Convocadas as axudas para tratamentos silvícolas

Medio Rural destina 7 millóns de euros a rareos, podas e rozas en piñeirais e masas de frondosas caducifolias. Apoia asimesmo a rexeneración de soutos de castiñeiros

Publicidade
Convocadas as axudas para tratamentos silvícolas

As axudas financian actuacións en piñeirais e masas de frondosas.

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180108/AnuncioG0426-121217-0001_gl.html

Prazo: Ata 19/02/2018

Resumo:

A Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para tratamentos silvícolas, que contan con dúas liñas, unha orientada a piñeirais e outra a masas de frondosas caducifolias, sobreirais e aciñeirais. A Xunta destina un total de 7 millóns de euros para financiar accions como rareos, podas e rozas. Para acceder á subvención, a superficie mínima será dunha hectárea en couto redondo no caso de propietarios particulares, e de 3 hectáreas no caso de montes veciñais e Sofor.

As actuacións subvencionables son as seguintes:

– Tratamentos en masas de coníferas para mellorar a prevención de incendios forestais: rareos e trituración dos restos, rozas de mato e podas ata unha altura de 4 metros.

– Tratamentos orientados a aumentar o valor ecolóxico de masas de frondosas caducifolias, sobreirais ou aciñeirais: rozas, formación de guías, rareos e selección de abrochos. Tamén se apoia a rexeneración e mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés por hectárea. Nos soutos, ademais de rozas e podas, financiaranse tratamentos fitosanitarios e o aumento da densidade do bosque por medio da plantación de castiñeiros resistentes á tinta.

Superficie
A superficie mínima de actuación será para os propietarios particulares dunha hectárea en couto redondo, é dicir, con continuidade da superficie de actuación sen interrupción de barreiras naturais ou artificiais. Nos montes veciñais, a superficie mínima será de 3 hectáreas, tamén en couto redondo, e nas Sofor, de 3 hectáreas, sen obriga de que estean en couto redondo.

As superficies máximas de actuación en Sofor e montes veciñais será de 50 hectáreas, en tanto os propietarios particulares poderán solicitar un máximo de 15 hectáreas.

Reparto dos fondos
Os sete millóns de euros previstos para as axudas dividiranse do seguinte xeito: 45% para comunidades de montes, 10% para propietarios particulares de xeito individual e 45% para asociacións de propietarios particulares, Sofor, cooperativas agrarias, montes de varas e outras persoas xurídicas.

Para as actuacións en piñeirais destínanse 6 millóns de euros, para masas de frondosas caducifolias 500.000 e para rexeneración de soutos de castiñeiros outros 500.000 euros.

O prazo de solicitude é de 30 días hábiles, contados a partir de mañá 9 de xaneiro, co cal poderanse presentar as solicitudes ata o 19 de febreiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información