Convocadas as axudas por sacrificio obrigatorio do gando 

Poderán solicitar estas achegas de compensación e reposición de animais ata o 30 de novembro os propietarios de explotacións de gando bovino, ovino e cabrún afectadas por un baleirado sanitario ou casos positivos dentro dalgún programa de erradicación de enfermidades

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220222/AnuncioG0426-080222-0001_gl.html

Prazo: Ata 30/11/2022

Resumo:

Xato no cebadeiro a onde pasan logo do destete

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas de compensacións complementarias e para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades. Estas subvencións contan cun orzamento de 125.000 euros.

Así, por unha banda, esta orde regula dous procedementos que se atopan na sede electrónica da Xunta de Galicia e que se corresponden cos dous períodos de tempo nas axudas complementarias (lucro cesante). En primeiro lugar, coas axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún no período no que non se permite a incorporación de novos animais (período de baleiro). En segundo termo, coas subvencións de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún no período dende que se autoriza a incorporación de novos animais, ata que esta se fai efectiva (período de postautorización).

O prazo para a presentación de solicitudes será desde este mércores, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, ata o día 30 de novembro de 2022

Por outra banda contémplanse, ademais das axudas para compensación, aquelas destinadas á compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos, naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, despois do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

Tamén se incluirán os casos de animais desas especies que morresen neses marcos sanitarios oficiais citados, e os casos de morte/sacrificio deses animais como consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas nas que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

Do mesmo xeito, poderán beneficiarse das achegas para a compra de animais de reposición as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións das devanditas especies nas que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *