A Consellería do Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia a orde de convocatoria dos premios “Exceleite”. Estes galardóns buscan distinguir as explotacións leiteiras de Galicia que destacan pola excelencia hixiénico-sanitaria do seu leite cru de vaca.
Esta novena edición busca recoñecer as boas prácticas e o esforzo das granxas na obtención dun leite de alta calidade. Os “Exceleite” estrutúranse en tres categorías segundo o tamaño das explotacións: pequenas, medianas e grandes.
Ademais, cada unha destas categorías subdivídese en tres grupos produtivos: intensivo, semiextensivo e extensivo. Tamén haberá unha distinción específica para as mellores explotacións ecolóxicas.
Poderán participar todas as granxas galegas que realicen os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). Os datos das mostras de leite deben corresponder ao período entre agosto de 2024 e xullo de 2025.
Ademais, as explotacións deberán estar dadas de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi). No caso das granxas que se seleccionen para a distinción na categoría de explotacións ecolóxicas, será imprescindible a inscrición no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
Galego








Control OJD