Convocan os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais

O Ministerio de Agricultura distinguirá novos proxectos realizados por mulleres rurais. Haberá diferentes categorías e concederanse 3 premios de 18.000, 12.000 e 7.500 euros en cada unha delas.

Convocan os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais

Mulleres traballando no campo. / Arquivo.

O Ministerio de Agricultura convocou a XI edición dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais. Distinguiranse proxectos novos, excelentes, orixinais e innovadores realizados por mulleres rurais e actuacións que recoñezan o traballo e o papel das mulleres no medio rural ou que promovan a incorporación e a súa inserción laboral.

Inclúense varias categorías: “Excelencia á innovación na actividade agraria”, “Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola”, “Excelencia á innovación na diversificación da actividade económica do medio rural”, “Excelencia á comunicación” e un “Recoñecemento especial pola traxectoria vinculada ao apoio ás mulleres no medio rural”.

En cada unha das seccións premiaranse tres iniciativas, concedéndose un primeiro, segundo e terceiro premio de 18.000, 12.000 e 7.500 euros respectivamente, exceptuando o recoñecemento pola traxectoria vinculada ao apoio a mulleres rurais por ser de carácter honorífico.

As persoas interesadas en participar terán de prazo até o 2 de xullo para presentar as candidaturas.

Categorías dos premios

Premio de “Excelencia á innovación na actividade agraria”. Concederase a aqueles proxectos que no desenvolvemento da súa actividade utilicen tecnoloxías agrarias, gandeiras ou forestais que redunden no avance dun sector sustentable, eficiente na obtención de produtos de calidade, que responda á demanda das consumidoras e consumidores e que poidan integrar estratexias de comercialización e promoción.

Premio de “Excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola”. Este galardón outorgarase a aqueles proxectos que no desenvolvemento da súa actividade utilicen tecnoloxías pesqueiras ou acuícolas que redunden no avance dun sector sustentable, eficiente na obtención de produtos de calidade, que responda á demanda das consumidoras e consumidores e que poidan integrar estratexias de comercialización e promoción.

Poderán participar mulleres rurais ou entidades de mulleres vinculadas ao sector económico pesqueiro, entendido como un conglomerado de actividades intimamente relacionadas, baseadas na explotación e aproveitamento dos recursos mariños vivos, que abarca a pesca extractiva, a comercialización, a transformación, a construción naval, a industria auxiliar e os servizos relacionados.

Premio de “Excelencia á innovación en diversificación da actividade económica no medio rural ou zonas costeiras rurais”. Concederase a aqueles proxectos que diversifiquen a actividade económica do medio rural, ligados, entre outros, á industria agroalimentaria, á industria dos produtos da pesca ou a acuicultura, á prestación de servizos á agricultura e a silvicultura, ás actividades relacionadas coa prestación de servizos e a integración social e ás actividades turísticas, que favorezan novos ámbitos económicos ou xeren emprego no medio rural ou nas zonas costeiras rurais.

Premio de “Excelencia á comunicación”. Dirixido a recoñecer os traballos nos ámbitos da comunicación, a información e dos medios de difusión que contribuísen a difundir a actividade das mulleres no medio rural ou en zonas costeiras rurais, o seu recoñecemento social e a súa promoción nacional e internacional e con iso fomentasen a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

“Recoñecemento especial pola traxectoria vinculada ao apoio ás mulleres no medio rural”. É un recoñecemento de carácter extraordinario que pode outorgarse a aquela persoa física que sexa muller ou persoa xurídica, en cuxa dirección participe unha muller, cando concorran circunstancias destacadas ou continuas relacionadas co apoio, promoción e posta en valor das mulleres no medio rural ou en zonas costeiras rurais. Trátase dun recoñecemento de carácter honorífico que non comportará dotación económica.

-Descarga aquí os formularios de solicitude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información