG0426-250117-0002_gl.html

Prazo: Ata 30/04/2017

Resumo:

A Consellería do Medio Rural ven de introducir unha modificación do período de verificación dos cultivos da PAC para favorecer ás explotacións que teñan o millo forraxeiro como forraxe principal, un cambio de gran importancia para os gandeiros de vacún de leite de Galicia.

A Xunta consultou esta posibilidade ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama) e o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) respondeu recentemente autorizando este cambio (sen necesidade de trasladar a consulta á Comisión Europea), que xa teñen feito outras comunidades con características similares, como Asturias.

Trátase dunha importante demanda do sector produtor que viu como nos últimos dous anos tivo que deixar de cultivar millo, a principal forraxe das granxas de vacún de leite, no 25% da superficie, deixándoa a barbeito ou a outros cultivos de difícil implantación do verán como a veza ou a alfalfa.

Así, o FEGA establece que Galicia pode “modificar o período para o control da diversificación de cultivo, en función das súas características agroclimáticas e das prácticas tradicionais da rexión” e admite o cultivo de ray-grass como fórmula para manter a calidade dos solos, tal e como xa avanzou Campo Galego nunha consulta realizada en febreiro do pasado ano.

O novo período de verificación irá do 15 de xaneiro ao 15 de abril

Polo tanto, o novo período de verificación irá do 15 de xaneiro ao 15 de abril (antes era de abril a xuño). Este cambio permitirá a aquelas explotacións gandeiras que utilizan o millo como alimento para o gando non ter que reservar o 25% dos seus terreos a outro tipo de plantación (herba ou cultivos alternativos), como pasaba ata o de agora coas granxas de máis de 10 hectáreas. Isto suporá un aforro importante nos custos de produción, xa que os seus titulares diminuirán significativamente a dependencia dos insumos externos.

Así, segundo resultados dun estudo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, a situación actual de limitación do cultivo de millo forraxeiro tería provocado un gasto extra para as ganderías de vacún de leite de entre 170 e 200 euros por hectárea.

Convocatoria da PAC 2017: o prazo para presentar as solicitudes remata o 30 de abril

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, explicou esta mañá os detalles desta modificación en rolda de prensa, con motivo da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) da convocatoria de axudas da Política Agraria Común (PAC) para a campaña 2017-2018. O prazo para presentar as solicitudes remata o 30 de abril.

Ángeles Vázquez salientou que Galicia “fixo os deberes” ao publicar no DOG esta orde no primeiro día establecido pola normativa, o 1 de febreiro. Explicou que na publicación regúlanse os pagamentos directos á agricultura e gandería e as axudas ao desenvolvemento rural (zonas con limitacións naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións en terras non agrícolas). Estas achegas suporán un investimento de fondos europeos no rural galego de preto de 190 millóns de euros, que chegarán a máis de 33.000 beneficiarios.

Axudas para o sector lácteo

A conselleira indicou que na orde deste ano inclúense, como novidade, as solicitudes da axuda excepcional ao sector lácteo destinadas a compensar unha parte das perdas sufridas polos produtores nas últimas campañas. Estas axudas será aprobadas polo Ministerio para paliar os efectos máis duros da crise do lácteo e, para facilitar a tramitación, os gandeiros poderán solicitalas conxuntamente coa PAC.

A titular de Medio Rural destacou tamén na súa comparecencia que a orde publicada hoxe no DOG segue a ser pioneira no ámbito da redución das cargas burocráticas e no eido da tramitación electrónica, xa que o 100% das solicitudes se tramitarán de forma telemática.

“Esperamos rematar de pagar a PAC 2016 nos próximos dous meses”

Ángeles Vázquez referiuse ademais ao anticipo da campaña 2016-2017, para advertir que recentemente o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) abonou uns 102,7 millóns de euros a preto de 26.000 beneficiarios en concepto de adianto dos pagos da PAC. Este anticipo foi un 57% superior ao efectuado no exercicio 2015, segundo salientan dende a Consellería.

A conselleira avanzou que o resto de pagos pendentes da campaña 2016-2017 faranse efectivos unha vez que se completen os preceptivos controis sobre o terreo ou administrativos, estando previsto completar o pago nun prazo aproximado de dous meses, ata finais de marzo. En todo caso, lembrou que o período legalmente establecido finaliza o 30 de xuño.

Accede aquí á convocatoria de axudas da PAC para 2017

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información