Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), da Universidade de Santiago, convocan a quinta edición do premio Jesús García Calvo, un referente para investigadores en materia de cooperativismo e economía rural.
Esta quinta edición convócase sobre un tema concreto, ‘O cooperativismo agrogandeiro en Galicia: mirando ao futuro’. Convídase a investigadores e estudosos do medio rural galego a presentar un anteproxecto para o desenvolvemento dun traballo de investigación referido a este tema.
O obxectivo é impulsar a investigación do proceso de desenvolvemento do cooperativismo e da produción de leite, así como a valoración da súa contribución á economía social en Galicia, das súas relacións coa nova economía rural diversificada, e do seu impacto territorial.
Nas bases do premio, sinálase que son de interese a análise dos procesos de fixación da poboación rural ao territorio, a innovación tecnolóxica, as alternativas no ámbito da produción, a comercialización e distribución dos produtos lácteos, a análise prospectiva de novos mercados, a protección do medio rural e as oportunidades das enerxías sostibles.
As candidaturas poderán ser individuais ou en equipo e serán presentadas antes do 28 de febreiro de 2018 na Secretaría do Idega.
A dotación do premio, que se decantará por un único proxecto, será de 5.000 euros.