Convocan a segunda edición do programa de emprendemento social innovador RR dTerritorio

A iniciativa, promovida pola Fundación Roberto Rivas, busca impulsar a formación e incubación de ideas e proxectos de emprendemento enfocados no rural galego. As candidaturas poden presentarse na web do proxecto ata o 15 de maio

Convocan a segunda edición do programa de emprendemento social innovador RR dTerritorio

Instante da presentación da segunda edición do programa, en Silleda.

A Fundación Roberto Rivas presentou a pasada semana en Silleda (Pontevedra) a segunda convocatoria do seu programa de emprendemento social innovador RR_ dTerritorio, cuxo obxectivo é fomentar os novos proxectos vinculados ao rural de Galicia. Xa está aberto o prazo de presentación de candidaturas a través da web rrdterritorio.com. O programa RR_ dTerritorio está impulsado pola Fundación Roberto Rivas e conta co apoio da Rede Eusumo.

No acto de presentación participaron a directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas; o presidente da Fundación, Roberto Rivas; o coordinador de programas de emprendemento da Fundación, Xavier Fontcuberta; e a concelleira de Medio Ambiente, Industria, Emprego, Comercio e Persoal de Silleda, María Pilar Peón. Ademais, contou coa presenza de representantes da Deputación de Pontevedra e da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, entre outras persoas.

O acto de presentación tivo lugar no espazo que a fundación ten en Silleda, “A Moda” Rural Lab, un lugar de encontro para os emprendedores no que terán lugar gran parte dos eventos formativos promovidos pola entidade.

Aberto o prazo de inscrición

As persoas cunha idea ou proxecto emprendedor que queiran participar no programa poden inscribirse ata o 15 de maio a través do formulario da web rrdterritorio. com. Para calquera dúbida pódese contactar a través do mail programa@rrdterritorio.com.

Esta iniciativa está aberta a emprendedores rurais de toda Galicia, aínda que se enfoca en oito comarcas prioritarias de actuación: Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Arzúa, Santiago, Terras de Melide, Chantada, A Ulloa e O Carballiño.
Avaliarán todos os proxectos presentados, independentemente do grao de madurez dos mesmos, e valorarase especialmente a disposición e compromiso para participar no proceso formativo dunha maneira activa e responsable.

Ademais, priorizarán aquelas ideas cun claro compoñente social, innovador ou de sustentabilidade, que xeren un impacto positivo no territorio e as persoas.

Contido do programa

O programa RR_ dTerritorio comezará o 1 de xuño, co inicio da formación grupal en liña, que se prolongará durante os meses de xuño e xullo en horario de mañá. No mes de setembro desenvolveranse as mentorías en liña e as actividades presenciais, que incluirán xornadas de formación, talleres e visitas a empresas, institucións e recursos das comarcas centrais de Galicia.

Os módulos formativos que se abordarán neste programa centraranse en:

• Claves para Emprender
• Design Thinking e Prototipado
• Marketing e Experiencia de Cliente
• Innovación Social e Emprendemento Social
• Economía Circular, Bioeconomía e Sustentabilidade
• Comunicación e Ferramentas Dixitais
• Tecnoloxías Emerxentes
• Retos e Oportunidades no Territorio

Os emprendedores seleccionados participarán nun programa de formación e incubación 100% experiencial, que se caracteriza por estar conectado ao territorio e á súa realidade. “A finalidade é acompañarlles na xestación e desenvolvemento das súas ideas e proxectos, facilitándolles o acceso á formación e tecnoloxía; transferíndolles experiencia e coñecemento; e facilitándolles o acceso a financiamento público e privado”, explican dende a Fundación.

Ademais, unha vez terminado o programa, os participantes poderán seguir formando parte da comunidade de emprendedores, profesionais, entidades e organizacións que colaboran coa Fundación Roberto Rivas.

Un programa innovador

“O emprendemento social innovador é unha das claves para o crecemento sostible e sostido dos territorios, liderado polas persoas e baseado en ofrecer solucións e alternativas a través da innovación e o uso de novas tecnoloxías”, reivindincan dende a Fundación. Por iso, apostan por promover este tipo de emprendemento e impulsar un desenvolvemento de futuro, adaptado ás necesidades de cada territorio e preparado para transformalo desde o punto de vista económico e social mediante o seu programa RR_dTerritorio. 

Ademais, apuntan que o programa é innovador polas seguintes cuestións:

  • A súa metodoloxía 100% experiencial, baseada no coñecemento do mundo do
    emprendedor e a aplicación práctica das técnicas e ferramentas de emprendemento
    máis actuais.
  • A súa axenda de contidos transversal, que combina formación teórica con dinámicas
    prácticas, obradoiros, visitas guiadas e actividades colectivas.
  • O liderado a cargo dun equipo multidisciplinar de formadores e mentores con experiencia
    en emprendemento.
  • A colaboración cos axentes locais de cada comarca, como son os concellos, viveiros de empresas, cooperativas, asociacións, empresas, industrias ou grupos de desenvolvemento rural, que participan activamente na iniciativa e relaciónanse cos emprendedores e os seus proxectos.
  • A inclusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible como parte transversal a todo o programa.
  • O apoio continuado que reciben os participantes unha vez terminado o programa, a través da rede de emprendedores, profesionais, entidades e organizacións que colaboran coa Fundación Roberto Rivas.

Tanto a primeira como a segunda edición do programa RR_ dTerritorio enmárcanse no programa de actuación 2021-2022 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información