Administración convocante: Deputación de Pontevedra
Enlace axuda: https://www.campogalego.gal/wp-content/uploads/2022/08/an.bop_.PONTEVEDRA.20220818.2022054624.pdf
Prazo: Ata 17/09/2022
Resumo:
A Deputación de Pontevedra acaba de convocar as bases da liña de subvencións coa que busca a implantación da agrocompostaxe en empresas agrogandeiras. Trátase dunha liña pensada para o tratamento dos residuos orgánicos destas empresas ou entidades, mesturados con biorresiduos urbanos. Poderán optar ás axudas empresas do ámbito agrario e gandeiro, silvícola, hortofrutícola e adegas, segundo explicou en rolda de prensa o vicepresidente do organismo provincial, César Mosquera.
A iniciativa pretende ser un xeito sostible de tratamento dos residuos orgánicos urbanos, ó tempo que se proporciona compost de calidade ás entidades que o precisan para fertilizar os solos. Deste xeito, a planta de compostaxe construirase nas propias instalacións da empresa interesada, para facer os mínimos desprazamentos. Así, só se trasladarán os biorresiduos urbanos que precisen, que se axustarán en función dos residuos propios que xeren as empresas para conseguir un compost de calidade que permita despois a fertilización dos solos.
Poderán beneficiarse desta liña de subvencións aquelas entidades, empresas, cooperativas e persoal autónomo da provincia de Pontevedra que, como consecuencia da súa actividade, xeren residuos orgánicos que poidan ser compostados. Deben ser entidades consumidoras de fertilizantes ou emendas de orixe orgánica. Ademais, teñen que ter dada de alta a súa actividade, ter unha facturación media dos últimos anos igual ou superior a 500.000 euros e dispoñer dos terreos para a instalación da planta de compostaxe.
Cada entidade poderá obter unha subvención de, como máximo, o 75% do custo total da actuación recollida no anteproxecto presentado. O máximo da subvención será de 600.000 euros. Esta subvención incluirá tanto obra civil como calquera tipo de maquinaria precisa para realizar o proceso de compostaxe.
As solicitudes poderán presentarse ata o 17 de setembro por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. Unha vez presentada a documentación, o persoal do Plan Revitaliza da Deputación iniciará un proceso de asesoramento para cada entidade para elaborar un informe no que se detallará a cantidade de residuos propios que manexarán e a cantidade máxima de biorresiduos de orixe doméstica que poderían tratar nas instalacións de compostaxe.
“Con esta orde de subvencións damos un salto adiante nas posibilidades de xestionar os biorresiduos na dirección máis eficiente e avanzada”, reivindicou César Mosquera, presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, durante a presentación da convocatoria. O organismo provincial destina 1,5 millóns de euros a estas axudas, se ben precisa que tal cantidade é ampliable se hai demanda.
Esta liña súmase ás iniciativas postas en marcha xa dende a Deputación co Plan Revitaliza, co que se implantou tanto a compostaxe comunitaria como individual, de km. 0, naqueles concellos interesados.