Convocados os premios ‘Rafael Crecente’ a iniciativas innovadoras de xestión territorial

A presentación de candidaturas a estes galardóns, promovidos polo Ibader xunto co LaboraTE da USC e dotados con 3.000 euros, está aberta ata o 31 de marzo de 2021

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) vén de convocar en colaboración co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC a cuarta edición dos Premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial, un galardón creado en homenaxe á figura do profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015), considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia, cuxas bases da convocatoria están accesibles na web do Ibader.

O prazo de presentación de candidaturas a este certame, dotado con 3.000 euros en metálico para as dúas propostas máis valoradas, permanece aberto ata o 31 de marzo de 2021. As persoas interesadas poden enviar as súas achegas ao enderezo de correo electrónico premio.rafaelcrecente@usc.es.

A nova convocatoria deste galardón mantén como obxectivo principal o impulso da formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia. Os IV Premios ‘Rafael Crecente’ a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial están abertos á participación de todas aquelas persoas que remataran a súa titulación universitaria de grao ou máster nos últimos cinco anos, un período para o que se tomará como referencia a data límite de entrega de propostas á presente convocatoria.

Presentación de propostas e criterios de avaliación

As persoas interesadas deberán enviar as súas respectivas propostas en formato pdf ao enderezo de correo electrónico premio.rafaelcrecente@usc.es. A extensión máxima das memorias explicativas, que deben presentarse en tamaño A4, non debe superar os 50.000 caracteres, sen contar os espazos. As propostas poderán presentarse en galego, castelán ou inglés, e deben incluír un resumo de non máis de 150 palabras. Os autores das candidaturas solicitarán a confirmación da correcta recepción do seu documento, ao tempo que, achegarán o seu currículo, así como un resumo descritivo de carácter esquemático e visual do proxecto en cuestión de non máis de dúas páxinas.

O consello científico do Ibader desenvolverá as funcións de comité avaliador, podendo solicitar asesoramento a expertos externos. No seu ditame, o xurado valorará a viabilidade práctica da idea ou proxecto innovador, é dicir, a súa aplicación, o impacto na sustentabilidade territorial e a xestión dos recursos en Galicia, e que teña compoñentes de innovación social. A calidade expositiva e a claridade da memoria son outros dos parámetros a ter en conta. O fallo do xurado farase público no ano académico da convocatoria.

cartaz Crecente Campus terra

Rafael Crecente Maseda

O profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015) estaba considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia. Foi profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC , e o seu labor estivo relacionado principalmente á investigación como director do Laboratorio do Territorio e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) da USC.

Rafael Crecente participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador, onde impulsou un programa de colaboración, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest, profesor convidado na Universidade de Múnic e investigador do Ibader adscrito ao grupo de investigación 1934 Territorio-Biodiversidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información